Estanse a revalorizar as casas no rural e as fincas rústicas a raíz do coronavirus?

Concellos do rural e inmobiliarias especializadas confirman o interese por propiedades en Galicia. Entre os compradores hai tanto persoas españolas con distintas profesions, procedentes de entornos urbanos e que queren cambiar de vida xunto ás súas familias, como investidores estranxeiros que pretenden montar negocios vinculados ao turismo

Lugar mercado por un investidor americano na Montaña de Lugo / ALDEAS ABANDONADAS

Lugar mercado por un investidor americano na Montaña de Lugo / ALDEAS ABANDONADAS

A actual pandemia sanitaria a nivel mundial provocada pola Covid-19 está a facer rexurdir o interese polas propiedades no rural, segundo constatan alcaldes e xestores inmobiliarios. Os movementos poden servir para revitalizar aldeas e salvar do abandono un patrimonio que corre risco de derrubarse, pero tamén aparece o perigo da especulación.

A percepción social sobre o traballo e a vida no campo, outrora denostado, semella ter cambiado nos últimos meses. Unha enquisa elaborada pola Universidade de Santiago confirmaría este cambio de tendencia e tralo confinamento, os ollos da sociedade máis urbana miran con envexa a vida no campo, que se ve cada vez máis non só como un lugar idílico no que vivir, senón tamén como un entorno cheo de oportunidades.

Tralo confinamento os ollos da sociedade máis urbana miran con envexa a vida no campo, que se ve cada vez máis non só como un lugar idílico no que vivir, senón tamén como un entorno cheo de oportunidades

Por iso, o temor a outro posible confinamento por mor dun rebrote do coronavirus nos vindeiros meses está a disparar o interese por mercar casas no rural. Tanto é así que ante a avalancha de chamadas e solicitudes de información sobre propiedades dispoñibles, varios Concellos, como o da Fonsagrada ou o do Incio, decidiron habilitar ferramentas para poñer en contacto a veciños interesados en vender con posibles compradores, a xeito de taboleiro de anuncios virtual nas redes sociais ou a través dos propios servizos oficiais municipais.

Iniciativas postas en marcha nas redes sociais polos concellos do Incio e da Fonsagrada para favorecer a compra-venda de vivendas

Iniciativas nas redes sociais dos concellos do Incio e da Fonsagrada para favorecer a compra-venda de vivendas

“A iniciativa xorde porque á oficina de turismo estaba a chegar xente preguntándonos por casas para alugar ou mercar. O que pretendemos é ter un pequeno censo sobre en que lugares hai casas dispoñibles para poñer en contacto aos propietarios que queren vender coas persoas interesadas en mercar, pero tampouco queremos facer de intermediarios nin de inmobiliaria, aínda que na Fonsagrada non hai ningunha, a nosa labor limítase a informar de en que aldeas hai casas en venda a posibles compradores”, explica o alcalde fonsagradino, Carlos López.

A Fonsagrada é o concello máis extenso de Galicia, con 470 quilómetros cadrados de superficie e 302 núcleos de poboación

Pretenden que sexa un servizo útil tanto para os veciños como para a xente que ten intención de mercar e instalarse no municipio e deste xeito gañar poboación. “O martes da semana pasada viñeron dúas parellas novas con dous cativos cada unha a preguntar porque estiveran de vacacións, gustáralles a zona e querían establecerse. Ningunha das dúas tiña vínculos aquí”, conta.

Prezos asequibles

A demanda estase a notar en todos os municipios do rural, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense, que é onde máis propiedades hai dispoñibles e a un menor prezo a consecuencia da despoboación e o abandono das últimas décadas. Son tamén estes os lugares máis necesitados de novos habitantes, tendo en conta os altos índices de avellentamento da poboación.  

O Incio e A Fonsagrada habilitaron taboleiros de anuncios coas vivendas dispoñibles que se venden no municipio ante a avalancha de chamadas e solicitudes de información

Clemente Iglesias, alcalde de Riotorto, tamén notou o tirón do rural nos últimos meses no seu concello. “Chaman e preguntan por casas que hai á venda, a xente quere vir para o rural, a tranquilidade nestes tempos é un valor”, asegura. Desde o confinamento xa se venderon 3 casas neste municipio de 1.262 habitantes, nalgún caso como segunda vivenda de persoas residentes en Madrid que buscan un lugar próximo á Mariña de Lugo onde pasar as súas vacacións e noutro caso como vivenda habitual para unha persoa cunha empresa de transportes que xa se empadronou no municipio.

Na maioría de casos as casas adquiridas son vivendas que é necesario rehabilitar e reformar, pero os seus prezos non teñen nada que ver coas hipotecas e os alugueres que se pagan nas grandes cidades e que, no caso do mercado de aluguer, disparouse nos últimos anos.

Volve o interese polas fincas paradas dos pais e os avós

Os dous meses de confinamento desta primavera foron máis levadeiros no rural que pechados nun piso de reducidas dimensións nunha cidade e persoas que fai anos emigraron, ou os seus fillos e netos, están pensando agora voltar aos seus lugares de orixe. “Moitos veciños que levan anos fóra están preguntando polas súas fincas e houbo unha parella nova con nenos que volveu á casa dos pais e dos avós, de feito, este ano entran 9 nenos novos no colexio, hai moitos anos que non pasaba, e iso é importante para un concello coma o noso para poder manter o centro. Neste curso que comeza imos ter 11 nenos en infantil”, conta Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel.

En Folgoso do Courel entran este ano 9 nenos novos no colexio e moitos veciños que están fóra están a limpar e adecentar as súas casas para volver se hai outro confinamento

Este concello ten empadronados 1.024 habitantes, pero este ano en xullo e agosto duplicou a poboación. “Tanto é así que tivemos que incrementar a frecuencia da recollida do lixo, que no inverno facemos unha vez por semana porque temos que ir levalo á Rúa e agora temos que facelo tres veces e vense colas todos os días no supermercado e no banco. Outros anos non había tanta xente. Notamos un incremento tremendo, non só na afluencia de persoas emigradas que teñen casas aquí, senón no tema turístico. O Courel é cada vez máis coñecido polo xeoparque e estamos pegados á Ribeira Sacra, a xente busca destinos tranquilos e este ano está o camping e todas as casas de turismo rural cheas”, relata a alcaldesa. E esas persoas que veñen un ano de turismo son tamén potenciais compradores de casas no futuro.

Pero non só os turistas ou os autóctonos xubilados que están fóra están a pasar máis tempo este verán no municipio, senón que os seus fillos tamén están valorando virse. “Nótase que a xente veu facer limpeza ás casas, chámannos continuamente para que vaiamos recoller cousas para baixar ao punto limpo de Quiroga. Queren ter todo preparado por se a cousa se complica poder vir para aquí”, detalla Lola. Pero esa chegada de persoas foráneas estaos obrigando a adoptar medidas para protexer á poboación local, esixindo por exemplo unha proba PCR negativa aos familiares que viñan ás casas onde hai usuarios do servizo de axuda a domicilio.

“A xente non se asusta porque as casas teñan moita terra, búscanse lugares onde ademais de vivir se poida emprender e desenvolver unha actividade”

Núcleo rural na Montaña de Lugo adquirido por un investidor americano / ALDEAS ABANDONADAS

Núcleo rural na Montaña de Lugo adquirido por un investidor americano / ALDEAS ABANDONADAS

As inmobiliarias especializadas en casas e fincas rústicas non dan abasto. “O noso produto suscita moito interese agora mesmo. Desde que veu esta pandemia houbo un cambio importante na forma de pensar das persoas que favoreceu a venda de casas rústicas ou enclavadas en lugares especiais, hai maior interese da sociedade por este tipo de propiedades no rural”, afirma Rosi Costoya, de Galician Country Homes.

Nas primeiras semanas tralo confinamento houbo xente que reservou de xeito case impulsivo, sin nin sequera ter visitado o lugar, tan só polas fotografías dispoñibles no portal inmobiliario. “Desde fai tres ou catro meses notamos unha avalancha de reservas de internet, a xente non se podía desprazar para vela en persoa pero reservaba igual sen ter estado nunca no lugar. Levamos 15 reservas online nos meses de xullo e agosto. É o mellor momento para un negocio coma o noso, antes vender unha aldea custaba bastante pero agora sabemos que hai xente que quere ir vivir ao rural”, explica Elvira Fafián, xerente de Aldeas Abandonadas, un portal especializado que leva 14 anos funcionando.

A busca de vivendas alonxadas das grandes aglomeracións aumentou nos últimos meses, o que pode ser un balón de osíxeno para casas e elementos patrimoniais a piques de caer

Aos xubilados doutros países do centro e norte de Europa que nos últimos anos mercaban casas en Galicia buscando tranquilidade e natureza engádense agora dous novos perfís de compradores: o das familias con nenos e o dos investidores estranxeiros.

Avalancha de investidores estranxeiros

Pero máis aló do boom inicial das primeiras semanas tralo confinamento, a demanda continúa en aumento, segundo constata Rosi, de Galician Country Homes. “A demanda segue e está a medrar, tanto de persoas nacionais como de estranxeiros. Nas últimas semanas pechamos operacións con compradores rusos, ingleses, holandeses, belgas e de países árabes”, explica a responsable desta axencia afincada en Rábade. Tanto é así, que dentro de Galician Country Homes veñen de crear un novo servizo Gold para propiedades de máis de 300.000 euros, algunhas adquiridas por empresarios rusos para poñer en marcha negocios de turismo rural.

Compradores rusos ou americanos están a adquirir núcleos abandonados en Galicia para poñer en marcha complexos de turismo rural

“Está habendo unha avalancha de inversores estranxeiros con reservas online, que están comprando negocios que xa están funcionando ou núcleos deshabitados para poñer en marcha negocios”, confirman desde Aldeas Abandonadas. “Este mes vendemos dúas aldeas grandes. Hai empresarios de fóra que queren mercar para hostalaría”, detalla Elvira, que cita lugares como a Mariña de Lugo ou a zona fronteiriza de Ourense con Portugal como espazos que se cotizan neste momento. 

“Está cambiando moito a sociedade e a xente xa non se quere reunir en grandes hoteis, búscanse outro tipo de establecementos”, engade. No caso de Aldeas Abandonadas, un investidor americano vén de facer unha reserva online dunha propiedade na montaña de Lugo, no linde mesmo entre Galicia e Asturias, con casa, hórreo e outra serie de edificacións e cunha finca de 19 hectáreas, 6 de prado e o resto de monte repoboado.

A Montaña de Lugo, a Mariña e a zona de Ourense que fai fronteira con Portugal son lugares que están a ter moito tirón neste momento

De xaneiro a agosto deste ano o 63% dos compradores desta web foron estranxeiros e o restante 37% españois. Nas estatísticas de compra de propiedades en Galicia inclúense casas, aldeas enteiras, fincas rústicas e pazos con grandes fincas para o sector turístico e agroalimentario.

O valor dos lugares illados

Co coronavirus non só cambiou o xeito de relacionarse, agora fuximos das aglomeracións e o que antes era unha eiva, vivir nunha casa ou aldea illada, hoxe é un valor á alza. “Acabamos de vender unha propiedade na Fonsagrada a un executivo de Berlín que o que quería era non ver a ninguén en moitos quilómetros á redonda e outra para un cliente de Londres que tamén quería vivir en certa soidade, buscan un cambio de vida radical e valoran o noso silencio, a nosa natureza, os nosos ríos e o noso modo de vida un pouco á marxe desta pandemia”, di Rosi.

As axencias inmobiliarias especializadas en vender propiedades rurais confirman que a demanda se incrementou pero iso pode tamén revalorizar os prezos e aumentar a especulación

As axencias tamén confirman que igual que nas cidades aumenta a demanda de pisos con terraza e casas con xardín, o comprador de vivendas no rural, aínda que sexa un urbanita, tamén busca que conte con terras e fincas onde poder desenvolver unha actividade agrogandeira ou turística. “Unha capitana de barco comprou unha casa en ruínas cunha grande extensión de terreo para poder ter unha gandería. Hai moitas persoas interesadas en montar un negocio desde a tranquilidade”, afirman en Galicia Country Homes.

“A raíz da Covid-19 a xente quere deixar o asfalto e as cidades e cambiar de vida e non hai tanto medo a emprender outra actividade, por iso que a casa teña unha extensión de terreo importante non asusta aos posibles compradores. Pero o mundo rural é moi complexo e todo o mundo non encaixa nel e hai persoas que queren montar algo vinculado á agricultura sen ter por exemplo experiencia en tarefas agrarias, por iso nós tamén os asesoramos en cales son as mellores posibilidades nesa zona, porque por exemplo plantar kiwis na montaña de Ourense pode non ser unha boa idea e nós non queremos que a xente que compra faga un mal investimento”, indican desde Aldeas Abandonadas.

Os compradores buscan lugares para vivir pero tamén para emprender negocios non necesariamente vinculados coa agricultura ou a gandería

Porque “unha cousa é mercar unha casa e arreglala para segunda residencia e outra distinta mercar unha aldea enteira e con terreo para cultivar. Iso ten que estar vinculado a unha actividade e tamén é o que máis valor xera, xa que iso fai que a xente se empadrone e cree riqueza e postos de traballo na zona e axuda a recuperar as zonas rurais porque esa actividade abastécese despois dos produtores locais”, destaca Elvira.

O teletraballo abre o abano de posibilidades

Ademais de cambiar o noso xeito de relacionarnos, o coronavirus fixo reflexionar a moita xente nas cidades que decidiron mudar o seu estilo de vida. Pero a volta ao rural a vivir e traballar non quere dicir facelo unicamente con actividades vinculadas coa agricultura e a gandería. Grazas ao teletraballo, moitos empregos son xa posibles a distancia, unha tendencia que acelerou tamén a pandemia.

“Grazas á cobertura por satélite hai moita xente, de profesións moi variadas, que hoxe poden vivir e traballar en calquera parte do mundo. As persoas que compran non necesariamente son xente de moitísimo diñeiro que se poida permitir o luxo de vivir sen traballar, aínda que algún comprador dese tipo tamén hai, senón que son persoas que buscan un cambio radical na súa vida e que grazas ás novas formas de traballo poden estar remunerados vivindo no rural”, explica Rosi.

As novas alternativas laborais profundizan a necesidade de cobertura de telefonía móbil e conexión a internet de banda ancha no rural, unha carencia aínda sistémica en amplas zonas de Galicia

Tamén se abren camiño cada vez máis modelos de vida comunitaria, coñecidos como coliving, que en certa medida reproducen o xeito de vida tradicional nas aldeas galegas, con distintas persoas ou familias compartindo servizos. “Hai xente que busca edificacións que lles permita esa estrutura, tanto persoas novas con cativos como profesionais liberais. Dentro de España este perfil de xente procede sobre todo de Madrid, Cataluña, Andalucía ou o Levante. Son persoas que queren vivir en comunidade, varias familias ou grupos de amigos xuntos na mesma aldea”, describen desde Galician Country Homes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información