Este é o viño galego elixido en Alemaña o mellor de España: Lagar do Cigur Crianza 2013

“Lagar do Cigur Crianza 2013 Selección Mary Ginzo”, un viño de edición limitada dunha pequena adega familiar da Denominación de Orixe Valdeorras, acaba de ser elixido no Frankfurt International Trophy como o “Mellor Viño Español”

Publicidade
Este é o viño galego elixido en Alemaña o mellor de España: Lagar do Cigur Crianza 2013

“Lagar do Cigur Crianza 2013 Selección Mary Ginzo”, botella da esquerda, nunha das cepas vellas de garnacha tintureira, a partir de cuxas uvas se elabora

“Lagar do Cigur Crianza 2013 Selección Mary Ginzo”, un viño de edición limitada dunha pequena adega familiar da Denominación de Orixe Valdeorras, acaba de ser elixido en Alemaña como o “Mellor Viño Español”.

Foi no prestixioso certame Frankfurt International Trophy no que competían nada menos que 2000 viños de 40 países, dos que só catorce recibiron o máximo galardón que otorga o xurado, o “Gran Ouro”. E só dous viños españois acadaron a máxima distinción: este monovarietal de garnacha tintoreira valdeorrés e un xeneroso de Rueda.

Un viño que só se elabora en anadas excepcionais

“Para unha pequena adega como a nosa, Adega Melillas e Fillos, lograr este recoñecemento é un orgullo, e ademáis axúdanos a dar visibilidade aos nosos viños, ao tempo que nos permite verificar se é acertado o camiño que tomamos, o de apostar pola calidade e por elaborar viños moi diferenciados”, destaca Marcos Prada, sucesor dunha saga familiar de viticultores valdeorreses.

“Ademáis -engade- demostra que Valdeorras, a parte de ser recoñecida polo seu Godello, tamén o é polos seus tintos, pois nesta comarca calquera variedade exprésase dunha forma única”.

O “Lagar do Cigur Crianza 2013” elabórase a partir de uvas de garnacha tintoreira, unha caste que se expresa de forma moi singular nesta comarca. “As uvas proceden de cepas vellas que temos en viñedos situados en ladeiras do concello da Rúa. Son terreos moi solleiros e en pendente, polo que os rendementos tamén son baixos, de entre 3.000 e 4.000 kilos por hectárea, pero cunha calidade óptima”, asegura.

Elaboraron a primeira anada no 2013 coa intención de diferenciarse no mercado. “Como xa tiñamos un mencía en barrica, decidimos apostar pola garnacha tintoreira. Dende que tivemos a idea fixemos probas durante varios anos, pois queríamos que o produto que saíse ao mercado fose excepcional, como a persoa á que homenaxea este viño, a miña nai Mary Ginzo, que precisamente emigrou a Alemaña para traballar con 16 anos”, relata Marcos Prada. A anada que está no mercado, é a do ano 2013: 4.000 botellas dun viño exclusivo dentro do sector vitícola galego.

O proceso de elaboración do Lagar do Cigur Crianza 2013 é complexo pero artesanal: Non ten estabilización previa e o filtrado é moi lixeiro, só antes do embotellado. Unha vez elaborado a partir de uvas seleccionadas dos propios viñedos da adega, o viño madura durante 14 meses en pipas de carballo francés e americano, e a continuación é gardado en botella durante un mínimo de 10 meses antes da súa comercialización.

“É un viño con 15 graos , algo moi pecular en Galicia que viños acaden este grao alcólico, pero iso é grazas ao microclima de Valdeorras e aos viñedos, localizados na zona alta da Rúa”, destaca Marcos.

En cata é un viño complexo e profundo, moi intenso en nariz e cor intensa de cereixa roxa picota, con recendos a froitos vermellos maduros. En boca é moi potente, con excelente estrutura, complexo, saboroso e longuísimo recordo.

Ademais de en Alemaña, o Lagar do Cigur Crianza 2013 Selección Mary Ginzo xa acumula distincións como o Gran Ouro na Guía de Viños e Destilados de Galicia, o Arribe de Oro en Vinduero 2017 ou medalla de Oro no Catavinum World Wine 2020.

“No mercado tamén está a ter moi boa acollida, con vendas en varios países europeos, a raíz deste premio en Frankfurt notamos un incremento dos pedidos a través da nosa tenda online ou directamente na adega”, asegura Marcos Prada.

Frankfurt International Trophy 

Para seleccionar aos galardonados, un xurado internacional catou a cegas cada viño utilizando unha táboa de evaluación que se basea nos criterios de análise sensorial da OIV (Organización Internacional da Viña e do Viño). Para garantizarlles aos compradores unha selección óptima, o concurso só outorga medallas a un terzo das mostras presentadas. O presidente de honor do evento en 2020 foi Nils Henkel, o chef do restaurante Schwarzenstein, Geisenheim-Johannisberg (dúas Estrellas Michelin).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información