O coronavirus está a trastornar os plans, a actividade e o programa de actos previsto para este ano no recinto feiral de Silleda. A Feira Internacional de Galicia ABANCA decidiu non celebrar este ano a 43 edición da Semana Verde, prevista para principios do mes de xuño, e aprazar a outono a sexta edición do seu monográfico forestal Galiforest, prevista entre o 25 e o 27 de xuño deste ano, debido á alerta sanitaria xerada polo Covid-19.
A Feira Internacional Semana Verde de Galicia é un dos eventos centrais do calendario anual da Feira de Silleda, que reúne a máis de 100.000 visitantes e inclúe eventos como Salimat ou os concursos morfolóxicos de razas autóctonas. A data prevista para a edición deste ano era do 4 ao 7 de xuño pero a organización decidiu non celebrala e trasladar a 2021, concretamente entre o 3 e o 6 de xuño, a próxima edición.
“Esta decisión está motivada pola situación de alerta sanitaria xerada polo coronavirus, que supón que non sexa convinte a súa celebración este ano por responsabilidade social e económica con todos os axentes que participan no certame, pero que servirá para centrar todos os esforzos en facer unha gran edición en 2021, un ano moi importante por ser Xacobeo e cumprirse o 25 aniversario do recinto, e tamén para continuar co importante crecemento das últimas edicións”, indican desde a Fundación Semana Verde.
Preténdese que a edición de 2021, que coincide co 25 aniversario do recinto feiral, sexa un gran evento dentro do Xacobeo
A análise da situación realizada polos organizadores, á que se sumou a opinión da inmensa maioría de expositores confirmados, determinaron que o máis adecuado é non celebrar a feira en 2020 e preparar esta gran edición de 2021. “A celebración da Semana Verde en xuño non é pertinente pola incerteza sobre a evolución a curto prazo da pandemia, pero levala a cabo noutras datas tampouco sería idóneo. Sendo unha feira cunha importante porcentaxe de expositores e actividade situados no exterior, non debería celebrarse máis tarde das primeiras semanas de outubro para minimizar o posible impacto negativo do clima. Pero moitas empresas non confían en que a evolución da pandemia poida facer que a sociedade recupere nesas datas a normalidade necesaria para celebrar un evento que contou con 128.000 visitantes en 2019, sendo previsible que os asistentes sexan nese momento remisos a acudir a un certame con este volume de visitantes”, indican.
A situación económica actual afectaría á presenza de moitos expositores e o medo a posibles contaxios limitaría a asistencia de numeroso público este ano
Así, moitos expositores consideran que a súa participación veríase comprometida e non tomarían en todo caso a decisión de participar ata o último momento, coas consecuencias que iso tería a nivel organizativo e económico para a feira. Asimesmo, moitos dos expositores trasladaron á Fundación a súa inquietude pola súa situación futura a curto e medio prazo, debido ás diferentes medidas derivadas do Estado de Alarma e as consecuencias que estas lles están ocasionando a nivel económico e laboral. Unha situación pola que indican que non poden garantir a súa presenza na feira se se celebrase neste exercicio e que, de facelo, minimizarían considerablemente o seu investimento.
Saturación de eventos no último cuadrimestre do ano
Ademais, esta feira conta cunhas datas moi específicas nun calendario cada vez máis concorrido, o cal tamén é un dos segredos do seu éxito. Neste sentido, o seu traslado a unhas datas que non son as súas supoñería entrar en competencia con grandes feiras de alimentación, turismo e caza que ou ben se trasladaron xa ao último cuadrimestre do ano ou que xa ocupaban estas datas.
Isto traería consigo unha perda adicional de expositores que teñen comprometida a súa participación noutro certame nesas datas ou que non poden asumir estar presentes en varios certames en tan pouca marxe de tempo por aspectos económicos, loxísticos ou organizativos. A Fundación Semana Verde de Galicia seguirá traballando con todo para que todos os eventos previstos en 2020 se celebren no último cuadrimestre do ano, agás a feira Abanca Semana Verde.
Galiforest trasládase ao outono
A análise da situación realizada pola entidade feiral e a opinión dunha ampla representación dos expositores confirmados nesta cita determinaron así mesmo a decisión de pospoñer a feira Galiforest. A incerteza de cal será a situación desta alerta sanitaria no mes de xuño é un motivo esencial neste aprazamento, ao que se suma a situación que están a vivir nestes momentos as empresas en canto a adaptarse ás medidas económicas e empresariais derivadas desta crise e tamén á dificultade tanto para transportar agora doutros países maquinaria que se expoñería na feira como para a asistencia por parte de profesionais internacionais.
As empresas e entidades confirmadas manifestaron de forma xeneralizada que manterán a súa participación nas novas datas do certame, as cales se decidirán proximamente xunto co comité organizador do mesmo. Estas probablemente serán entre os meses de setembro e outubro, ao realizarse no monte e, por tanto, en exterior. Na súa pasada edición Galiforest reuniu a máis de 5.000 persoas.
No aire cando retomará a actividade o mercado semanal de gando
A primeira consecuencia do avance da pandemia sanitaria foi o aprazamento da feira Enerxétika 2020, que debería celebrarse do 26 ao 28 de marzo, un certame de enerxías renovables que na súa última edición xuntou a máis de 6.000 persoas. A Feira Internacional de Silleda fixará novas datas co seu comité organizador tan pronto a situación relativa a esta crise sanitaria se normalice. Os expositores xa confirmados para esta terceira edición trasladaron tamén de forma xeneralizada á organización a intención de manter a súa participación nas novas datas.
A seguinte damnificada como consecuencia da suspensión de actividades e actos públicos tanto pola declaración de alerta sanitaria por parte da Xunta como do decreto de estado de alarma do Goberno central foi a feira de gando semanal que se celebra nas instalacións de Silleda, que non se celebra desde o 10 marzo, cando tivo lugar o último mercado. Non se poderá celebrar mentres non se levante o estado de alarma, vixente polo de agora ata o 26 de abril, pero o momento definitivo para retomar a actividade dos mercados atópase no aire e a data do 26 de abril podería verse comprometida en función da evolución da situación sanitaria.