Expertos de referencia mundial no sector da alimentación animal reuniranse esta semana en Santiago de Compostela no marco do IV Congreso de Alimentación Animal: Sustentabilidade, sistemas de control e aplicación da normativa, organizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC), a Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA).
Este foro celebrarase durante as xornadas do mércores e o xoves, 18 e 19 de novembro, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia. Á inauguración asistirá a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que será a encargada da súa apertura.
O Congreso desenvolve un amplo programa de conferencias de interese para o sector da alimentación animal e afíns, que se divide en tres grandes áreas: en primeiro lugar, os aspectos crave do modelo sustentable en Europa e España do sector da alimentación animal; un segundo bloque sobre o control da seguridade alimentaria e os actuais sistemas sectoriais de control do sector da alimentación animal, así como a xestión das posibles alertas alimentarias; e, como terceiro eixo temático, as claves para a aplicación das últimas novidades normativas que incumben ao sector.
20 relatores de nivel internacional
Expertos de talla mundial presentarán as principais novidades en canto aos modelos sustentables e a aplicación normativa no sector da alimentación animal, así como o adecuado control e xestión de alertas alimentarias, expoñendo os sistemas sectoriais de control da seguridade alimentaria existentes en España.
Máis de 20 expertos conforman o panel de relatores do congreso, entre eles Alexander Döring, secretario xeral da Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos para animais (FEFAC), que abordará as Claves de futuro do sector da alimentación animal; Carlos Buxadé Carbó, catedrático da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos (ETSIA) da Universidade Politécnica de Madrid (UPM), que adiantará Os retos da gandería en visión 2050; Katrien D´hooghe, Managing Director de OVOCOM, que expoñerá o Sistema de seguridade alimentaria OVOCOM: control das materias primas para alimentación animal en Bélxica; Leonor Algarra, Subdirectora Xeral Adxunta da Secretaría Xeral de Medios de Produción Gandeiros da Dirección Xeral de Produción e Mercados Agrarios do MAGRAMA, que desenvolverá un relatorio sobre a Nova proposta de pensos medicamentosos; Daniel Menéndez, Inspector Veterinario da Food and Veterinary Office (FVO), que tratará a Aplicación da normativa na Unión Europea, ou Gert van Duinkerken, xefe do departamento de nutrición animal da Wageningen UR Livestock Research (Holanda), que explicará o Proxecto “feed4foodure”: nutrición animal sustentable (máis con menos).