Este é o estado da negociación da PAC e o seu impacto en Galicia

O ministro de Agricultura reuniuse hoxe cos conselleiros autonómicos do ramo para asentar os piares das axudas europeas ó agro a partir do 2023. Descontento en Galicia coas liñas xerais, se ben as negociacións continúan abertas

Este é o estado da negociación da PAC e o seu impacto en Galicia

Bruxelas definiu a música da Política Agraria Común a partir do 2023 e o Ministerio de Agricultura xa lle trasladou ás comunidades autónomas unha proposta da letra. É unha letra que en Galicia e no resto da Cornixa Cantábrica non convence, pois percíbese que o Ministerio propón unha PAC en función dos intereses da agricultura mediterránea.

O ministro de Agricultura reuniuse hoxe cos conselleiros autonómicos do ramo nunha Conferencia Sectorial na que se abordaron os piares do Plan Estratéxico Nacional que desenvolverá a PAC en España. Ese Plan ten que estar presentado en Bruxelas a finais de decembro, polo que quedan menos de 6 meses de marxe para concretar tódalas cuestións políticas e técnicas que quedan pendentes.

A folla de ruta marcada polo Ministerio para continuar os traballos pasa por iniciar reunións técnicas coas comunidades o 21 de xullo, coa perspectiva dunha nova Conferencia Sectorial a finais de setembro ou comezos de outubro para pechar as cuestións pendentes, como a definición dos ecoesquemas, os compromisos medioambientais polos que os agricultores percibirán pagos adicionais.

Resumimos a continuación as principais cuestións que se abordaron hoxe na Conferencia Sectorial, detallando a posición do Ministerio e as reaccións desde Galicia.

  • Agricultor xenuíno. O Ministerio propón que poidan seguir cobrando a PAC tódalas persoas que teñan polo menos un 25% de ingresos agrarios, con independencia de que estean ou non afiliados á Seguridade Social. Tamén serían agricultores xenuínos aqueles que cobren menos de 5.000 euros de axudas.

    Desde Unións Agrarias, consideran que a proposta do Ministerio é totalmente descafeinada, pois permitiría que en España seguisen cobrando as axudas arredor de 700.000 perceptores, incluíndo unha importante porcentaxe de persoas xubiladas; en tanto noutros países con gran peso agrario, como Francia, son só 350.000. Esa diferenza supón menores apoios para as explotacións profesionais, segundo Unións.
  • Pago redistributivo. A intención do Ministerio é que ese pago redistributivo represente un 10% das axudas directas e un 16,6 % da axuda básica á renda (pago básico). O descontento de Galicia, expresado tanto pola Consellería do Medio Rural como por organizacións como Unións Agrarias, céntrase en que o Ministerio quere que ese pago redistributivo se faga en función das superficies medias de cada rexión agronómica.

    Coa nova PAC, España quedará dividida nunhas 20 rexións agronómicas -en lugar das 50 actuais-. A filosofía do pago redistributivo, a falta de concretar as cuestións técnicas, é que se teña en conta a media de hectáreas de cada rexión agronómica para darlle unha prima a maiores ás primeiras hectáreas de cada explotación que estean por baixo desa media.

    Galicia e o resto das comunidades da Cornisa Cantábrica entenden que a intención do Ministerio é pouco ambiciosa, pois proponse máis un mantemento do status quo que unha redistribución real. A proposta das comunidades do norte é que se teña en conta a media de hectáreas por explotación a nivel nacional, de xeito que se reforcen os pagos ás pequenas e medianas explotacións da Cornisa Cantábrica, con menos hectáreas de media que as explotacións da agricultura cerealista e mediterránea.
  • Tope de axudas por explotación (Capping). Establécese un tope de 100.000 euros de axuda por explotación e pagos degresivoas a partir de 60.000 euros, pero poderanse descontar gastos laborais e pagos a empresas de servizos. É outro apartado no que a Consellería de Medio Rural e Unións Agrarias consideran que é preciso ser máis ambiciosos e actuar con maior intensidade.

    Doutra banda, o Ministerio precisa que nas Sat e cooperativas agrarias, terase en conta ese límite de 100.000 euros para cada un dos socios da entidade.
  • Converxencia das axudas. O Ministerio quere que dentro de cada rexión agronómica, continúe a converxencia do valor dos dereitos de pago, de xeito que no 2026 se teña producido esa converxencia ó 85%. O obxectivo do Ministerio é que no 2029 sexa do 100%
  • Reparto adicional de dereitos
  • Cos dereitos que haxa na Reserva Nacional a partir do 2023, o Ministerio quere entregar dereitos ás explotacións de froitas e hortalizas e de viñedo. É unha cuestión que beneficia á agricultura mediterránea e que, en xeral, disgusta en Galicia.

    De tódolos xeitos, o conselleiro do Medio Rural, José González, saíu da Conferencia Sectorial de hoxe co compromiso de que tamén habería dereitos da Reserva Nacional para 75.000 hectáreas de superficies gandeiras de Galicia que actualmente non cobran axudas da PAC. “Temos un déficit de superficie admisible na PAC que o Ministerio se comprometeu a solucionar vía Reserva Nacional”, anuncia o conselleiro.

  • Ecoesquemas. Están pendentes de concretar. Desde Galicia e a Cornisa Cantábrica agárdase que o Ministerio amolde a súa proposta ás necesidades das comunidades do Norte.
  • Axudas asociadas Outra boa noticia da Conferencia Sectorial, segundo o conselleiro do Medio Rural, é que o Ministerio se compromete a reforzar as axudas asociadas para vacún de leite, o que mellorará a posición das granxas galegas.
  • Incorporación de persoas mozas. Destinarase un 2% das axudas directas para persoas mozas, que recibirán tamén un 1% de apoios do segundo piar da PAC (fondos de desenvolvemento rural). Está prevista unha axuda complementaria á renda para as persoas menores de 40 anos ou de 40 anos, que durará un total de cinco anos.

    No caso das mulleres, recibirán un 5% de apoio adicional. No pago redistributivo, ese apoio adicional para as mulleres será do 10%, a fin de promover a súa continuidade no campo e o relevo xeneracional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información