Este martes a Xunta convoca as axudas para destilación de crise nas adegas da Ribeira Sacra, á espera dos apoios aos viticultores

A axuda será de 1,05 euros por litro de viño destilado, e o importe da convocatoria poderá ampliarse ata os 2,4 millóns de euros de ser necesario

Publicidade

protesta viticultores ribeira sacraO Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá martes, 1 de outubro, a nova liña de axudas para apoiar a destilación de crise nos viñedos da Ribeira Sacra. A medida conta cun orzamento de 500.000 euros, pero poderá ampliarse ata os 2,4 millóns de euros de ser necesario. Neste sentido, apoiarase a destilación voluntaria de viños tintos amparados pola Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra, co fin de equilibrar o mercado e facilitar que as adegas liberen capacidade para poder afrontar a entrada de uva da colleita da vendima deste ano.

Dende a Xunta lembran que o montante destas achegas procede integramente de fondos propios da Consellería do Medio Rural, e responden á cantidade autorizada pola Comisión Europea como cifra máxima para a medida. A axuda será de 1,05 euros por litro de viño destilado.

Poderán ser beneficiarias as empresas vitivinícolas elaboradoras de viño tinto amparado pola DO Ribeira Sacra e que cumpran unha serie de requisitos establecidos na orde como, entre outros, que tiveran comprado uva na campaña 2023-2024 a persoas viticultoras, ou que utilizaran uva dos seus propios viñedos.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do 2 de outubro, día seguinte da publicación desta orde no DOG. A destilación de crise poderá realizarse, como data límite, ata o 15 de novembro de 2024, e o alcohol obtido destinarase exclusivamente para o seu uso en procesos industriais, co fin de evitar distorsións da libre competencia.

Cómpre lembrar que Galicia, xunto con outras comunidades autónomas, solicitou o pasado mes de abril ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación esta mediada excepcional, que finalmente foi aprobada pola Comisión Europea e, a través da cal, as adegas desta denominación de orixe poden xestionar o seu excedente.

O Sindicato Labrego convoca esta tarde en Monforte unha xuntanza para reclamar medidas de apoio aos viticultores

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas convoca unha xuntanza aberta, hoxe luns 30 de setembro, ás 19h., no salón de actos do edificio sindical de Monforte de Lemos, para abordar cas viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra estratexias a seguir para sobrelevar o forte impacto económico que na comarca supón a non recollida da uva a máis de medio milleiro de produtoras e produtores.

Dende a organización labrega critican que “malia aos anuncios institucionais, a Xunta de Galicia non activou ningunha medida de apoio directo ás persoas viticultoras, nin tampouco se aprecia horizonte de traballo ningún que protexa a produción da vendima do vindeiro ano e non vernos de novo na mesma situación”.

Precisamente, convocados polo SLG, este domingo viticultoras e viticultores levaron as súas reivindicacións ao Presidente da Xunta de Galicia aloxado no Pazo de Sober esta fin de semana. Tamén rexistraron unha carta dirixida ao propio Alfonso Rueda, “instándoo a convocar unha mesa de traballo real, con presenza de tódolos axentes do sector, que decontado comece a establecer pautas para protexer a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, tales como a poda en verde e baixar rendementos, prever axudas directas para as persoas viticultoras para o ano 2025, limitar plantacións, campaña de promoción importante diferenciando a DO Ribeira Sacra e un mapa claro que permita coñecer con certeza os límites da DO”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información