CONAFE acaba de publicar a relación de vacas que entran no Club de Produción Vitalicia, formado polas vacas de Mérito por Produción Vitalicia. Este título concédese a toda femia de Rexistro Principal que superase na súa vida produtiva os 100.000 kg de leite, segundo o Regulamento do Libro Xenealóxico da Raza Bovina Frisoa Española (aparecen co indicativo MV xunto ao nome). Tamén se inclúen nesta relación as vacas de Rexistro Auxiliar que superan os 100.000 kg de leite na súa produción.
En todos os casos, as vacas vivas no momento de calcular a avaliación, aparecen resaltadas en cor. Indícase o propietario actual ou último coñecido.
A lista está encabezada por Perlita, da Gandería Vieites García SC, en Dumbría (A Coruña), nacida no ano 2012 e que nas súas 10 lactacións produciu nada menos que 174.632 litros de leite.
“Era un animal excepcional. Comprámola con 4 partos á gandería Santa Cristina, de Berdoias, en Vimianzo, e sempre foi unha vaca salientable. De feito, no 2020 foi distinguida por FEFRIGA como a máis leiteira de Galicia, con 23.610 kg de leite nunha lactación. Hai dous meses sufriu unha lesión e tivemos que enviala ao matadoiro, pero déixanos dúas fillas na gandería, unha delas que acaba de parir agora”, explica José Manuel Vieites, propietario de Gandería Vieites García SC.

Galego









Control OJD