Estes son os motivos da oposición ás grandes plantacións de viñedo na subzona Ribeira do Ulla

Publicidade
Plantación de viñedo no concello de Vedra

Plantación de viñedo no concello de Vedra

O Sindicato Labrego Galego da comarca de Compostela e colectivos veciñais de Vedra veñen de presentar preto de 340 alegacións contra o proxecto de 18 hectáreas que afronta Martín Códax. Sen embargo, afirman que non van contra esa acción concreta da cooperativa senón que é un paso máis na súa loita contra as plantacións masivas de viñedo na zona. O SLG, a Asociación Defensa da Ulla Verde (ADUV) e o colectivo Si a un Rural Vivo (SRV) cren que os concellos desta parte da bacia do Ulla adscritos á Denominación de Orixe Rías Baixas corren o risco de acabar caendo no monocultivo de viñedos.

Os argumentos esgrimidos para opoñerse á creación de novas plantacións industriais ou mesmo requirir a retirada dalgunhas xa existentes baséanse en 4 puntos principais:

O primeiro problema é que se dificulta enormemente o acceso á terra agraria. A acaparación de terreos que implican estes proxectos fai practicamente imposible que as persoas que desexen establecer aquí pequenas explotacións sustentables poidan dispoñer de parcelas suficientes para convertelas no seu modo de vida. Unha situación que leva a que a produción se oriente a un monocultivo industrial en toda a zona do Ulla.

Victoria Vázquez, de ADUV, e Lidia Senra, do SLG

Victoria Vázquez, de ADUV, e Lidia Senra, do SLG

O segundo versa sobre o impacto nos proxectos agrarios xa existentes. Aquí hai horta, froiteiras, agricultura ecolóxica e convencional e pequenas explotacións gandeiras. E tamén pequenas e medianas adegas tradicionais. Toda esa produción pode verse en risco polo efecto dos tratamentos con fitosanitarios que van empregar as grandes adegas. Poden darse casos de contaminación en alimentos pola presenza de pesticidas autorizados para viticultura pero non para esoutras producións, co conseguinte quebranto económico ou mesmo con sancións e precintados.

En terceiro lugar está o efecto negativo sobre a viticultura existente. A masificación de viñedo leva a que o viticultor autóctono sexa prescindible porque estes grupos buscan o autoabastecemento. Cando o acaden, tirarán os prezos da uva en orixe ou deixarán de mercala. Ademais, as adegas locais non poderán competir no mercado local pola fortaleza económica dos grupos foráneos.

O mercado internacional é a base para o cuarto aspecto. Hoxe o 30% da produción da DO Rías Baixas vai para a exportación. Mais o contexto internacional actual (aranceis, conflitos bélicos, guerras comerciais…) pode levar a que ese 30% xa non poida ser exportado e acabe envorcado no mercado interno. Coa conseguinte baixada de prezos e a desaparición de pequenos proxectos adegueiros familiares.

Ademais, os tres colectivos consideran que “os grandes grupos adegueiros poden destruir o emprego xa existente. Os procesos de mecanización e dixitalización fan posible prescindir da contratación, ao tempo que destrúen os proxectos que xa hai no Ulla. E preocupa tamén o que se poida facer cos terreos en caso de crise no consumo de viño. Os colectivos cren que se optaría por usos do máis diverso, dende cultivos experimentais ata a explotación de minas ou canteiras”.

O SLG, ADUV e SRV din que “se están a facer talas masivas para implantar viñedos, ignorando o papel que os bosques exercen, sexa cal sexa a especie arbórea que hai neles. E denuncian a execución de movementos de terras e desmontes moi agresivos co medio”.

A auga é algo que preocupa sobremaneira. Os tres colectivos afirman que “se están a facer pozos de barrena, sistemas de rega e balsas de acumulación que acaparan os recursos hídricos da zona”. E ven necesaria “unha análise das augas en toda a bisbarra para determinar o nivel de afectación por fitosanitarios. O condicionamento dos usos da auga redunda nunha perda de biodiversidade”.

Como acccións inmediatas, teñen pensado reclamar das administacións públicas unha análise sobre a permanencia dos fitosanitarios no aire. E van esixir que se respecten as distancias mínimas esixibles das plantacións ás vivendas e ás instalacións públicas. Alén diso, seguirán presentando alegacións a cada novo proxecto de alto rango de volume do que teñan coñecemento e convocarán os veciños a reunións informativas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información