Botar as vacas a pacer gaña adeptos por toda Europa e tamén en Galicia. Pero non facer ben este proceso, ben sexa en ecolóxico ou en convencional, pode levar a perder calidades, sobre todo en determinadas épocas do ano. Unha xornada organizada recentemente pola Oficina Agraria Comarcal de Meira abordou esta problemática da man do asesor Xan Pouliquen, de Xestión Agrogandeira e Natureza, con claves prácticas para subir a graxa e a proteína cando o pasto forma parte da dieta das vacas.
“Aceptar que se teñen baixadas de calidades porque estamos en pastoreo é unha escusa. Cando se dan baixadas grandes é debido a un manexo do pasto mal feito”, asegura Xan, que explica que “só unha parte da perda de sólidos do leite é achacable á climatoloxía das distintas estacións do ano, pero outra parte non”.
“A xente que está en pastoreo e en ecolóxico ten en ocasións baixadas de calidades en épocas como a primavera e logo volven subir e recuperar de xeito natural. Eses altibaixos son aceptables se falamos dunhas décimas de graxa e proteína, pero non cando as diferenzas son maiores”, asegura.
As ganderías en ecolóxico sofren penalizacións no prezo do leite cando as súas calidades caen por baixo do 3,70% de graxa e do 3,10% de proteína
Unha gandería de leite que está en produción ecolóxica sofre penalizacións no prezo cando as súas calidades están por debaixo de 3,70% de graxa e 3,10% de proteína. Estes descensos en ocasións duran varios meses, polo que son importantes cantidades de diñeiro que perden as explotacións, sobre todo tendo en conta que estas caídas de prezo motivadas por perdas de calidades danse habitualmente coincidindo coa época de máis produción das granxas. Polo tanto, conseguir mitigar a caída nas porcentaxes de sólidos nestas épocas permite recuperar importantes cantidades económicas.
Non é unha maldición de Deus que baixen as calidades, é unha cuestión de manexo
“Non hai que resignarse a baixadas grandes. Unha pequena baixada si que vai haber, pero pódese controlar esa baixada. Dalgunha maneira as calidades son indicadores de mellor ou peor manexo da alimentación a pasto. Non é unha maldición de Deus que baixen as calidades, é unha cuestión de manexo”, afirma Xan.
Factores que inflúen na conformación das calidades
“Hai que pensar que a herba é un alimento, non é igual entrar no pasto dunha maneira que doutra, non é o mesmo comer o pasto moi alto ou moi baixo, pacer de día só ou de día e de noite, hai un montón de variables que controlar. O grande consello é darse de conta de que non ten por que haber baixadas acusadas de graxa e proteína, senón que vai depender de como fagamos nós as cousas”, di.
Conseguir mitigar a caída nas porcentaxes de sólidos nas épocas de maior produción permite ás explotacións recuperar importantes cantidades económicas
Así pois, cales son os factores que inflúen máis directamente na calidade do leite? “Son múltiples e variados: temas como equilibrio alimenticio en xeral e aspectos concretos como a fibra, horarios dos animais, en definitiva, eficiencia na transformación do alimento que damos porque ao final o leite é transformación da ración”, resposta.
Complementar o pasto con ración en pesebre
“Cando estamos a pasto temos tendencia a esquecer que ese pasto forma parte da ración diaria das vacas, non é cuestión de que coman verde e xa está. Non é así, iso non é dabondo, non chega, temos tamén que facer unha ración unifeed cando estamos en pastoreo, só que hai que incluir nela o pasto, iso é algo básico se queremos subir en calidades”, aconsella.
Non se pode ter unha ración unifeed estándar que sexa sempre a mesma e logo ter un día unha herba e outro día outra totalmente distinta e non cambiar nada na ración
“O problema é que moitas veces a xente funciona ao revés, primeiro dá unha ración no establo e despois dá herba, temos que facer todo o contrario, dar a herba e, en función do estado no que está ese pasto e o que aporta, despois complementar coa ración, dando por exemplo máis ou menos concentrado e que este sexa máis ou menos proteínico, ou aportando máis ou menos herba seca e silo, pero todo iso depende da herba. Non se pode ter unha ración estándar, sempre a mesma, e logo ter un día unha herba e outro día outra herba totalmente distinta e non cambiar nada na ración”, engade.
Uniformidade de parcela nas pradeiras
Para non ter que cambiar a ración a diario, Xan aconsella tratar de buscar a maior uniformidade posible de parcela nas pradeiras. “A un non se lle ocorre meter nun carro mesturador un silo de herba ou un penso do 15% de proteína un día e ao día seguinte do 16% ou do 13%, pero iso moita xente é o que fai coa herba e iso dá desbaraxustes nas calidades”, asegura.
Para lograr ter certa uniformidade de pradeiras inflúe sobre todo o manexo do pastoreo que fagamos nelas. “Se non temos parcelas moi desiguais por condicións de terra ou microclimas que pode haber o que máis vai afectar para lograr uniformidade é o manexo do pastoreo que fagamos, iso inflúe moito sobre a composición das pradeiras”, di.
Neste sentido, recomenda fixarse nunha serie de “plantas indicadoras”, que son aquelas que reflicten un bo ou mal estado da pradeira. “Son un conxunto de plantas que indican como está o solo, herbas que nos están a dicir que algo non facemos ben co noso pasto, sexa en fertilización, encalado, traballo ou manexo de animais. Debemos aprender o que nos indican as herbas que atopamos nun prado”, considera.
Directamente non inflúen tanto as especies como o estado fenolóxico, entrar en herba pasada ten efecto sobre a cantidade e calidade do leite
En canto ás variedades, como inflúe que nunha pradeira haxa máis ou menos trevo ou máis ou menos raigrás? “Directamente non inflúen tanto as especies que haxa na pradeira, non é tanto iso como o estado fenolóxico, entrar en herba pasada ten efecto sobre a cantidade e calidade do leite”, evidencia. Por iso, considera clave ter unha boa planificación do pastoreo. “Se non o pensamos ben, pastamos a parcela que hai máis á man e non a que debemos pacer en cada momento”, razoa.
Horario para paceren as vacas
Son múltiples os sistemas de pastoreo existentes (libre, racionado, PRV, holístico, UAD) con diferenzas entre eles e peculiaridades que se adaptan mellor ás distintas conformacións de superficie e rabaño existentes nas explotacións dado que, aínda que se trate nos dous casos de alimentación en base a pasto, non é o mesmo por exemplo estar en pastoreo libre extensivo ou facer un manexo en pastoreo rotativo.
O sistema de pastoreo debe adaptarse en función de como teña a superficie cada gandería, aínda que ten unha parte tamén de escolla. “O sistema de pastoreo adoptado é unha decisión, igual que decides ter carro mesturador ou non, ou muxir con sala ou non, pacer dunha maneira ou doutra tamén é unha decisión estratéxica da granxa”, asegura.
Para o metabolismo da vaca non é o mesmo pacer a unhas horas que a outras porque inflúe sobre a rumia e a saída a pasto tarde é mala para as calidades
Outro dos factores que inflúen na conformación de sólidos do leite é o horario de pastoreo. “Non é o mesmo pacer a unhas horas que a outras porque inflúe sobre a rumia. Moitas veces os horarios de saída das vacas ao prado dependen da organización familiar e dos horarios de muxido, pero como regra xeral a saída a pasto tarde é mala para as calidades”, indica Xan.