
O Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visita a aldea de A Caridade afectada polos incendios.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico aprobou hoxe nun Consello extraordinario un paquete de medidas para impulsar a reconstrución das zonas afectadas en Galicia pola vaga de lumes forestais deste verán. Trátase dunha serie de achegas dirixidas a apoiar os cidadáns e os concellos que prevé axudas para a recuperación de vivendas, explotacións agrogandeiras, negocios ou instalacións municipais.
Rueda salientou que o obxectivo da Xunta é chegar ao máximo número de beneficiarios. “Todas as persoas que teñan dereito ás axudas van recibilas, sen límite de importe total”, explicou para adiantar que estes apoios económicos sairán publicados mañá no Diario Oficial de Galicia “e poderán solicitarse de forma inmediata” desde o vindeiro luns,
Para axilizar e resolver dúbidas sobre a tramitación destas achegas, Galicia contará desde o vindeiro luns con 16 oficinas de atención aos afectados polos incendios nas que traballarán medio centenar de empregados públicos. Ademais, tamén está á disposición dos cidadáns o teléfono de información 012 que se verá reforzado.
Explotacións agrogandeiras e forestais
O presidente anunciou a posta en marcha de “oito liñas de axudas para apoiar as explotacións agrícolas, gandeiras e forestais das zonas dos incendios”. Todas elas cubrirán o 100 % do investimento, cun límite máximo en función do tipo de axuda que nalgúns casos pode chegar aos 200.000 euros por persoa, ben que unha mesma persoa poderá solicitar unha ou varias liñas de axuda.
No caso das explotacións agrogandeiras e co obxectivo de chegar ao maior número posible de beneficiarios, a Xunta vai favorecer a flexibilidade nos trámites. Os titulares poderán solicitar axudas para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións. No caso de que quedasen inutilizados, poderían ser substituídos por maquinaria nova ou de segunda man. A contía máxima será de 200.000 euros/persoa.
Ademais habilítase unha achega para a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou as colmeas superviventes nas zonas afectadas, para un período máximo de 6 meses. A contía máxima será de 15.000 euros/persoa.
A Xunta tamén indemnizará os gandeiros e agricultores por perdas na produción ou animais. No primeiro caso, haberá achegas de 12.700 €/hectárea para os produtores de viño, de 1,22 €/quilo para os de castaña, a indemnización pola perda de forraxe calcularase en función do estado (sen recoller, pacas, ensilado) e no resto de produtos serán con base nos valores dos prezos establecidos na liña de seguros agrarios.
En canto, ás axudas para paliar a morte de gando ou abellas estimaranse segundo o tipo de especie e a idade do animal. No caso do gando bovino, establécese un máximo de 1.600 euros por animal maior ou igual a 18 meses e menor de 120.
Tal e como explicou Rueda, habilitaranse ademais outras catro liña de axudas para reparar os danos nas explotacións forestais. A Xunta dará ata 15.000 € para a reparación dos danos causados a infraestruturas de titularidade privada como pistas forestais, captacións de augas, cerramentos, bebedoiros ou comedeiros.
Poderá recibirse un máximo de 50.000 € para a reparación da maquinaria e equipamento forestal danados en tarefas de colaboración na extinción dos incendios forestais ou ocasionados por estes. No caso de que quedasen inutilizados poderán ser substituídos por maquinaria nova ou de segunda man.
Ademais, haberá axudas para os gastos da madeira amoreada queimada e de corta, recollida e estelado da madeira queimada non comercial ou traballos de sinalamento, cubicación e/ou taxación de madeira comercial en montes de xestión pública cun máximo de 50.000 € por persoa e ata 100.000 € para plantacións substitutorias.
O prazo de solicitude será dun mes desde o vindeiro luns.
Galego









Control OJD