“Este proxecto non lles quitará purín aos gandeiros, dalles unha alternativa aos excedentes”

Reganosa, conxuntamente con outras empresas enerxéticas, proxecta a creación en Galicia dunha rede de plantas de biogás que aproveitarían o metano existente no xurro procedente das granxas de porcos, polos e vacas de leite. Todavía non teñen definido o custo que tería o sistema para as granxas

Daniel López Durán, explicando o proxecto de Reganosa nas xornadas sobre enerxía organizadas polo Muvicla

Daniel López Durán, explicando o proxecto de Reganosa nas xornadas sobre enerxía organizadas polo Muvicla

Os altos prezos do gas como consecuencia da guerra en Ucraína e as limitacións á aplicación de purín, tendo en conta ademais a inminente publicación do Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas que prepara o Goberno, animou a tres empresas enerxéticas (Reganosa, Naturgy e Repsol) a apostar pola construción en Galicia dunha rede de plantas de biogás que empregarían o xurro das explotacións como materia prima.

A iniciativa conta co beneplácito da Xunta e aspira a captar fondos europeos Next Generation. Pero existen aínda moitas dúbidas sobre o proxecto, que mesmo levanta bastantes recelos no sector.

Daniel López Durán, responsable de proxectos de Reganosa, participou esta semana nunha xornada sobre enerxía organizada polo Muvicla en Láncara, onde tratou de tranquilizar aos gandeiros asegurando que non pretenden sacarlles o purín que precisan as explotacións para abonar as súas pradeiras e terras de cultivo, senón ofercerlles unha alternativa para o tratamento do xurro cando lles sobre.

Queremos dar unha solución integral á xestión dos puríns en Galicia, que pode ser un problema nos vindeiros anos para a continuidade de moitas granxas

“É un proxecto que ten un reto: dar unha solución integral ao problema que temos en Galicia para a xestión dos puríns e que pode supoñer un obstáculo insalvable nos vindeiros anos para a continuidade de moitas granxas”, argumenta este enxeñeiro industrial que na actualidade se encarga da carteira de proxectos do grupo dentro do ámbito da Transición Ecolóxica.

Obxectivo: tratar 6 millóns de toneladas de purín ao ano

Reganosa xurdiu hai 15 anos cunha planta de gas natural licuado en Mugardos. Na actualidade a empresa ten presenza en máis de 20 países, nos que opera plantas de GNL para terceiros, e ten en carteira 1,4 xigawatios de xeración eléctrica en distintos proxectos de enerxía hidráulica, ecólica mariña e terrestre, aos que agora se suma o biometano.

A produción de biogás nas plantas de tratamento de purín proxectadas equivalería ao 7% do consumo actual de gas natural que hai en Galicia. “Son cifras ambiciosas”, asegurou o responsable de proxectos da empresa impulsora.

O uso de area nas camas do gando sería incompatible co seu tratamento nas plantas de biogás

Daniel López recoñece que se trata dun “macroproxecto a gran escala” cunhas necesidades de materia prima importantes, posto que se pretenden tratar 6 millóns de toneladas de purín ao ano, aínda que insiste en que “o proxecto vaise adaptar ao purín existente” e explica que esa cifra representa unicamente a metade do excedente de purín das granxas galegas, segundo os cálculos realizados pola empresa.

Pensado para as pequenas ganderías

O proxecto impulsado por Reganosa e que conta co apoio da Xunta a través do consorcio público-privado Impulsa Galicia enmárcase nun cambio regulatorio, a aprobación do novo Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas, que establecerá previsiblemente restricións á aplicación de xurros en determinadas épocas do ano e fixará límites nas aplicacións.

Para ganderías de menos de 100 cabezas é moi difícil contar con plantas de xestión propias para o xurro

“Esta rede de plantas de biogás non lle vai sacar purín ás granxas que teñan onde botalo ou como tratalo, senón que está pensado para as que non teñen esa posibilidade”, insiste Daniel. “É un proxecto pensado para as ganderías pequenas, porque as explotacións de menos de 100 cabezas é moi difícil que poidan contar con plantas de xestión propias para o xurro debido ao seu custo. Desta maneira ofrecemos a eses gandeiros unha alternativa de xestión”, afirma.

Catro plantas de dixestión anaeróbica e 15 de pretratamento

Público asistente ás xornadas celebradas en Láncara

Público asistente ás xornadas celebradas en Láncara

O modelo que Reganosa quere montar para aproveitar o poder enerxético do purín abrangue as principais comarcas gandeiras galegas e supón un investimento total de 600 millóns de euros. A iniciativa aspira a captar fondos de recuperación europeos, aínda que Daniel recoñeceu que “este proxecto non ten encaixe ao 100% nos PERTE actuais”.

O sistema estaría composto por “catro ou cinco” plantas de dixestión anaeróbica e “entre 15 e 20” plantas de pretratamento do xurro, onde se separaría a fracción líquida da sólida, que sería a que se trasladaría despois ás plantas de dixestión onde se extraería o metano.

Habería entre 15 e 20 plantas de pretratamento distribuídas por toda Galicia, próximas ás zonas de produción gandeira, para a concentración dos xurros e a separación líquido-sólido

Estas plantas de dixestión anaeróbica contarían con ata 20 biodixestores e precisarían dunha superficie dunhas 10 hectáreas de terreo para a súa instalación. “Estanse estudando as ubicacións, pero a primeira planta vai ser en Meirama. Do resto de plantas preferimos non dar ubicacións definitivas, porque poden variar lixeiramente”, explica o responsable do proxecto.

Unha ferramenta dixital desenvolta pola empresa identificou mediante algoritmos matemáticos a localización das instalacións para cubrir todo o territorio minimizando o investimento e os custos operativos

Con todo, a empresa estudou mediante intelixencia artificial as ubicacións estratéxicas ideais das distintas instalacións para minimizar os custos operativos, tendo en conta a concentración de granxas e outros factores como as rutas de transporte e vías de comunicación ou o acceso a gasoducto, un factor clave á hora de situar as plantas de extracción e inxección do biometano á rede.  

O  algoritmo resultante indicaría as seguintes localizacións para a ubicación: Cerceda (para o tratamento do xurro do norte da provincia da Coruña, mesturado coa fracción orgánica do lixo que chega a Sogama); Abadín (para as ganderías da Terra Chá, A Mariña e as comarcas de Lugo e Sarria); Silleda (para as granxas do Deza, Ourense, Chantada e Monforte) e Catoira (para xuntar as dexeccións das explotacións do Xallas, Arzúa, a zona de Cuntis e o litoral norte de Pontevedra. “Esta última sería a planta de menor tamaño”, explicou Daniel.

A ubicación das plantas en Cerceda, Abadín, Silleda e Catoira é compatible coa intención da Xunta de reabrir a de Coren en Sarreaus dentro do Plan Estratéxico da Limia

O deseño é compatible coa intención da Xunta de poñer en funcionamento de novo, dentro do Plan Estratéxico da Limia, a planta de Coren en Sarreaus para dar solución deste xeito aos problemas de contaminación por nitratos xerados polas granxas intensivas de porcos na comarca da Limia.

A fracción líquida sería vertida a cauce fluvial e a parte sólida devolta ás explotacións como abono

Esquema de funcionamento do sistema previsto por Reganosa para o tratamento dos xurros gandeiros en Galicia

Esquema de funcionamento previsto por Reganosa para o tratamento dos xurros gandeiros en Galicia

A fracción líquida do xurro producido por unha explotación gandeira pode chegar a supoñer ata o 80% do volume total do purín xerado. Por iso, e para reducir os custos de transporte, tan só sería trasladada á planta de biogás a parte sólida, mentres que a parte líquida sería sometida a un tratamento descontaminante semellante ao que se aplica nas depuradoras de augas residuais. “Unha vez convenientemente tratada, esta auga podería empregarse por exemplo para regar ou ser vertida directamente a cauce”, adiantou o técnico de Reganosa.  

Para maximizar a produción de biometano habería que engadir ao dixestor un aporte extra de cereais, restos de colleita ou outro tipo de corresiduos orgánicos

Para un óptimo funcionamento das plantas de dixestión anaeróbica, ademais da fracción sólida do purín, sería necesario engadir ao biodixestor un aporte extra de cereais, restos de colleita ou outro tipo de materia orgánica de orixe doméstica ou procedente da industria agroalimentaria. “Non temos aínda cuantificada a cantidade de corresiduo necesario para a mestura”, indicou o responsable do proxecto.

O material dixestado sería devolto aos gandeiros para a súa utilización como fertilizante nos momentos de sementeira

Reganosa cobraría aos gandeiros polo tratamento do xurro, aínda que Daniel non detallou tampouco canto tería que pagar unha explotación para mandar o seu purín a tratar a estas plantas. “Non temos datos aínda, porque entraría tamén no cálculo o valor do material dixestado devolto como fertilizante ás granxas”, argumentou.

O biogás extraído tería que someterse a un proceso de purificación para convertelo en biometano de alta calidade adecuado para inxectar na rede de gas natural

O biogás resultante, cunha concentración do 60% de biometano, habería que depuralo mediante un proceso denominado upgrading, para inxectalo á rede cunha pureza superior ao 90%, equiparable ao do gas natural. Pola súa banda, o material dixestado sería transformado en fertilizante, que volvería ao campo. “Está previsto que haxa un retorno ao gandeiro en forma de fertilizante orgánico”, insistiu Daniel.

As dificultades da loxística

A preguntas do público asistente á xornada celebrada en Láncara, o responsable do proxecto de Reganosa referiuse ás dificultades que tiveron no seu funcionamento outras iniciativas de valorización de xurros, como a planta de Coren en Sarreaus, pechada desde fai anos, ou a de Central Lechera Asturiana en Navia.

“É certo que temos experiencias previas que non son moi prometedoras, pero a tecnoloxía é unha tecnoloxía madura e o proceso non é moi complexo, o máis difícil é a loxística da recollida do xurro nas explotacións e o seu traslado ás plantas de pretratamento”, afirmou.

O problema deste proxecto non é tecnolóxico, é loxístico

Esta parte do proceso é na que a empresa está traballando neste momento, tanto para garantir a materia prima necesaria como para estudar a mellor opción para o seu traslado. “O proxecto arrincou cun estudo de viabilidade hai dous anos e neste momento estamos facendo xa labor de campo, caracterizando o residuo e falando xa con explotacións e cooperativas”, explicou Daniel.

Contémplase a posibilidade de que as cooperativas usen o seu parque de maquinaria para trasladar o xurro desde as explotacións ás plantas comarcais de pretratamento

Coren non participaría inicialmente no proxecto, pero a intención de Reganosa é que outras cooperativas galegas máis enfocadas ao vacún de leite, que contan con parque de maquinaria propio, se poidan encargar por exemplo do transporte do xurro ás plantas de pretratamento.

Segundo os cálculos da empresa, crearíanse 600 empregos directos e 1.900 indirectos entre a xestión das plantas e o transporte do xurro. En canto aos prazos, a primeira das plantas, a de Meirama, estaría operativa xa en 2025 e o obxectivo é que despois cada 6 meses entre en funcionamento unha das outras 3 ata completar en 2027 todo o sistema.

Una idea sobre ““Este proxecto non lles quitará purín aos gandeiros, dalles unha alternativa aos excedentes”

  1. Iván Rodríguez Lombardero

    Se xa fracasaron iniciativas anteriores polo custe do transporte co gasoleo a metade de prezo ca hoxe, é impensable que sexa viable unha tolemia deste calibre.

    As granxas intensivas que precisan destes servizos están abocadas á inviabilidade polo prezo dos insumos, como para soportar un custe a maiores. Pola contra, a resposta natural á crise enerxética e de insumos é a estensificación das granxas, e con ela a desaparición do problema dos xurros.

    E aínda que así non fora, o proxecto salva as augas, mais faino a costa de esquecer o cambio climático.

    En fin agardo que os reponsables políticos que comprometan cartos públicos neste proxecto sexan obrigados a avalalo co seu propio patrimonio.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información