María José Cortés é a subdirectora xeral de Formación e Innovación Agroforestal, o departamento da Consellería do Medio Rural que durante os últimos meses lle tocou lidiar, entre outros, coa avalancha de solicitudes de carnés de fitosanitarios. Unha vez que empeza baxiar a demanda, Cortés pronostica que “acabaremos expedindo este ano en Galicia máis de 50.000 carnés de fitosanitarios”, seis veces máis que nun ano normal, e a maior parte deles serán para agricultores non profesionais.
En canto aos centos de galegos que fixeron o curso en León coa empresa Rabcor Sl, a responsable de Formación da Consellería do Medio Rural asegura que “mentres non se nos indique o contrario, seguiremos expedindo o carné ás persoas que fixeron o curso en León”. Salienta tamén que este ano a Consellería porá en marcha os certificados de profesionalidade da rama agrogandeira e forestal nos centros formación de Monforte de Lemos e de Ribadeo. Trátase dunha vía intermedia entre o ciclo formativo e o curso de aptitude empresarial e que terá unha vocación moi práctica, orientada ao manexo da explotación, e con horarios adaptados ás persoas que traballan.
Trala situación de certo caos que se produciu en Galicia nos pasados meses no relativo aos carnets de fitosanitarios, ¿Cal é a situación neste momento?
A partir do 26 de novembro do ano pasado fíxose obrigatorio dispor do carnet de fitosanitarios tanto para os agricultores profesionais como para os vendedores dos establecementos. Á xente que non é un agricultor profesional, que produce para autoconsumo, non ten porqué dispor deste carnet, xa que hai unha oferta de produtos de uso non profesional. O problema foi que esta xente tamén quere utilizar produtos de uso profesional e aí comezouse a desviar a situación.
Sirva como exemplo que en todo o ano 2015 a Consellería expediu 7.359 carnés de fitosanitarios, mentres que nos primeiros cinco meses deste ano a Xunta de Galicia xa expediu uns 11.000 carnés. Isto provocou unha carga importante de traballo na Consellería pola enorme solicitude de cursos, que non estaba prevista, xa que o carné só está concibido para os agricultores profesionais, non para a horta e a viña de autoconsumo.
“Nos primeiros seis meses do ano impartiuse o curso de fitosanitarios a unhas 41.000 persoas, cando nun ano normal son sobre 7.000″
Esta situación de elevadísima demanda, sobre todo nos meses de xaneiro e febreiro, levou á Consellería a organizar unha amplísima oferta de cursos de fitosanitarios. Sirva como exemplo, que a Consellería nestes primeiros meses do ano xa atendeu 8.200 solicitudes de carnés de fitosanitarios. E a isto temos que sumar as entidades colaboradoras da Consellería que impartiron no primeiro semestre cursos de fitosanitarios, sobre todo o de nivel básico, a 32.500 persoas. En total estamos a falar de que nos primeiros seis meses deste ano en Galicia impartiuse o curso de fitosanitarios a case 41.000 persoas. As previsión para o resto do ano é que esta avalancha inicial de solicitudes vaia á baixa.
Esta avalancha de solicitudes levou a un lóxico atraso na expedición do carné, malia que houbo un reforzo do persoal. Ante esta situación e para axilizar os procedementos a Consellería autorizou a renovación automáticamente do carné de nivel básico sen necesidade de facer un curso, aínda que tamén se lles vai ofrecer información para a actualización de coñecementos. E para a xente que fixo o curso de nivel básico pero aínda non ten expedido o carné, co certificado de ter superado o curso e de ter solicitado o carné pode mercar produtos fitosanitarios mentres non se lle expida. Esperamos que nun par de meses normalicemos a situación nos prazos de expedición.
Nun ano normal a Consellería do Medio Rural ven expedindo entre 6.000 e 7.000 carnés de fitosanitarios pero este ano esperamos rematalo expedindo máis de 50.000 carnés.
“Mentres non se nos indique o contrario, expediremos o carné ás persoas que fixeron o curso en León”
¿Cando se porá en marcha a plataforma online da Consellería para renovar automáticamente os carnés de fitosanitarios?
Agora para o carné básico xa non é necesario realizar un curso, como si o é para o de nivel cualificado. Xa está todo preparado para lanzar esa plataforma, que incluirá un curso de autoavaliación de carácter formativo e voluntario para que a xente que queira renovar o carné de nivel básico poda actualizar os seus coñecementos.
¿Vai a Consellería expedir os carnés de fitosanitarios para todas as persoas que fixeron o curso de fitosanitarios en León coa empresa Rabcor, á que a Junta de Castilla y León lle retirou a licenza para impartir estes cursos tras unha suposta fraude?
Dende a Consellería en principio, e se non hai nada que nos indique o contrario, os cursos realizados nesta empresa teñen validez, tanto os realizados antes como despois da intervención do Seprona -a mediados de febreiro-. A día de hoxe á Consellería non se lle comunicou nada por parte da autoridade competente no sentido de que non son válidos, e polo tanto seguen tendo validez os cursos superados e teñen dereito á obtención do carné. E as persoas que aínda non recibiron o carné, poden mercar os fitosanitarios co certificado de ter superado o curso e de ter solicitado o carné.
“Este ano poremos en marcha os certificados de profesionalidade nos centros de Monforte e Ribadeo”
¿Cal é a formación agrogandeira que ofrece a Consellería?
Por unha parte temos os centros de formación e experimentación agroforestal dependentes da Consellería, que son os centros de Guísamo, e o de Sergude, na provincia da Coruña; en Pontevedra, o centro de Lourizán, e na provincia de Lugo os de Monforte de Lemos, o de Alta Montaña de Becerreá e o Pedro Murias, en Ribadeo.
Ofrecemos unha ampla oferta con distintos ciclos formativos. Así, no Centro de Lourizán ofertamos o ciclo de grao medio e o de grao superior de forestais; no de Becerreá ofertamos o de grao medio e este ano tamén ofertaremos o ciclo de grao superior de forestais. En canto ao centro de Sergude, viña impartindo o ciclo medio de Gandería e o ciclo medio de Aproveitamentos Forestais, e este ano imos impartir tamén o ciclo de formación profesional en Gandería de grao superior. En todos estes ciclos, e en especial nos que ofertamos este ano por primeira vez, esperemos que as matriculacións cubran as prazas ofertadas. Por outra parte, en Guísamo ofrecemos o ciclo superior de Paisaxismo e o ciclo medio de Xardinería.
“Nos cursos de incorporación cada vez hai xente máis nova”
A parte desta formación regrada, a Consellería tamén ofrece formación continua en manexo de fitosanitarios, así como en benestar animal e en cursos de aptitude empresarial agraria, este último pensado sobre todo para as persoas que se queiran incorporar profesionalmente ao sector agrogandeiro. Esta formación continua impartímola nos centros dependentes da Consellería (Pedro Murias, Monforte de Lemos, Sergude , Becerreá e Guísamo). Na provincia de Ourense estamos tamén ofrecendo esta formación a través da EVEGA e as Oficinas Comarcais Agrarias (OAC), ao igual que no resto de Galicia.
Por último, a oferta formativa da Consellería complétase coas accións de transferencia tecnolóxica, que van dende obradoiros de aplicación de novas tecnoloxías, técnicas de cultivo…etc.
¿Cal está a ser a evolución da demanda de formación agrogandeira e forestal en Galicia?
Hai un incremento da demanda de formación, sobre todo na formación continua, mentres que nos ciclos formativos mantense máis estable. Detectamos sobre todo un incremento da demanda nos cursos de aptitude empresarial agraria e notamos unha redución da idade media do alumnado, con máis xente nova que se incorpora, o cal é algo positivo.
¿Cales son plans da Consellería para os centros de Monforte e o de Pedro Murias, que xa non ofrecen ciclos formativos?
Nestes dous centros estase a reforzar o oferta de cursos de fitosanitarios, e tamén se están a impartir os cursos de aptitude empresarial agraria. Por outra parte, e en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, neses dous centros imos empezar a impartir neste ano os certificados de profesionalidade para o sector agrogandeiro, que van ser unha vía alternativa aos ciclos formativos de 2.000 horas e aos cursos de aptitude empresarial.
“Nos centros de Monforte e no de Pedro Murias imos empezar este ano a impartir os certificados de profesionalidade”
Estes certificados de profesionalidade están dirixidos sobre todo a agricultores e a gandeiros en activo pero que non teñen unha titulación oficial, e con horarios máis adaptados á súa actividade. A oferta será tamén máis variada, para áreas como a agricultura ecolóxica, aproveitamentos forestais, apicultura, gandería ecolóxica, auxiliares de explotacións gandeiras…etc. E terán un recoñecemento oficial por parte das empresas.
A duración destes certificados poden ir dende as 300 ata as 600 horas, dependendo un pouco dos módulos que se impartan do certificado. Estamos barallando ofertar o certificado de profesionalidade en cursos de dous anos, repartindo os módulos, e con horarios máis flexibles e adaptados á actividade do alumnado.
Ademais, os certificados de profesionalidade dispoñen dun sistema de promoción entre os distintos niveis de cualificación para poder acceder a eles. Así, no nivel de cualificación 1 non se exixe ningunha titulación académica para poder entrar, mentres que nos ciclos formativos si que se lles esixe ao alumnado ter a ESO. Unha vez superado o certificado de profesionalidade nivel 1 pódese ir mellorando o nivel de cualificación profesional ata chegar ao nivel 3 de cualificación dentro dunha mesma área de formación.
¿Cobrará cada vez máis peso o certificado de profesionalidade á hora de acceder ás axudas de incorporación, en detrimento do curso de aptitude empresarial agraria?
Son dúas visións distintas. O certificado está máis enfocado ao manexo da explotación nun sentido máis práctico, mesmo de transformación dos produtos agrogandeiros, mentres que o curso de aptitude empresarial ten un enfoque máis de xestión, de como facer máis competitiva e rendible economicamente a explotación.
En canto ás axudas de incorporación, pídese unha formación oficial e recoñecida, polo que un certificado de profesionalidade será totalmente válido.