Este fin de semana celébrase a Feira Ecolóxica de Arzúa

O encontro referencial para o sector verde en Galicia celébrase o 14 e o 15 de novembro no Recinto Feiral Terra do Queixo e contará cun amplo programa de actividades.

Este fin de semana celébrase a Feira Ecolóxica de Arzúa

A XII Feira Ecolóxica, organizada polo Concello de Arzúa e xestionada por Culturactiva SCG, converterá Arzúa un ano máis no gran escaparate galego do sector verde. Como vén sendo habitual, a Feira Ecolóxica toma o pulso á actualidade medioambiental e agrogandeira e neste caso faino a través dunha mesa redonda sobre a problemática do sector lácteo galego o domingo 15 ás 12:00 horas na aula 3 (Primeiro Andar) do Recinto Feiral Terra do Queixo.

Esta mesa estará moderada pola concelleira de Medioambiente do Concello de Arzúa, Pilar Castro, e contará coa presenza do experto en xestión agrogandeira e natureza, Xan Pouliquen, o produtor lácteo, Jesús G. Pereira, e o coordinador do Sindicato Labrego Galego nas comarcas de Arzúa e Melide, Xulio Fernández. Desta maneira abordarase dende diferentes perspectivas a situación dun dos sectores clave da economía galega, que vén de vivir nos últimos meses unha gran mobilización dos produtores para reclamar unhas condicións xustas na comercialización do leite.

En total, a Feira Ecolóxica ten programadas máis de vinte actividades paralelas que servirán para completar esta duodécima edición como obradoiros, mostras, conferencias e actuacións teatrais.

Un total de 60 expositores

O encontro referencial para o sector verde de Galicia contará con 60 expositores e expositoras de produción ecolóxica, terapias alternativas, entidades de traballo cooperativo e artesanía sustentable. As novidades ecolóxicas van dende seis variedades de pan ecolóxico, leite e licores ata sementes e infusións; tamén haberá postos de porco celta e produtos derivados. Do mesmo xeito, tampouco faltarán fabricantes de aceite ecolóxico, produtos de horta, cosmética natural ou mel ecolóxico. As terapias alternativas e as plantas aromáticas estarán presentes tamén, ademais dun espazo adicado a entidades de traballo cooperativo e outro a oficios artesáns.

Todos e cada un deles forman parte do sector verde e comparten un novo xeito de entender o vínculo entre produción e sustentabilidade, concepción que non parou de medrar e asentarse na nosa sociedade nos últimos anos.

Con esta nova edición, a Feira Ecolóxica de Arzúa afonda na súa consolidación como referente do respecto pola contorna e dunha vida en sintonía con ela, ademais de erixirse como o principal punto de encontro de produtores, consumidores, distribuidores, artesáns e público do sector verde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información