A cooperativa rural galega CLUN, dentro da súa vocación de apoio ao futuro da gandería galega, patrocina a cuarta e quinta edición das Escolas de Iniciación de Futur@s Gandeir@s, xunto con FEFRIGA (Federación de Frisona de Galicia) e a Deputación de Pontevedra. Esta actividade, organizada por FEFRIGA (Federación de Frisona de Galicia) e o Club de Xóvenes Gandeiros, contará cun máximo de 30 prazas por quenda, 60 en total, e está dirixida a mozas e mozos gandeiros (de entre 8 e 25 anos) procedentes de toda Galicia e outras comunidades.
Esta formación de verán desenvolverase na Finca de Mouriscade, en Lalín, do 26 ao 30 de xullo e do 19 ao 23 de agosto. Unha formación que busca brindarlles os coñecementos prácticos esenciais para o coidado e manexo de animais, ofrecendo aos participantes unha experiencia formativa enriquecedora e ilusionante que contribúa ao fomento das vocacións gandeiras e ao desenvolvemento sostible do sector.
Aqueles interesados deberán anotarse antes do 5 de xullo na Federación Frisona Galega (Email: fefriga@fefriga.com). O custo das escolas é de 200 € por persoa e inclúe aloxamento, comida, documentación, material e seguro. Os socios do Club de Xóvenes Gandeiros terán un desconto do 30% no prezo. Os participantes recibirán un diploma ao rematar a escola.