Estes son os 3 modelos de peche para previr o ataque do lobo que conseguen un 80 % de efectividade

Logo de valorar os tres sistemas de peches distintos, con dez repeticións en distintas zonas de Galicia, o equipo presentou os resultados do proxecto nunha xornada en Rábade

A Casa das Ínsuas de Rábade (Lugo) é o espazo elixido para presentar este venres os sistemas de peches máis axeitados para protexer ao gando contra o lobo. ‘Medidas preventivas da predación do gando para a convivencia co lobo en Galicia’ é o nome do proxecto, no que se recollen recomendacións para incrementar a seguridade do gando.

O proxecto está promovido polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL),xunto con Beealia. Tamén forman parte do proxecto o CSIC, a Asociación Galega de Custodia do Territorio e Arena.. Joan Alibés, de Beealia, e Luis Llaneza, de Arena, presentarán hoxe as principais conclusións nunha xornada con máis de 60 persoas inscritas e que suscitou un gran interese. 

Hai que ter en conta que o lobo en Galicia se distribúe pola maior parte do territorio, polo que a inmensa maioría das ganderías con animais en pastoreo deben convivir con esta especie silvestre e fixar medidas preventivas para evitar posibles ataques. Por todo isto, levouse a cabo o proxecto no que se testou a efectividade de tres tipos de peches electrificados con repeticións de cada un deles.

Peches para o lobo fixos de malla. Imaxe recollida do proxecto

Peches para o lobo fixos de malla. Imaxe recollida do proxecto

Nos peches, de 200 metros de perímetros, situáronse tres ovellas e avaliouse a súa efectividade para evitar os ataques de lobo o longo dun ano durante as 24 horas do día. Tamén se calculou o custo da instalación dos tres tipos de peches, así coma o tempo dedicado á roza e ao mantemento dos mesmos. Finalmente, empregáronse cámaras de fototrampeo para a supervisión dos peches. Os 30 peches situáronse en 20 ganderías colaboradoras espalladas por toda Galicia.

Peches para o lobo de arames. Imaxe recollida do proxecto

Peches para o lobo de arames. Imaxe recollida do proxecto

Os resultados mostran que teñen unha alta efectividade, un 80 %, posto que na maior parte das ganderías non houbo ataques durante o ano de estudo. Aínda así, houbo ataques nos tres tipos de peche.

Para o gando vacún recomendan o peche de arames, xa que é máis económico e permite un mantemento sinxelo

Nunha das ganderías, o lobo entrou nos tres tipos de peche, o que indica unha habilidade especial dalgún exemplar para sortear as medidas preventivas. Hai que ter en conta que o lobo foi capaz de entrar nalgún dos peches saltando unha altura total de 1,5 metros, sendo fotografado en pleno salto.

Peche para lobo móbbil con mastín. Imaxe recollida do proxecto

Peche para lobo móbbil con mastín. Imaxe recollida do proxecto

O peche máis caro de instalar -con prezos dos anos 2021, 2022 e 2023, cando se realizou o estudo- foi o fixo de malla (17,63 euros por metro de peche), despois o fixo de arames (11,95 euros por metro de peche) e o móbil foi o máis barato con moita diferencia (1,92 euros por metro de peche). En canto ao custo de mantemento, o de malla leva un custo anual de 1,738 euros e 140 horas de dedicación; o de arames de 1.209 euros e 97 horas, e o móbil de 1.058 euros e 85 horas. Nos tres casos, a estes gastos hai que sumar uns 325 euros do custo do pastor.

Hai que ter en conta que, a pesar de que o móbil é o máis económico, tamén leva un gasto a maiores do mantemento dun mastín, o que supón engadir uns 400 euros anuais.

No estudo, aconsellan para as ganderías de ovino e cabrún o peche fixo de malla e o móbil con mastín. Aínda que o peche con arames deu uns resultados similares, en canto a efectividade, semella arriscado para os pequenos ruminantes. Polo contrario, para o gando vacún recomendan o de arames, xa que é máis económico e permite un mantemento sinxelo e cunha efectividade axeitada.

En todo caso, a protección con cans nos peches considérana sempre aconsellable para mellorar a súa efectividade.

Xornada de presentación

Estes resultados serán presentados en Rábade este venres, durante unha xornada divulgativa, na que tamén participarán Santiago Crecente, do CIAM, Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia do Territorio, quen abordarán a situación do lobo en Galicia, e José Vicente López, do CSIC, quen falará das medidas preventivas.

Descarga aquí o dípltico sobre modelos de peche efectivos contra o lobo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información