“Este ano foi moi bo para o viñedo, pero están a afectar máis as enfermidades da madeira”

Publicidade
 Rosa Pérez Otero. Foto: Cedida

Rosa Pérez Otero. Foto: Cedida

Estación Fitopalóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, emite semanalmente un aviso fitosanitario onde analiza a situación sanitaria das viñas provincia, e ofrece unhas recomendacións para previr enfermidades na viña.

Falamos coa responsable técnica dos avisos, Rosa Pérez Otero, sobre como foi a campaña este ano a nivel fitosanitario e cales son as súas previsións para as vindeiras semanas.

-Como valora a situacións dos viñedos na provincia de Pontevedra desde o punto de vista fitosanitario? Como calificaría esta campaña neste sentido?
Nestes momentos pre-vendima pero en xeral en toda a campaña, a situación desde o punto de vista fitosanitario é entre moi boa e excelente pois, aínda que a primavera foi chuviosa e cálida, o verán está a ser seco e solleiro, o que limitou os ataques de mildio e outros patóxenos. Pero tamén é certo que esta climatoloxía provocou que se manifestaran de xeito máis acusado as patoloxías de madeira, que están a facer secar acios prácticamente maduros.

-E do punto de vista fenolóxico, como vai a maduración?
A maduración transcorre tamén sen grandes problemas, e en datas similares ás dos últimos dous anos.

-Que previsións faría de vendima?
Segundo nosos seguimentos e tamén pola información que nos aportan algúns colaboradores, a colleita vai ser moi abundante. Canto a datas, fálase da primeira semana de setembro para as viñas máis temperás (ou incluso a última de agosto para os espumosos e pés de cuba) e a partir da segunda para o resto, sempre referido ao albariño.

-Este ano está sendo especialmente seco e con temperaturas por riba da media. Como afectou esta situación climatolóxica ao viñedo?
Como dixen antes, o estrés que supón esta climatoloxía favoreceu sensiblemente que se manifestaran acusadamente os síntomas de patoloxías de madeira, e tamén de acariose, pero esta praga non ten a mesma trascendencia para a viña que os fungos de madeira.

-Como foi a incidencia do mildio nesta campaña?
A incidencia do patóxeno non foi elevada, houbo algo de risco na primavera pero as infeccións foron controladas sen problema.

-E da botrite?
A botrite practicamente non apareceu debido á climatoloxía e a que, en xeral, a uva está sá e sen feridas ou lesións que favorecen a este patóxeno.

-Que aspectos deberíamos coidar na viña nestas semanas previas á vendima?
Se non hai cambios na climatoloxía, seguir rozando a vexetación do solo nos casos nos que está máis alta. Tamén considerar arrincar xa as cepas que sucumbiron por enfermidades de madeira (ou eliminar os brazos afectados sen posibilidade de recuperación) .

“En solos areosos ou con pouca estrutura si que habería que facer regas da viña”

-Nos últimos boletíns da Estación Fitopatolóxica do Areeiro advirte dos acios danados por golpes de sol e especialmente do estrés hídrico que padecen as viñas. Como é de grave esta sitaución? Debería replantear a necesidade de rega nalgunhas viñas?
Como é lóxico, a nivel dos golpes de sol en viñas máis expostas e con acios máis ao descuberto, e a nivel da seca, é máis grave en viñas pouco vigorosas, debilitadas e/ou con solos máis areosos ou con pouca estrutura, nos que si habería que facer regas tanto para garantir unha boa colleita esta campaña como para non debilitar en exceso ás plantas.

-O sur da provincia de Pontevedrá foi a primeira zona demarcada pola Flavescencia Dourada da vide en Galicia. Como considera que está a avanzar a loita contra esta doenza? En que aspectos considera que se podería mellorar?
Na loita contra esta enfermidade a colaboración entre os propietarios e a administración responsable (Xunta) é fundamental, realizando os tratamentos preceptivos ou recomendados, así como tentar de acelerar o arranque e destrución das cepas enfermas e tamén das moitas cepas abandonadas que hai e que poden ser reservorios do patóxeno e do vector. Pero ás veces son procedementos complicados por non coñecerse os propietarios, etc.

-Como valora a recepción do Boletín Fitosanitario da Estación Fitopatolóxica e en que medida considera que podería ser extrapolable ás provincias de Ourense e Lugo, onde a viña ten aínda bastante presenza?
O noso Boletín está a disposición de todas as persoas que o desexan ler e que queiran aprender a facer unha xestión máis razoada do cultivo da viña. De feito, en todos intento incorporar os por qué das recomendacións para axudarlles a desenvolver por elas mesmas unha viticultura máis sostible, na que saiban en qué se deben centrar en cada momento e a importancia das labores de cultivo na nosa zona.

“Promovemos unha viticultura máis sustentable, na que lograr colleitas iguais en cantidade pero máis sás e menos uso de fitosanitarios”

Polo que me refiren viticultores das dúas provincias que mencionas, as situacións que refiro cada semana para Pontevedra soen reproducirse alí ao cabo de 7-14 días, pero claro, sempre hai situacións particulares, incluso dentro da provincia, de aí que xustifique sempre as decisións.

-En que proxectos está a traballar neste momento na Estación Fitopatolóxica e que nos pode avanzar dos mesmos?
A nivel de viticultura, en xeral estamos a traballar en aspectos relacionados coa fitopatoloxía e o solo e a fitopatoloxía e as cubertas, así como en aspectos relacionados coa flavescencia dourada e o seu vector, aparte da experimentación habitual.

-Algo máis que queira engadir?
Insistir simplemente en que a optimización dos tratamentos fitosanitarios combinada coas labores culturais, sen necesidade de aplicacións continuas e, o que é peor, mesturando produtos diversos, é unha metodoloxía que permite garantir colleitas iguais en cantidade pero máis sás e menos gravosas que os sistemas habituais de produción na nosa provincia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información