Este é o monte que vén: regulación do eucalipto e promoción de coníferas e castiñeiros

O Consello Forestal respalda de xeito maioritario o plan deseñado pola Xunta para o periodo 2021 – 2040. O documento será aprobado no primeiro semestre do ano polo Consello da Xunta, previo paso polo Parlamento

Este é o monte que vén: regulación do eucalipto e promoción de coníferas e castiñeiros

Cortalumes nun monte. / Arquivo.

Fumata blanca sobre ás políticas públicas que orientarán o futuro do monte galego. O Consello Forestal, un órgano consultivo da Xunta no que participan tódalas asociacións da cadea da madeira, respaldou hoxe de xeito maioritario o proxecto de Plan Forestal de Galicia 2021 – 2040. O documento asenta as bases para regular as plantacións de eucalipto e para favorecer o aumento dos piñeirais e da superficie de castiñeiros.

Os números son os seguintes. Nas próximas dúas décadas, a Consellería do Medio Rural aspira a lograr unha redución dun 5% na superficie de eucaliptais, que se retirarían de 20.000 hectáreas. De xeito paralelo, quérese promover un aumento de 20.000 hectáreas na superficie de piñeirais, en regresión nos últimos anos; así como un incremento de 16.000 hectáreas de plantacións de castiñeiros, a metade para castaña e a outra metade para produción de madeira.

Regulación adicional do eucalipto

A expansión progresiva da superficie de eucalipto en Galicia frearase nos próximos anos. A Xunta anuncia un “control de novas plantacións” co obxectivo de que no 2040 se teñan reducido en 20.000 hectáreas as terras ocupadas actualmente pola especie. Queda por ver como se concreta esta regulación adicional, que será posterior á aprobación do Plan Forestal, prevista para o primeiro semestre do 2021.

Na actualidade, o eucalipto xa non se pode plantar en terras agrarias nin en substitución de masas de frondosas caducifolias. Tampouco se poden acometer plantacións de novas superficies en zonas de Rede Natura. A regulación adicional que se aveciña apunta a frear a expansión do eucalipto nas zonas nas que logra menores produtividades, ben pola calidade do solo, a altitude, a proliferación de pragas ou outros condicionantes.

A Xunta prevé un plan de axudas para a conversión de eucaliptais degradados a outras especies e tamén quere incentivar a rotura das grandes masas, de xeito que se cree unha paisaxe mosaico que reduza os riscos en caso dun incendio forestal.

Planta mellorada, rozas e fertilización
Nas áreas máis aptas para o eucalipto, entre tanto, a Xunta proxecta fomentar a xestión activa das masas para mellorar a súa produtividade. Para elo, avógase no Plan Forestal por un maior emprego de plantas melloradas e por actuacións silvícolas para controlar o mato e aumentar o aporte de nutrintes nos eucaliptais.

O obxectivo é pasar dunha produtividade media dos eucaliptais que se estima na actualidade en 15 metros cúbicos por hectárea e ano a unha produtividade de 20 metros cúbicos por hectárea e ano no 2040 (medias de produtividade conxuntas de eucalipto globulus e eucalipto nitens, tendo en conta as diferentes calidades de estación).

Sobre o manexo dos eucaliptais, a Xunta apunta que para reducir os riscos de incendios sería axeitado proceder a rozas de control do mato cada 3 – 5 anos. É unha medida que ademais contribuiría ó aumento da produtividade, ó que tamén axudaría unha maior fertilización das masas. Para a xestión nutricional da especie, Medio Rural sinala a conveniencia de empregar “de xeito sustentable” cinzas procedentes da biomasa forestal.

As fibras téxtiles, unha oportunidade para o eucalipto nitens?

Os proxectos de produción de fibras téxtiles a partir da madeira abren un novo escenario para o eucalipto nitens, segundo recolle o Plan Forestal de Galicia: “A madeira de ‘Eucaliptus globulus’ achégalle aos produtores uns prezos máis competitivos que a de ‘E. nitens’ (dada a súa mellor aptitude para a produción de pasta de papel), sendo previsible que as diferenzas de prezo se incrementen progresivamente. Pero esta dinámica pode verse alterada se o destino das masas de E. nitens se dirixe á obtención doutros produtos non directamente relacionados coa pasta de papel (fluff, dissolving pulp, viscosa, raión, modal, lyocell ou cupro)”.

Na última década, produciuse un aumento progresivo da superficie de eucalipto nitens, unha especie máis resistente á praga do gorgullo e máis adaptada ó clima do interior galego. O eucalipto nitens, que xa representa arredor dun 15% das cortas de eucalipto en Galicia, demostrou ademais boas produtividades, que chegaban nalgún caso ata a duplicar as acadadas polo eucalipto globulus.

Esas condicións favoreceron a proliferación da especie nas plantacións de eucalipto, se ben, a menor aptitude da súa madeira para pasta de papel, levou ás empresas de celulosa a reducir o prezo da madeira de nitens nun mínimo de 6 euros por tonelada, en comparación coa do globulus. Os proxectos anunciados agora para producir fibras téxtiles a partir do eucalipto poderían xerar un cambio de escenario, segundo a Xunta.

Aumento dos piñeirais e mellora do seu manexo silvícola

De xeito paralelo á redución dos eucaliptais, a Xunta proxecta fomentar o aumento da superficie de piñeirais nas próximas dúas décadas. O obxectivo que se marca a Administración é o de elevar a superficie de coníferas en 20.000 hectáreas. Prevé ademais incentivar maiores tratamentos silvícolas das masas, de xeito que no 2040 ata un 75% do volume de piñeiro cortado teña un destino para serra ou para uso estrutural na construción, fronte ó 50% actual.

A mellora xenética dos piñeirais é outro dos eixos de actuación, fixándose o reto de lograr plantas de piñeiro radiata que permitan turnos de corta inferiores a 25 anos.

Castiñeiros e frondosas

Un terceiro eixo de actuación do Plan Forestal centrarase nos castiñeiros e no resto de frondosas caducifollias. Segundo o último inventario forestal, Galicia conta con 26.000 hectáreas de castiñeiros e con preto de 400.000 do resto de frondosas caducifolias (carballos, rebolos, bidueiros, bosques de ribeira, etc.). O Plan Forestal proxecta aumentar a superficie de castiñeiros en 16.000 hectáreas, a metade para produción de castaña e a outra metade para madeira, así como incentivar a xestión activa e recuperación de 8.000 hectáreas de soutos tradicionais.

En canto ó resto de frondosas caducifolias -que experimentaron un notable crecemento nas últimas décadas en rexenerados naturais, sobre todo en zonas agroforestais abandonadas do interior galego-, o Plan Forestal pretende incentivar tratamentos silvícolas que favorezan a obtención de madeira de calidade, así como actuacións de repoboación para a obtención de madeira de alto valor.

Os obxectivos que se marca o Plan é fomentar os tratamentos silvícolas en 5.500 hectáreas nos próximos 20 anos, así como apoiar a reforestación de 3.500 hectáreas.

Valoracións
Tralo Consello Forestal de hoxe, a Consellería do Medio Rural emitiu unha nota de prensa na que se felicitaba polo consenso acadado para o Plan Forestal. Medio Rural prevé que o Plan Forestal sexa aprobado no primeiro semestre do 2021 no Consello da Xunta, logo de pasar polo Parlamento para o seu debate.

A Consellería avanzou tamén que na primeira metade da lexislatura quere aprobar a reforma da Lei de Prevención e Extinción de Incendios Forestais de Galicia, para o que iniciará un proceso participativo co sector forestal. Sobre os servizos de extinción, Medio Rural anunciou por último que potenciará a formación do persoal nun Centro Integral para a Loita contra o Lume, que se ubicará no concello ourensán de Toén.

Toén acollerá un Centro Integral para a Loita contra o Lume que formará ós servizos de extinción

Por parte do sector forestal, confirmouse igualmente o consenso maioritario acadado para o Plan Forestal de Galicia 2021 – 2040. Así o manifestaron trala reunión o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, e o representante de Unións Agrarias e Asefoga, Jacobo Feijoo, que unicamente lamentou “a ausencia dunha maior aposta polas frondosas caducifolias. “Temos un 30% de superficie forestal arborada con frondosas caducifolias, que representan arredor dun 3% das cortas con destino industrial. O resto só ten uso para leñas domésticas. Se queremos apostar polas frondosas e que os propietarios vexan nelas unha rendibilidade, hai que ser máis ambiciosos á hora de incentivar tratamentos silvícolas que melloren as masas”, valora.

Logo do Consello Forestal de hoxe, as últimas puntadas do Plan Forestal de Galicia daranse previsiblemente no Parlamento nas próximas semanas. Despois, o documento será aprobado polo Consello da Xunta e enfrontarase ó seu gran reto: pasar do papel ó monte nun escenario como o galego, onde o 98% da superficie forestal é propiedade particular ou de comunidades de montes. Na memoria, queda o Plan Forestal de 1992, cun plantexamento ambicioso pero lastrado por unha evolución da cadea forestal que marchou por diferente camiño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información