Este venres preséntanse en Lugo as xornadas internacionais “Ciencia na aldea”

Ciencia na aldea 2024 CORRIPAA área de Medio Rural da Deputación de Lugo e a Xunta Directiva da Asociación Corripa presentarán o venres día 11 de Abril o programa da edición internacional de Ciencia na aldea deste ano 2025, que terá lugar os próximos días 25, 26 e 27 de abril na aldea lucense de Pena da Nogueira (Negueira de Muñiz) e que contará con relatores chegados da illa de Sardeña.

O acto de presentación celebrarase ás 17:30 horas no Salón de Actos da Deputación de Lugo e terá a seguinte estrutura:

• Benvida institucional e presentación do acto:
◦ Daniel García (Deputado de Rural, Mar e Mocidade. Vicepresidencia da Deputación de Lugo)
◦ Vanessa Paredes (Presidenta Asociación Corripa)
◦ Alberto Uría (Vicepresidente Asociación Corripa)
• Proxección de vídeo co resumo da edición de 2024.
• Proxección de vídeo “Da escola á granxa” realizado pola área de Rural.

A continuación realizarase unha mesa redonda con algúns/as dos/as 60 gandeiros/as e agricultores/as da provincia de Lugo que participan nos distintos proxectos que teñen a Asociación Corripa e a área de Rural da Deputación de Lugo, coa temática “A agrogandería extensiva como salvagarda da biodiversidade”:

◦ Isabelle Gómez (Presidenta Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, gandeira e xerente de Traloagro)
◦ Miguel Cordero (Socio de OVICA (Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia). Gandeira de Granxa Teixeiro *É Pistón)
◦ Chusa Expósito (Socia traballadora Milhulloa S. Coop. Galega)
◦ Marcos Vázquez (Fundador de MUVICLA e gandeiro ecolóxico en casa de Vázquez)
◦ Modera: Alberto Uría (Apicultor en Mel Outurelos e Vicepresidente Asociación Corripa)

O acto concluirá coa presentación do programa de 2025 a través dun vídeo que presentará aos relatores desta edición.

Tras o éxito das anteriores edicións, as dúas entidades reafirman o seu compromiso para garantir a continuidade dun evento que congrega cada ano a decenas de investigadores e que conta co apoio do público, que completa as prazas dispoñibles en cada unha das sesións.

Esta edición, que volverá ter carácter internacional, contará coa presenza dos organizadores do famoso Festival das herbas espontáneas que, cada ano desde fai 38, celebra a chegada da primavera na localidade de Ussaramanna, na illa italiana de Sardeña.

A idea é que Ciencia na aldea se irmande con este importante festival. Da mesma forma que na edición de 2024 foi Portugal, e en concreto o prestixioso proxecto Parque Biolóxico de Gaia da localidade de Vila Nova de Gaia quen teceu alianzas con estas xornadas.

Ciencia, agrogandería, medio ambiente, desenvolvemento rural, arte e poesía aúnanse no programa previsto de actividades da cuarta edición dun evento organizado pola Asociación Corripa co apoio da área de  Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que se converteu xa nunha das máis singulares iniciativas de divulgación científica de conservación do medio ambiente e do territorio no panorama estatal.

Durante tres días, a aldea lucense de Pena dáa Nogueira, situada en Negueira de Muñiz, o municipio con menor densidade de habitantes de Galicia, volverá encherse de xente  e a converterse nun epicentro de coñecemento.

Este ano, varios produtores agrogandeiros terán unha destacada presenza e compartirán cartel con científicos, investigadores e divulgadores ambientais e culturais. As xornadas volverán celebrarse no Ecomuseo El País del Abeyeiro. A inscrición ao evento, de carácter gratuíto, abrirase en abril, tras a súa presentación no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información