Estes son os 71 concellos nos que a Xunta priorizará recuperar 5000 hectáreas para o cultivo

Estes son os 71 concellos nos que a Xunta priorizará recuperar 5000 hectáreas para o cultivo

Terra agrícola recuperada na Pontenova

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe da Consellería do Medio Rural onde se detallan e se analizan as zonas preferentes de actuación para desenvolver polígonos agroforestais de iniciativa pública, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Para iso, comparouse a información da demanda de terra agraria, recollida a través da manifestación de interese (MDI) realizada pola Consellería do Medio Rural, coa localización das masas de concentración ou reestruturación parcelaria con abandono superior ao 50 % da súa superficie. Así, concluíuse que en 71 concellos se poderían desenvolver estas figuras de mobilización de terras, xa que a demanda de terra agraria pode ser satisfeita coa superficie dispoñible en zonas de concentración parcelaria abandonada do mesmo municipio.

48 concellos cuxa demanda pode ser totalmente cuberta: 

CONCELLOS TERRAS POLIGONOS 1

23 concellos nos que a demanda de terra poder ser cuberta parcialmente: 

CONCELLOS TERRAS POLIGONOS 2

Medio Rural lanzou en marzo deste ano a Convocatoria de manifestación de interese de proxectos autonómicos, dirixida a identificar proxectos ou iniciativas que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. En total, recibíronse case un millar de propostas que indicaban a localización xeográfica da terra demandada, que supoñen un total de 21.322 hectáreas. Ademais, fóra da MDI, as cinco denominacións de orixe dos viños de Galicia solicitaron case 10.000 hectáreas para ampliar as súas zonas de produción.

Coñecida a demanda de terra que se precisa en Galicia, a Consellería realizou un novo estudo para identificar e cuantificar superficies continuas de concentración parcelaria (as coñecidas como masas de concentración) que cumprían cunha serie de requisitos–establecidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia– e que puidesen ser empregadas para establecer polígonos agroforestais e, polo tanto, dar resposta a esa demanda de terras.

Así, determinouse que Galicia conta con 707 masas de concentración parcelaria abandonada –que supoñen unha superficie de algo máis de 24.000 hectáreas concentradas en 88 concellos– para poñer á disposición daquelas explotacións que o precisen mediante a posta en marcha de polígonos agroforestais.

Desta forma, a través do presente informe cruzáronse os datos de oferta e da demanda de terras para poder determinar as zonas preferentes de actuación. Así, concluíuse que hai 71 concellos nos cales se podería dar cobertura a esa solicitude de terreo para ampliar a base territorial das explotacións da zona. Esta mobilización de terras afectaría case 5.000 hectáreas de superficie con boa capacidade produtiva que, na actualidade, están abandonadas ou infrautilizadas.

Doutra banda, o informe que hoxe se presentou no Consello da Xunta tamén analizaba as posibilidades de cubrir as demandas de terra localizadas na MDI a unha distancia máxima á explotación solicitante. Así, das 994 solicitudes que demandan terras xeolocalizadas a nivel de concello, 519 solicitudes indicaban unha distancia máxima respecto á explotación para localizar as terras demandadas.

Tendo en conta a dispoñibilidade de terreo, a Xunta podería priorizar a delimitación concreta de polígonos para 102 explotacións (8 agrícolas, 76 gandeiras, 8 forestais e 10 mixtas) que demandan preto de 2.500 hectáreas nunha área en que existen concentracións parcelarias con abandono.

Ademais, teranse en conta outras 39 explotacións para as cales existe superficie dispoñible en concentración parcelaria a menos dun quilómetro da distancia máxima que requiren para ampliar a súa base territorial, as cales suporían a mobilización doutras 855 hectáreas de terreo.

“Polo tanto, tendo en conta a terra que se pode mobilizar en concellos e por explotacións, falamos da creación de polígonos agroforestais que porían en valor como mínimo 5.000 hectáreas de superficie de boa calidade que, actualmente, están abandonadas ou infrautilizadas”, destacan dende a Consellería de Medio Rural.

Demanda de terra

Cabe lembrar que a Xunta recibiu, ao abeiro da MDI, preto de 1.500 iniciativas –entre enquisas simplificadas e proxectos– de pequenas e medianas empresas que queren optar aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado polo Goberno central. De todas elas, un total de 994 indican a localización xeográfica da terra demandada e supoñen a posta en valor de 21.322 hectáreas.

Deste total, algo máis de 13.200 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva gandeira, máis de 1.900 hectáreas demandadas son para a orientación produtiva agrícola e algo máis de 1.400 ha para produción forestal.

A estas cifras habería que sumarlle outras máis de 4.700 hectáreas que compatibilizarían produción mixta. Ademais, a maiores destes proxectos formulados á MDI, as cinco denominacións de orixe dos viños de Galicia solicitaron case 10.000 hectáreas para ampliar as súas zonas de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información