A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Estas son as principais novidades do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) 2026

Publicidade

XUNTA lumes coordinaciónA aplicación móbil ALume, para que a cidadanía alerte de incendios forestais e favorecer a detección temperá, o incremento dun 30 % da rede de videovixilancia, ou a incorporación de tres drons de última xeración para actuar naquelas zonas de difícil acceso. Estas son algunhas das novidades do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) da Xunta de Galicia, que xa está en vigor.

O Pladiga contempla o maior investimento da súa historia cun montante total de algo máis de 213 millóns de euros incluíndo persoal, así como investimentos en prevención e extinción, o que supón un 18 % máis con respecto ao ano pasado. A actualización incorpora novos obxectivos específicos e está integrado por catro plans: o de prevención; o de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; o de extinción e o de formación.

No marco do plan de prevención, dáse continuidade ao programa de divulgación para centros educativos cun mínimo de 300 charlas dirixidas especialmente aos escolares das contornas rurais. Seguindo esta liña, apóstase de novo pola publicación Os bolechas. Os incendios forestais, para concienciar aos máis pequenos.

No eido das actuacións preventivas, está previsto actuar nunha superficie de preto de 34.000 hectáreas, nas cales se contemplan traballos en áreas cortalumes, creación de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas, así como as accións enmarcadas dentro das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios e nas colaboracións con entidades locais. A maiores destes traballos preventivos, cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado coa empresa pública Seaga, a través do cal se lle presta apoio a administracións locais e propietarios para cumprir coas súas obrigas nestas franxas. Este convenio conta cun orzamento de 25 millóns de euros anuais, o dobre que o ano pasado.

Ao abeiro desta colaboración estase a impulsar -aínda máis- unha estratexia de aldeas preparadas fronte ao lume, impartindo charlas informativas nas parroquias priorizadas e naquelas catalogadas como de alta actividade incendiaria. O obxectivo é dar información sobre a necesidade dunha axeitada xestión das faixas secundarias por parte dos propietarios, así como unha serie de consellos de autoprotección en caso de incendio.

Plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras

O Plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras incorpora nesta actualización importantes novidades tecnolóxicas. Entre elas, salienta a ampliación dun 30 % da rede de videovixilancia, que chega a 241 cámaras en 111 localizacións, e a introdución da intelixencia artificial no sistema interno de xestión, co fin de detectar de forma automática e inmediata fume e focos iniciais do incendio. Ademais, disponse de tres drons de vixilancia de última xeración que actuarán, principalmente, nas zonas de difícil acceso.

O mencionado plan inclúe, do mesmo xeito, as novas incorporacións relacionadas co listado de parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). Neste ano saen dúas parroquias -Santigoso no concello ourensán da Mezquita e Pardo de Limia, en Muíños- e incorpóranse 11. Tendo isto en conta, o número total de PAAI en 2026 é de 35, das cales 24 repiten respecto ao listado do ano pasado. No 2025 a cifra de PAAI era de 26.

Queima prescrita realizada polo Servizo de prevención e extinción de incendios forestais.

Queima prescrita realizada polo Servizo de prevención e extinción de incendios forestais.

Nova aplicación móbil ALume, para que a cidadanía alerte de incendios forestais e favorecer a detección temperá

Outra das innovacións do Pladiga 2026 é aplicación móbil ALume, deseñada para que a cidadanía poida alertar dun xeito áxil e sinxelo de incendios forestais e favorecer a detección temperá. A app está xa dispoñible para descarga, tanto para sistema operativo Android como para iOS.

ALume conta cunha interface moi intuitiva, deseñada co obxectivo de facilitar ao máximo posible o seu uso. Deste xeito, a través do menú que aparece na súa pantalla principal pode darse un aviso mediante a aplicación ou chamando ao 085. Unha das vantaxes máis salientables que ofrece esta ferramenta é a posibilidade de enviar a localización exacta do lume, ademais de poder xuntar imaxes capturadas polo alertante, gravacións de son ou achegar observacións.

Plan de extinción: 42 novas brigadas e persoal de elite especializado

Por outra banda, o Plan de extinción recolle, entre outras cuestións, os medios humanos e materiais e a súa distribución territorial. Dito plan contempla importantes novidades de cara a este 2026, como son o reforzo da Unidade de Directores de Extinción, especializada en grandes incendios forestais, que pasa de 6 a 15 membros; ou a incorporación de 42 novas brigadas, de catro compoñentes cada unha, pensadas para reforzar o dispositivo durante a tempada de alto risco de incendios. Tamén se reforzan as brigadas nas mancomunidades de Ourense con convenio, no marco do protocolo en colaboración coa Deputación. En total, o dispositivo está integrado un ano máis por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto aos profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións.

No eido dos medios materiais, súmanse 16 novos bulldózeres para labores preventivas e séguese a avanzar na mellora das infraestruturas, con actuacións nas bases aéreas existentes e na construción doutras novas, como a base de helicópteros de Lalín ou o aeródromo de Valga. Refórzanse os medios aéreos con dous novos avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero pesado. En total, son 24 os dependentes da Consellería, aos que cómpre sumar os do Goberno central. En terra hai unhas 380 motobombas e vehículos pesados, contabilizando tanto as da Xunta como as municipais.

XUNTA lumes 3

Plan de formación

No eido da formación, o obxectivo é seguir a liña dos últimos anos é afondar na mellora da profesionalización e seguridade do persoal para conformar un dispositivo máis eficiente e capacitado para afrontar as novas tipoloxías de incendios forestais. Neste ano están previstos cursos monográficos, accións de adestramento do persoal e iniciativas formativas para a formación a medios das entidades locais e tamén dirixidas á poboación. Todo isto conta cun orzamento conxunto de preto dun millón de euros.

Obxectivos específicos

O Pladiga contempla ademais o impulso dun proxecto piloto orientado a reforzar a colaboración da poboación local de cara á vixilancia dos incendios forestais nas comunidades de montes veciñais en man común. Esta iniciativa está xa en marcha coa colaboración da Mancomunidade de Montes do Baixo Miño a través da rede “Ollos no Monte”, coa que se organizan equipos de vixilancia preventiva e detección temperá nos montes da súa contorna durante a temporada de verán. Este programa ten repercusións moi beneficiosas e estase traballando para replicar noutras zonas do territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *