A nova Política Agraria Común avanzará un chanzo máis nas esixencias ambientais para os agricultores e gandeiros. Boa parte das axudas directas ó agro estarán condicionadas a partir do 2023 ó cumprimento dos chamados ecoesquemas, que representarán para o agro compromisos adicionais en materia de protección da biodiversidade, conservación do medioambiente e loita contra o cambio climático.
O deseño dos ecoesquemas, que se encadran no pilar 1 da PAC, corresponde a cada Estado membro, se ben o Plan Estratéxico Nacional de España terá que ser refrendado por Bruxelas. Para ser aprobados pola Comisión Europea, os ecoesquemas teñen que impulsar esixencias ambientais superiores ás da condicionalidade reforzada da Política Agraria Común. Tamén terán que ser medidas diferentes das que figuran nas axudas agroambientais (pilar 2).
Os ecoesquemas nos que traballa o Ministerio de Agricultura plantéanse con distintos niveis de intensidade de axuda, de xeito que sexa posible adherirse a eles con distintos graos de esixencias a cumprir. Tamén será posible que un mesmo agricultor ou gandeiro participe en varios ecoesquemas de xeito simultáneo, o que aumentará os seus pagos directos.
Estes son os ecoesquemas nos que traballa o Ministerio de Agricultura.
-
Pastoreo extensivo
Pago para os gandeiros que realicen pastoreo real en explotacións extensivas. Tería a posibilidade de complementos adicionais nos seguintes casos:
- Complemento se se realiza con razas autóctonas.
- Complemento polo emprego do pastoreo como medida de prevención de incendios.
- Complemento se a gandería coexiste con grandes carnívoros (lobos, osos).
- Complemento para pastos en Rede Natura e/ou en zonas con limitacións naturais.
O deseño da medida contemplará unha carga gandeira mínima e máxima. Tamén se propón que se teñan en conta as superficies forestais nas que se fai pastoreo, aínda que non sexan elixibles a efectos da axuda de renda básica (o actual pago básico).
O pastoreo será controlado con inspeccións sobre o terreo e tamén se valora monitorear os movementos do gando por colares GPS.
-
Implantación e conservación de marxes, corredores ou illas de vexetación
O compromiso proposto consiste no establecemento de marxes cultivadas, illas de vexetación ou corredores mediante a sementeira de franxas do terreo con especies autóctonas. Outra opción é a plantación de árbores ou especies de mato que convivirán coas silvestres co fin de favorecer a biodiversidade, en especial as poboacións de insectos e aves.
Para ser considerada unha marxe multifuncional, deberá presentar unha porcentaxe mínima das especies que se recomenden. Poderán tamén servir para xustificar o cumprimento das esixencias do ecoesquema os elementos da paisaxe nos que se constate que existe esa porcentaxe mínima de especies recomendadas.
No caso galego, unha das posibilidades radica na inclusión no ecoesquema dos bosques de ribeira, habituais na maioría de comarcas agrarias.
Igual que no resto de ecoesquemas, haberá un complemento a maiores para terras ubicadas en zonas de Rede Natura.
-
Fomento de rotacións con cultivos que melloran o solo (leguminosas, oleaxinosas)
O obxectivo é introducir na rotación cultivos que contribúan a reducir o uso de fertilizantes e fitosanitarios. Fálase de rotacións anuais con polo menos tres especies cada ano, de xeito que se diversifique o cultivo con especies leguminosas ou oleaxinosas. Queda por definir en que porcentaxe debe aparecer cada cultivo.
Se se toma como referencia o actual greening (pago verde), o cultivo principal non podería superar o 75% e os dous predominantes non máis do 95%.
-
Fomento da aplicación de plans individuais de fertilización
A idea deste ecoesquema é fomentar que os produtores axusten á fertilización ás necesidades de cada cultivo. A elaboración dos plans deberá ter en conta tódalas aportacións que se lle fagan ó solo (enmendas, abonos minerais e orgánicos, restos de colleitas anteriores, etc.), marcando o periodo e forma de aplicación en cada caso.
Deberá contarse cun asesor agronómico ou cunha aplicación informática que facilite os cálculos. Os abonados quedarán ademais recollidos no caderno de explotación.
Dado que está en preparación un borrador de real decreto de fertilización sostible, que convertirá en obrigatorios os plans de fertilización individuais, este ecoesquema só estará dispoñible durante o periodo en que os plans de fertilización non sexan obrigatorios.
-
Participación en programas individuais ou colectivos de valorización enerxética de esterco de rumiantes ou equinos
O Ministerio proxecta apoiar a valorización enerxética dos estercos, ben por si mesmos ou con biomasa de orixe vexetal, tanto a nivel individual como colectivo. Esta valorización considérase que tería efectos positivos na redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, fundamentalmente metano. Tamén se sostén que reduciría a emisión de amoniaco derivada do almacenamento do xurro.
O ecoesquema poderíase aplicar a título individual nas explotacións, por exemplo con plantas de biogás, como as existentes nas granxas de Centroeuropa, ou a nivel colectivo, particularmente no caso de áreas de alta densidade gandeira.
En Galicia, é polémica a intención da Xunta de montar macroplantas para a xestión de xurros, que financiarían os gandeiros a través deste ecoesquema. Medio Rural expuxera unha idea inicial de implantar estes centros de tratamento na comarca do Xallas (A Coruña), na Terra Cha (Lugo), no Deza (Pontevedra) e na Limia (Ourense), se ben antes das últimas eleccións, o presidente da Xunta anunciou como proxecto tractor un único gran centro, presupostado en 525 millóns de euros, para tratar xurros e residuos plásticos e téxtiles.
O ecoesquema de valorización enerxética dos xurros, en calquera caso, ó estar orientado ó gando vacún, non solventaría os problemas de xurros en Galicia asociados ó porcino, pero se se construísen os centros de tratamento anunciados pola Xunta, si poderían ser utilizados polos produtores de porcino de comarcas como A Limia ou o Deza.
-
Fomento da aplicación de plans individuais de uso sostible de fitosanitarios
A intención é promover nas explotacións agrarias plans individuais de uso sostible de fitosanitarios que permitan verificar, en cada caso, o progreso na reducción de riscos e efectos perxudiciais para o ambiente, derivados dun uso inadecuado.
O produtor deberá levar ó día un caderno de explotación online, que será a ferramenta que permitirá evaluar a reducción do consumo de fitosanitarios, ponderada en base ó perfil ecotoxicolóxico de cada produto.
No borrador deste ecoesquema, o Ministerio precisa que as estatísticas de uso de fitosanitarios, que facilitarían a medición de avances, só están dispoñibles para determinados cultivos (cebada, trigo, xirasol, hortalizas, viñedo, olivar e cítricos).
-
Implantación de cuberta vexetal viva en cultivos herbáceos (barbeitos melíferos) ou en cultivos leñosos (cubertas permanentes).
A promoción de cubertas vexetais vivas, tanto en barbeitos como nas entreliñas de cultivos leñosos, busca reducir a erosión do solo, promover a biodiversidade e reducir o uso de fitosanitarios. En cultivos herbáceos, trataríase de facer un barbeito sementado, por exemplo con especies fixadores de nitróxeno, ou melífero, con especies axeitadas para as abellas.
Barállanse os seguintes complementos:
- Complemento para cultivos leñosos en secano de alto valor paisaxístico.
- Complemento para agricultura de conservación ou sementeira directa (dependendo do que se decida sobre a prórroga ó glifosato).
- Complemento para zonas de Rede Natura.
-
Incorporación ó solo de restos de poda en cultivos leñosos
A trituración dos restos de poda é unha alternativa a súa queima, que provocaría a xeración de gases de efecto invernadoiro. Melloraríase así ademais a fertilidade do solo, con incorporación de materia orgánica.
Estúdanse complementos para zonas de secano de alto valor paisaxístico e para parcelas ubicadas en Rede Natura.
Valorización enerxética de biomasa vexetal
A posibilidade de transportar os restos de poda a empresas de coxeneración (produción de electricidade) ou de produción de pellets sería tamén unha medida aplicable en municipios especializados en cultivos leñosos (por exemplo, o olivar), sempre que existan plantas de biomasa nun radio menor de 50 quilómetros.
Máis información
– A negociación da nova PAC entra na recta final.