O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a resolución da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se fan públicas as solicitudes concedidas no marco das subvencións para investimentos en ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira do ano 2022. Deste xeito, os beneficiarios son oito empresas na liña dedicada á ecoinnovación e 33 na específica para a dixitalización, cun investimento de máis de preto de 1,5 millóns de euros.
As actividades subvencionables divídense en dous grandes bloques. A liña 1 de Ecoinnovación está dirixida a apoiar proxectos destinados a ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida. Tamén busca impulsar aqueles proxectos ou solucións de economía circular, encamiñados a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais. Por último, tamén busca introducir ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira.
A liña 2 de Dixitalización está dirixida a apoiar proxectos dende a implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto (por exemplo, interacción con administración pública ou proceso de fabricación) ou de xestión integral, especificamente deseñados, desenvoltos ou adaptados a un proceso concreto dentro do seu ámbito de actividade ata implantar sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos. Por exemplo, sistemas de captura de datos, automatización, supervisión remota, sensórica e/ou mantemento preventivo ou o desenvolvemento ou adaptación de interfaces dixitais para as interaccións comerciais cos clientes ou provedores da industria forestal-madeira.