“Estou moi satisfeito por conquistar o Open de GandAgro’25 xa que paso moitas horas con este animal”

Abel Carballo describe como son os coidados do exemplar que conquistou o Open de GandAgro'25 e xa o prepara para futuras competicións

“Estou moi satisfeito por conquistar o Open de GandAgro’25 xa que paso moitas horas con este animal”

Momento no que o xuíz outorga a vitoria a Kergo Ozalid 6818

Kergo Ozalid 6818, da gandería A Lagoa Serabel (Xermade, Lugo), foi o animal destacado polo xuíz, Marcel Egli (Suíza), no Open Internacional de GandAgro’25. O exemplar da gandería galega superou aos outros animais e fíxose co título de vaca gran campioa internacional, algo que é “un orgullo” para o seu propietario, Abel Carballo.

O mozo móstrase moi satisfeito por conquistar este campionato “xa que pasamos moito tempo xuntas, cólleslle agarimo aos animais e é unha satisfacción recibir este galardón nun certame con tanto nivel”. Engade que vía posibilidades, “pero nunca se sabe ata que saes á pista e vas vendo o nivel que hai e como o valora o xuíz”.

Para Abel este animal é especial posto que xa logrou dous premios no prestixioso concurso celebrado en Italia, Cremona International Livestock Show: cun terceiro premio no apartado reservado a animais de cinco anos, e, conxuntamente con vacas de explotacións de Cantabria e de Cataluña, o primeiro posto por grupos.

O animal recibe uns coidados especiais e Abel dedícalle horas para conquistar podios

O animal recibe uns coidados especiais e Abel dedícalle horas para conquistar podios

Por todo iso, faille uns coidados especiais: “Está nun cubículo aparte con cama libre de palla, preto da sala de muxido á que acode tres veces ao día e doulle para comer catro veces”. Seguindo estes coidados, ademais dunha preparación previa para os certames, Kergo Ozalid 6818 xa quenta motores para conquistar o podio da Moexmu, en Muimenta, e de Feiradeza, en Lalín. “Non teño un obxectivo claro, pero gustaríame recibir premios en numerosos certames”.

Ademais deste animal, o gandeiro participou con outra vaca, que quedou cuarta de sección, e unha tenreira que conseguiu un segundo posto de sección para o Autonómico e un cuarto no Open. “Son moi bos resultados para esta edición, non esperabamos tanto”, conclúe o mozo gandeiro.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información