“Estes incendios foron só un aviso do que pode pasar se non se modifican as condicións dos montes”

Todos os lumes forestais teñen unhas causas, un desenvolvemento e unhas consecuencias. Para coñecer os aspectos técnicos e físicos dos incendios, falamos co profesor Juan Picos, un dos maiores expertos forestais en Galicia. Dende o comportamento das lapas en relación cos fenómenos meteorolóxicos ata as cuestións legais e as posibles consecuencias, facemos un repaso polos aspectos menos coñecidos dos lumes.

Publicidade

JUAN PICOS uvigo

Juan Picos é Profesor na Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, pola que tamén é Doutor. Dende 1998 ten participado en máis de 30 proxectos de I+D+i de ámbito autonómico, nacional e internacional con financiamento público e privado. Atendeu a nosa chamada logo de días de intenso traballo analizando tanto o que sucedeu durante os lumes como o que pode suceder a curto e longo prazo. E tamén o que sucedeu antes dos incendios.

– Que medidas paliativas para mitigar os efectos dos incendios se poden aplicar nas semanas seguintes a que sexan extinguidos?

Ante todo, ter en conta que durante moitas semanas seguirá habendo risco de que os montes volvan arder con virulencia. Dito esto, e respecto desta vaga, o primeiro que hai que facer é diagnosticar ben o que pasou. Desa diagnose sairán as medidas.

Dende que un incendio se dá por controlado ata que realmente se extingue poden pasar días. Incluso aínda que chova. Cando se comproba que xa non hai rescaldo, hai que determinar as áreas de intervención en función da gravidade do lume e da situación de cada zona (pendente, xeoloxía, vexetación que ardeu…). Con esa información procederase aos labores de consolidación naquelas zonas onde poida haber máis risco de arrastres e de erosión. Sería, polo tanto, un traballo en tres fases: diagnose, estabilización e recuperación.

– A opinión maioritaria dos técnicos é que esta vaga de lumes foi única e que nunca se vivira nada igual en canto as características e o comportamento dos incendios. Foi así? Por que motivos?

Pódese decir que o que vimos esta vez foi como unha mestura do que viviramos en 2005 en Laza, en 2022 no Courel, ou na área metropolitana de Vigo en 2017. Foi como xuntar todos eses lumes e nun espazo continuado. É certo que nunca viramos algo así, pero sabiamos que podía pasar. Porque a confluencia de clima, combustible vexetal e características do terreo levaban a contemplar este posible escenario que finalmente se produciu.

Que algo nunca pasara non implica que non volva pasar. E neste caso pode pasar mudado e amplificado

Antes de 2022 non tiveramos incendios de máis de 10.000 hectáreas. Era un límite psicolóxico. Este ano imos ter dous que superen as 20.000. A inercia do clima e o territorio levan a que cada vez os lumes sexan máis extensos e ese límite psicolóxico medre con eles. Tamén vimos que arderon zonas en Valdeorras e Quiroga que xa arderan en 2022, o cal indica a capacidade de rexeneración da vexetación do monte.

No caso dos incendios forestais en Galicia, o razonamento “esto nunca pasara e, polo tanto, non vai volver pasar” é erróneo. Todo esto pode volver suceder, mudado e ampliado, se non comezamos a actuar sobre as condicións que o favorecen. Non estamos ante fenómenos de probabilidade baixa. Sabemos que é moi probable que volva pasar. O que non sabemos é cando e onde.

A intensidade dos lumes levou a que se formasen columnas convectivas

A intensidade dos lumes levou a que se formasen columnas convectivas

– Outra visión estendida é a de que o traballo dos equipos de extinción puido ser pouco efectivo porque as características do lume facían inviable atallalo. Cre que eso foi o que pasou?

En moitos incendios hai un momento denominado “fóra das capacidades de extinción” no que non
é posible atacalo de xeito directo. Nese caso hai que deixar as frontes e traballar en zonas nas que o lume poida chegar para reducir os seus efectos e protexer aquelo que estea no camiño do lume. Eso foi o que sucedeu estes días, incluso con xornadas en que non se puideron empregar algúns medios aéreos polo fume e as treboadas secas.

Ao falar de lumes contabilízanse as hectáreas queimadas. No caso de extinción, o que se mide é o perímetro, a liña de fronte do lume que se espalla. Cada hora que pasa, ese perímetro aumenta exponencialmente e, con el, o número de vivendas, animais e estruturas ás que ameaza. Así, chega un momento en que os medios de extinción se saturan. Os medios poden ir dun sitio a outro, pero sempre irán máis despacio ca o lume.

Cando falamos de extinción, o que importa non son as hectáreas queimadas, senón o perímetro que abrangue a fronte do lume

Agás a desgraza acontecida en Oímbra, e tendo en conta a magnitude e características dos incendios, pódese dicir que o número de danos sobre a poboación e sobre os equipos de extinción foron razoables. É decir, o traballo tivo que centrarse menos en apagar o lume e máis en salvar vidas, vivendas, gando e cultivos. E con notable éxito para o que foron estes incendios. Hai que lembrar que a prioridade na extinción pola lei de protección civil é primeiro salvar persoas, despois bens e despois valores naturais.

Os lumes non sempre poden ser atacados na súa fronte de avance

Os lumes non sempre poden ser atacados na súa fronte de avance

Un lume é como unha maratón: a primeira hectárea que arde non é igual que a número 30. Para os dispositivos de extinción tampouco. A medida que pasan os días o servizo está máis canso, máis fragmentado e cun inimigo -o lume- cada vez máis grande.

– Un debate aberto está na causa dos lumes, que poden ser moi variadas. Que cre que foi o que pasou aquí?

Eso é algo que aínda haberá que investigar en profundidade. En Galicia montouse hai anos a Unidade de Investigación Forestal (UIFO), dentro da Consellería do Medio Rural. Máis aló das pescudas das forzas de seguridade, o labor da UIFO xa está dando froitos e chegan a saber cando un lume é accidental ou provocado e a determinar con fiabilidade as circunstancias en que se produciu.

Cando falamos de causas hai que distinguir entre as causas de ignición -esa primeira chispa que prende- e as causas de propagación, as que levan a que o lume se propague. Dentro das segundas están o estado, cantidade e dispoñibilidade de combustible. No macizo ourensán había moito combustible, moi seco e moi accesible.

Nos incendios forestais hai que distinguir entre as causas de ignición e as causas de propagación

Máis aló do que se descubra, a miña opinión é que non sucedeu nada diferente doutros anos. Seguro que houbo xente que puxo lume, xente que o causou por erro ou descoido e lumes accidentais (por exemplo unha chispa nunha liña eléctrica). Pero, unha vez que xa ardía, houbo elementos que si o fixeron diferente.

É o caso dos focos secundarios, a meteoroloxía con treboadas secas e as columnas convectivas. Estas son esa especie de enorme nubes de fume e faíscas que saen do chan e que queiman moitísima enerxía que mandan hacia arriba e que contribúen a espallar o lume ao caer.

– Todos os gandeiros afectados cos que falamos dende Campo Galego coinciden en sinalar as queimas de inverno como un mecanismo eficaz de para previr os lumes pero que non se está a aplicar. Comparte esta opinión?

Como dixen, o estado, cantidade e dispoñibilidade do combustible é un aspecto clave para que o lume se espalle ou non. Para ter control sobre ese combustible, precisamos todas as ferramentas ao noso alcance: desbroces, faixas de seguridade, xestión forestal e agrogandeira…e tamén as queimas de inverno, si.

Temos que ser quen de buscarlles un acomodo que permita aproveitar a súa eficacia reducindo os seus riscos. Durante décadas estiveron prohibidas e agora recuperámolas como mecanismo sustentable fronte aos incendios. O malo é que a prohibición levou a que se perdera o coñecemento e agora hai que reaprendelo para que se fagan correctamente e nos momentos precisos.

As queimas de inverno constitúen unha das ferramentas de prevención de incendios

As queimas de inverno constitúen unha das ferramentas de prevención de incendios

– A meirande parte do que ardeu foi mato. Un mato que, no caso de Valdeorras, xa ardera hai tres anos. Habería que reforestar esas zonas? Con que especies?

Non o creo. As zonas altas de Galicia sempre foron de vexetación non arbórea e incluso algunhas son hábitats de interese. A maioría de especies de mato que temos en Galicia son pirófitas e están adaptadas ao lume, por eso rebrotan ao pouco tempo de arder.

As queimas controladas poden ser moi eficaces. Pero temos que recuperar ese coñecemento para que sexa eficaz

Nesas zonas, unha mestura de presenza de gando e de queimas de inverno profesionalizadas servirían para ter barreiras fronte ao lume e para reducir a carga de combustible. Non esquezamos que o mato medra pero deixa por debaixo capas mortas e secas, que son as que máis fácil arden. Se mantemos matos baixos e pastados, reducimos os lumes.

Por eso, non creo que poñer árbores nos montes que arderon sexa a solución. Tan só en zonas moi concretas e con especies moi concretas capaces de adaptarse. Cando se fai unha plantación de árbores, primeiro hai que pensar por que e para que se fai. Non pode ser a resposta rápida a unha situación de desgraza.

– Aínda que se declararon diferentes lumes, houbo días no macizo ourensán nos que parecía que se trataba dun único incendio porque non había discontinuidade. Por que se produciu esa situación? Como se pode evitar?

Unha primeira causa está na calor e a seca. Os ventos desecantes durante todo o día e as noites que non enfrían e non permiten recuperar humidade prolongáronse durante semanas. Eso unido as treboadas secas e aos focos secundarios levou a ter a sensación nalgunha xornada de que entre o centro-norte de Portugal e case ata Cantabria había unha autoestrada de lume.

Os cortalumes son eficaces nalgúns casos. Neste non o foron por todas esas condicións anteditas e polos focos secundarios e a radiación dos lumes. Pensemos que estes incendios cruzaron a A-52 e o río Sil!! Os cortalumes son útiles para apoio a extinción e para deter lumes de flancos que permitan a entrada e saída dos equipos de extinción.

Por outro lado, a paisaxe mosaico é de moita axuda para frear a inercia do lume. Calquera discontinuidade fai que o lume free a velocidade e dea máis opcións de combatelo. Por contra, se toda a paisaxe é igual, vai arder de xeito uniforme. A diversidade de usos da terra é unha barreira para as lapas. Nalgún sitio pode ser con pastos, noutra con frondosas, noutra con viñas…dependerá de cada sitio.

Traballamos para identificar as áreas que poden favorecer que se espalle o lume e para poder intervir nelas

Eu participo nun proxecto en que estamos determinando o que se chama “áreas estratéxicas de xestión”. Trátase de identificar as zonas do territorio que son claves na propagación dos grandes lumes. Se somos quen de determinar en cada territorio cales son as áreas potencialmente máis proclives a favorecer que se espalle o lume, poderemos actuar preventivamente sobre elas.

Estamos recollendo todo tipo de datos e traballando con simuladores e coa IA reproducindo condicións que nin sequera se produciron aínda para ter toda a información posible que permita exercer políticas de prevención específica nesas áreas e, chegado o caso, actuar prioritariamente sobre elas cando o lume se produza. Ata poderiamos reproducir as condicións e comportamento dun lume e predecir a súa evolución sin que este sexa real. Sería unha ferramenta moi útil.

Picos traballa nun proxecto para identificar as áreas máis proclives a arder e espallar lumes

Picos traballa nun proxecto para identificar as áreas máis proclives a arder e espallar lumes

Tamén traballamos nos aspectos xurídicos. Porque queremos que esta ferramenta poida ser de aplicación pola súa utilidade pública. Por exemplo, se hai un propiedade ou unha comunidade de montes sobre os que hai que actuar con medidas de prevención, temos que ter o respaldo legal para intervir.

– É unha opinión común que en 2022 foron os soutos os que frearon os lumes do Courel. Sen embargo, desta volta arderon zonas de souto como Vilardevós ou Riós. Cal foi a diferencia?

Esa opinión é discutible. En 2022 a combinación do tipo de vexetación, a súa estrutura e o lugar onde se ubicaba fixo efecto para frear o lume. Os incendios non entenden de especies, entenden de combustible. Un souto maduro, que mantén sombra e está preto de ríos, fontes ou mananciais mantén unhas condicións de humidade que fan que sexa máis difícil que arda. Eso foi o que pasou nas zonas máis baixas e fluviais do Courel. En cambio, en terreos secos, con castiñeiros ou outras frondosas que hai que regar e que aínda non son moi adultas xa vimos que non tiveron defensa.

E hai que aclarar que os castiñeiros ou os ameneiros se dan nesas zonas frescas e húmidas. No curuto dos montes non sobrevivirían. Quero decir que non en todos os sitios podemos ter frondosas e que tampouco todas as frondosas van deter o lume; dependerá das condicións en que estean. Tamén hai que ter paciencia: as frondosas que coloquemos hoxe en zonas aptas para elas poden tardar 25 anos en ser efectivas. A natureza non é máxica.

– Como en todos os incendios, houbo lugares que arderon e nos que as árbores quedaron en pé, con diferentes graos de deterioración. Que se pode facer con esa madeira?

Dependerá moito do nivel de afectación. Se a árbore está viva -aínda que presente queimaduras nalgunha zona- esa madeira non é urxente sacala. Tamén pode ser que estea soflamada e que acabe secando. Ou que estea morta. Nos dous segundos supostos, esa madeira vai comezar a apodrecer e todo o tempo que pase sen que se retire xoga en contra dunha posible utilización posterior. De servir para facer palés ou caixas, pasa directamente a ter que ser triturada para taboeiros ou biomasa.

Como científicos, temos a intención e o deber de estudar este incendio en profundidade para dotar a sociedade de ferramentas fronte o lume

Por eso é tan importante esta fase de diagnose posterior ao lume. Para fixar as prioridades de recuperación en cada caso concreto e que os terreos ardidos volvan ter valor. Se se fai un aproveitamento rápido da madeira que aínda é útil, haberá máis recursos económicos parta volver arrincar novos proxectos nos terreos queimados.

A xestión da madeira que queda nos montes é algo prioritario segundo se extinguen os incendios

A xestión da madeira que queda nos montes é algo prioritario segundo se extinguen os incendios

– Pola extrema gravidade destes incendios, van ser obxecto de estudos científicos?

Por suposto. Xa dende que comenzaron, proxectamos como investigalos. Coa información que extraiamos poderemos elaborar modelos predictivos de cara a futuros lumes. Imos facer unha análise en profundidade e contrastar o que sucedeu aquí co que levamos investigado e observado ata agora.

Non é só que vaiamos investigar. É que é o noso deber facelo. Os traballadores dos servizos públicos temos que proporcionarlle a sociedade ferramentas para enfrontar estes problemas. Non só explicarlles o que pasou, senón tamén aportar solucións para que non volva pasar ou, polo menos, que non suceda con tanta intensidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información