Este domigo, 26 de marzo, terá lugar a 29ª edición da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, considerada desde o ano pasado Feira de Interese Turístico de Galicia. Nela os protagonistas serán os dous produtos máis recoñecidos do municipio , o queixo e o pan, expostos entre 95 negocios da zona -unhas 90 queixerías e 5 panaderías-. A apertura da feira terá lugar ás 11.00h e o recinto feiral contará coa tradicional carpa localizada na Praza de Andón Cebreiro. Ademais, na liña do ano pasado, na súa entorna situaranse stands de produtos doutros sectores.

Cartel de presentación Feira do Queixo de Friol 2023 / Fonte: Concello de Friol
O queixo de Friol e o pan de Ousá son dous produtos consolidados, coñecidos en toda a xeografía galega, e agora comezan a selo no ámbito nacional e internacional. Deste xeito, tanto queixerías como panaderías “teñen máis demanda que a súa propia produción. Por iso nos últimos anos fixeron un esforzo transformando e modernizando as súas instalacións para poder ampliar esta produción, sobre todo nas queixerías”, afirma o alcalde de Friol, José A. Santos.
O ano pasado, a feira rexistrou un récord de afluencia de público de en torno a 25.000 e 30.000 persoas “así que para esta nova edición temos a esperanza, cando menos, de alcanzar a mesma cantidade de público e se o tempo nos acompaña mesmo podemos superar as 30.000 persoas que nos visiten nesta 29ª Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá”, sinala.

Imaxe do trascurso da Feira do ano pasado / Fonte: Concello de Friol