Este venres convocaranse as axudas para os produtores da IXP Faba de Lourenzá

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou estas achegas no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo, onde tamén se porá en marcha o primeiro espazo de especialización e innovación agraria, que comezará coas primeiras formacións en setembro

Publicidade

20250625_Alemparte_faba_PedroMuriasA Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, publicará este venres a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os produtores da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá.

O director desta Axencia, Martín Alemparte, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou hoxe estas achegas no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo. Segundo explicou, estas subvencións teñen como obxectivo cubrir os sobrecustos de produción derivados das condicións meteorolóxicas adversas que afectaron ás colleitas dos últimos anos, especialmente tras as choivas da primavera 2024 que fixeron aparecer ataques fúnxicos.

Alemparte sinalou tamén que poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións agrarias situadas na área xeográfica delimitada para esta IXP. A explotación beneficiaria deberá estar inscrita no rexistro de plantacións da indicación e terá que ter feita a declaración de sementeira correspondente ao ano 2024. De feito, o trámite será de adxudicación directa, sen presentar ningún tipo de documentación complementaria. A contía das achegas ascenderá aos 2.000 euros por hectárea sementada.

Paquete de medidas

Esta iniciativa, tal e como sinalou o director, forma parte do paquete de medidas impulsadas pola Consellería do Medio Rural para apoiar os produtores da Faba de Lourenzá. Entre elas, salientou a formación a través de xornadas no propio Centro Pedro Murias ou as liñas de traballo de investigación que se están poñendo en marcha xa a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) para analizar a eficacia dos actuais tratamentos fitosanitarios, á procura de novos tratamentos para abordar a incidencia dos fungos ante o cambio climático.

A finalidade destas accións é promover a incorporación de prácticas agronómicas na produción da faba: rotación de cultivos, marcos de plantación, eliminación da viriosis na semente, fomentar a transformación e comercialización da Faba de Lourenzá, así como impulsar a incorporación de produtores á IXP.

Rede de espazos de especialización e innovación

Así mesmo, Alemparte lembrou que, tal e como avanzou onte no Parlamento a conselleira do Medio Rural, crearase unha rede de espazos de especialización e innovación agraria nos diferentes centros de formación. O primeiro que se porá en marcha será, precisamente, no Pedro Murias, o vindeiro mes de setembro, cun curso específico sobre a elaboración de hummus con Faba de Lourenzá.

Estes espazos terán como finalidade acompañar e formar os profesionais do agro nos procesos de elaboración, transformación, innovación e comercialización das súas producións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información