Estes son os mellores meles do 2021 no concurso “Mel 5 Estrelas”

Estes son os mellores meles do 2021 no concurso “Mel 5 Estrelas”

O pasado 23 de novembro escolléronse en Arzúa os Meles 5 Estrelas colleitados polos apicultores e apicultoras galegos. O Concurso de Mel 5 Estrelas, organizado pola Asociación Galega de Apicultura, estase consolidando como un dos concursos de referencia no país, mantendo ano tras ano unha elevada participación, cunha gran diversidade nas mostras e un mel da máxima calidade. Entre eles foron seleccionados cinco meles como os mellores do 2021, que recibirán o selo “Mel 5 Estrelas” e serán promocionados durante un ano por feiras de toda Galicia.

O III Concurso de Mel 5 Estrelas, organizado pola Asociación Galega de Apicultura, celebrouse este ano cunha elevada participación dos apicultores e apicultoras de Galicia. As mostras seleccionadas, que pasaron á fase final do concurso, foron sometidas a cata polo xurado, que estivo presidido por Amparo Pardo, xerente do Museo O Enredo do Abelleiro, e composto por André Arzúa, restaurador e xerente de Espazo Abella; Dolores Rodríguez, apicultora e socia de AGA; Joaquín Lozano, veterinario de AGA e Noela Torres, restauradora e técnica de AGA.

Foron en total 63 mostras de mel, provintes das catro provincias, que participaron nas diferentes categorías: 20 como multifloral e 43 monoflorais, repartidas entre castiñeiro, queiroga, silva e mel de bosque, unha variada e completa representación de meles de todo o territorio galego. A categoría de eucalipto quedou este ano fora do concurso por non chegar ó mínimo de mostras necesarias.

Os gañadores e gañadoras foron:

Multifloral:

1º premio: Mª Josefa Durán Casal, Monfero (A Coruña)
2º premio: Javier Roo Muradas, Beariz (Ourense)
3º premio: Iago Fernández Pena, O Valadouro (Lugo)

Mel de bosque:

1º premio: Amable Pérez Diz, Muiños (Ourense)
2º premio: Xabier Sotelo Fernández, A Pobra de Trives (Ourense)
3º premio: Miguel Morales Añel, Allariz (Ourense)

Monofloral de castiñeiro:

1º premio: Javier Carreiras Cuadrado, Alfoz (Lugo)
2º premio: José Luis Esteban García, Lugo
3º premio: José Antonio Pazos González, Laza (Ourense)

Monofloral de queiroga:

1º premio: José Luis Pérez Fernández, Navia de Suarna (Lugo)
2º premio: Andrés Pérez Costa, Cedeira (A Coruña)
3º premio: Iván Marrube Rodríguez, Alfoz (Lugo)

Monofloral de silva:

1º premio: David Souto Gago, Verín (Ourense)
2º premio: Iván González Álvarez, Monforte (Lugo)
3º premio: Diana Iglesias Laso, Baltar (Ourense)

Os meles premiados en primeiro posto de cada categoría irán identificados cos selos “Mel 5 Estrelas”, para recoñecelos como os mellores meles do ano 2021. A Asociación Galega de Apicultura comprará ademais un lote deses meles a cada unha das persoas gañadoras, por un valor de 1.200 €, que destinará á súa promoción nas feiras e outros eventos apícolas que se realizan durante o ano por toda Galicia. Tamén se poñerán á venda a través da tenda online “Máis que Mel”, á que se pode acceder á través da web www.ericamel.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información