Estes son os 15 animais de elite que se poxarán en Curtis

O Recinto Feiral acollerá o 14 e o 15 de marzo dúas citas ineludibles no sector como son as Xornadas do Rural Galego e a Poxa de Élite de Gando Frisón

Estes son os 15 animais de elite que se poxarán en Curtis

Curtis converterase os vindeiros 14 e 15 de marzo no epicentro do rural galego coa celebración de dous eventos organizados polo Concello: o sábado 14 de marzo, o Recinto Feiral de Curtis acollerá as IV Xornadas do Rural Galego e o domingo 15 a Poxa de Élite de Gando Frisón.

En canto a esta última, xa está publicado o catálogo: participarán 15 animais de 9 das mellores ganderías de Galicia, Asturias, Cataluña e Castela e León, que destacan nos primeiros postos de España en cualificación morfolóxica ou índices xenéticos.

A poxa, explican desde a empresa colaboradora EmbrioMarket, contará con “dúas herdeiras directas de campioas nacionais, coa segunda mellor explotación por ICO de España, os dous primeiros mellores criadores de España por cualificación morfolóxica, tres animais entre as 15 primeiras por GICO, a terceira tenreira por índice GICO ou as dúas primeiras por quilos /leite”, entre outros.

A cita dará comezo ás 11.30 horas e espérase a presenza de compradores de toda España e de distintos países europeos para os 15 lotes que se poxarán.

Consulta aquí o catálogo dos animais que sairán a poxa

Xornadas do rural galego centradas no desenvolvemento rural

En canto ás Xornadas do Rural Galego, que se celebrarán o sábado, este ano artellaranse ao redor dun monográfico sobre o desenvolvemento rural. O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, será o encargado de inaugurar estas xornadas ás 11.00 horas. O primeiro relatorio -11.15 horas- correrá a cargo de Manuel Rodríguez Vázquez, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), e versará sobre “A aposta pola artesanía alimentaria galega”.

Tras a pausa para o café, ás 12.30 horas arrincará o relatorio de Jaime Izquierdo Vallina, comisionado para o Reto Demográfico do Principado de Asturias e experto en desenvolvemento rural, que levará por título “A cidade agropolitana. A aldea cosmopolita”. Posteriormente, abrirase unha quenda de preguntas e sobre as 14.30 horas clausuraranse estas IV Xornadas do Rural.

Mercado de Primavera

Ademais, durante toda a fin de semana, paralelamente a estas actividades, terá lugar o Mercado de Primavera, coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Curtis. O evento abrirá o sábado e o domingo ás 11.00 horas e albergará numerosos expositores de alimentación, plantas, roupa, fogar, artesanía ou tecnoloxía. Ademais, estará amenizado pola actuación folclórica do Grupo de Gaitas e Baile “A Carballeira”.
O recinto tamén acollerá unha exposición de gando e maquinaria agrícola e forestal. O mercado contará ademais cunha praza de alimentación con foodtrucks para que os asistentes poidan gozar do Mercado durante toda a xornada.

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, quixo agradecer a implicación do comercio e a hostalería local nun evento que estará repleto de actividades e co que esperan atraer por centos de visitantes de toda Galicia. Caínzos, animou aos veciños e veciñas de Curtis e dos municipios da comarca para gozar de todos os eventos que están preparados para esa fin de semana semana.

#IVSubastaElite #IVTopAuction #frisonelite #eliteholstein

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información