Este sábado celébrase en Friol a Festa do Porco Celta, con degustacións de xamón e embutidos e o cocido como prato estrela

Música, tardeo e diferentes elaboracións centrarán o programa dunha feira xa consolidada que ten no cocido o seu punto forte

Serén está convencido de que a festa do porco celta axudará a promover o produto

Serén está convencido de que a festa do porco celta axudará a promover o produto

Javier Serén leva catro anos criando porcos celtas no concello lugués de Friol. Xunto con Antonio Díaz e Óscar Santos, é un dos produtores que organizan a festa do porco celta que este vindeiro sábado, 28 de marzo, terá lugar na praza Andón Cebreiro da capital friolesa.

“A nosa principal tarefa foi conseguir o mellor produto posible para as degustacións. A festa ten por obxectivo que a xente coñeza e valore o porco celta. Tentamos crear un ambiente agradable para que sexa unha experiencia gratificante para os visitantes. Mesturamos a troula coa mellor gastronomía”, di Serén.

O programa de actos comezará ás 13,30 cunha demostración de corte de xamón e degustación de embutidos de porco celta, e coa actuación da charanga Louband. A partir das 15.00 os asistentes poderán degustar un cocido elaborado con carnes da raza porcina galega. Xa a partir das 16,30 iniciarase a sesión de tardeo con Jinetes del Trópico e a propia Louband. O prezo do cocido é de 25 euros por persoa.

“Durante a sesión vermú xa poñeremos pratos con diferentes elaboracións para que a xente desfrute da música e coñeza a carne de porco celta. Quen aínda non a teña probado, comprobará que se trata dun alimento moi diferente do que se elabora con porcos convencionais. Os métodos artesanais cos que traballamos marcan a diferencia, aparte das características da propia raza”, explicou o criador.

Serén subliñou que o feito de que os porcos celtas pasen case toda a súa vida pacendo ao aire libre leva a que a conformación da súa carne adquira a infiltración de graxa máis acaida e que teña a textura propia dos sistemas de gandería extensivos.

A festa do porco celta de Friol chega á súa sétima edición, polo que xa se pode considerar como consolidada. “Desta vez quixemos darlle un novo enfoque ao evento. Facelo máis dinámico. Por exemplo, optamos por preparar o cocido a mediodía e non á noite para que sente mellor e poida vir máis xente. E, por suposto, tentamos que sexa atractiva para todas as idades.”

Os organizadores agardan xuntar unhas 250 persoas no cocido, para o que é preciso inscribirse. “A sobremesa, o queixo e o pan van ser de Friol”. Serén quixo agradecer a colaboración da Asociación de Criadores de Porco Celta Asoporcel para a organización da festa así como a do concello de Friol, Artesanía Alimentaria e a Xunta de Galicia.

O alcalde friolés, José Ángel Santos, destaca que nestes sete anos o número de explotacións de porco celta non deixou de medrar no concello. “Tiñamos claro que había que apoiar os produtores de porco celta, igual que facemos con calquera outro sector gandeiro. A degustación é unha das mellores formas de que se coñeza tanto a carne cos cochos como o traballo dos criadores.”

Friol foi o primeiro concello galego onde se desenvolveu o sistema de permutas -unha fórmula de intercambio de terreos entre particulares para facer máis rendibles as explotacións- ás cales se acolleu Óscar Santos, un dos criadores de porco celta que participa na organización do evento.

O alcalde de Friol, salienta o crecemento do porco celta no seu concello

O alcalde de Friol, salienta o crecemento do porco celta no seu concello

O alcalde quixo salientar o labor que fan os porcos celtas nas parcelas menos válidas para outro tipo de actividades agropecuarias. “Aquelas terras de difícil acceso ou que non son aptas para forraxes e outros cultivos son aproveitadas por estes animais. E hai que sinalar que manteñen limpos os soutos e carballeiras”

Santos amosouse confiado en que a medio prazo poidan xurdir proxectos de elaboracións cárnicas vencellados ao porco celta no concello de Friol. “Xa hai experiencias de éxito noutros sectores gandeiros e agardamos que tamén as haxa co porco celta. Dende logo, o concello estará aí para aopiar os emprendedores.”

CARTEL FRIOL

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información