“Este non é o momento para unha folga de entregas de leite, hai vías de solución abertas”

Unións Agrarias, a través da súa organización de produtores Ulega, apunta que está logrando avances nas negociacións que mantén coas industrias. Anuncia protestas ante centros comerciais da Coruña e Lugo para sinalar ás marcas que “non cooperen”, así como unha manifestación en Santiago o 26 de xaneiro

“Este non é o momento para unha folga de entregas de leite, hai vías de solución abertas”

Félix Porto e Óscar Pose, de Unións Agrarias. / Arquivo.

Unións Agrarias mantivo este xoves unha reunión cunha representación das súas granxas de leite afiliadas, trala que presentou esta mañá a súa folla de ruta de mobilizacións. A organización descarta polo de agora convocar unha folga de entregas, na liña proposta por Agromuralla, se ben de cara ós próximos meses admite que pode chegarse a ese escenario.

“Falamos cos nosos afiliados e non consideran que este sexa o momento adecuado para unha folga de entregas. Sería autocastigarnos, infrinxir máis danos ás granxas e enfrentar ós produtores nun momento no que hai vías de solución abertas”, expón o responsable de Acción sindical da organización, Félix Porto.

Unións é partidaria de darlle unha certa marxe a industrias e Ministerio. “Hai negociacións abertas coas industrias para que impulsen unha suba do prezo base do leite nos contratos. De momento non se logrou o que necesitamos, pero hai conversas abertas, e en segundo lugar, estamos a presionar ó Ministerio de Agricultura para que actúe a través da Agencia de Información y Control Alimentario (Aica), que coñece os custos de produción e ingresos de tódalas partes da cadea do leite e ten instrumentos para actuar contra as industrias”, explica Félix Porto.

Mobilizacións
En paralelo, Unións anuncia mobilizacións ante o Alcampo da Coruña o xoves 16 de decembro e ante un centro comercial en Lugo o martes 21. “Sinalaremos ás marcas que non cooperen para sensibilizar ós consumidores. Ata agora foron as marcas de Lactalis (President, Puleva, etc.) e Capsa (Larsa, Central Lechera Asturiana), xa que son as que máis volume de leite moven en Galicia, pero en función de como vaian as conversas coas industrias, esa situación pódese modificar”, sinala Óscar Pose, responsable do sector lácteo en Unións, que non descarta extender o boicot a outras marcas.

Como punto culminante das mobilizacións, Unións anuncia unha gran manifestación en Santiago o 26 de xaneiro. Se para daquela non hai solucións sobre a mesa, non é descartable entón unha posible folga de entregas. Na anterior crise láctea, o bloqueo das industrias e a folga de entregas decidírase en asemblea tras unha tractorada masiva en Santiago.

“Sería unha medida que precisaría dunha certa unanimidade que agora non existe. Falámolo cos nosos afiliados e a día de hoxe non ven unha folga de entregas. O sector ten que estar unido na busca de solucións”, valora Félix Porto.

Negociacións abertas coas industrias
Ulega, a organización de produtores de leite de Unións Agrarias, mantén conversas abertas coas industrias na busca dunha mellora de prezos nos contratos do leite. “Con Lactalis tivemos avances, prorrogamos os contratos con pequenos avances de prezo, pero lonxe do que necesitan as granxas. Esperamos en xaneiro poder pechar un acordo máis estable”, explica Óscar Pose.

En canto a Larsa, houbo xa contactos coa empresa e Ulega agarda sentarse a negociar en breve. Tamén para a próxima semana prevé unha reunión con Leche Celta, “unha industria que xa nos avanzou que vai dar pasos, veremos se chegan ós mínimos que se necesitan”, valora Pose.

Revalorización do leite no mercado e nas cadeas de distribución
Unións lembra que o leite xa se revalorizou na distribución en 5 céntimos no caso das marcas brancas e en 3 céntimos no caso das primeiras marcas. A iso hai que unirlle o encarecemento dos produtos lácteos industriais, como manteiga e leite en po. “Só polo encarecemento da manteiga no último ano, as industrias están a gañar 5 céntimos máis por litro de leite que hai un ano”, sostén Óscar Pose.

Ese escenario de bos prezos no leite e nos produtos lácteos saídos das industrias entende Unións que ten que trasladarse ó campo. Se non se chegase a acordos coas empresas nesa liña, a organización agraria agarda que actúe ó Ministerio. E se ningunha das dúas vías prospera, entón si, unha folga de entregas sostida no tempo preséntase para o sector como a última saída.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información