“Estamos traballando para que o recinto da Moexmu acolla unha nova poxa de gando no mes de xullo”

Falamos con José Manuel Rus, coordinador da Mostra Exposición de Muimenta para que nos conte as novidades da edición deste ano, na que o Concurso de Gando terá carácter autonómico

Jose Manuel Rus Moexmu2

José Manuel Rus, na entrada ao recinto feiral Manuel Vila López, onde ten lugar a Moexmu

José Manuel Rus Rodríguez (Muimenta, 1976) leva 24 anos na xerencia da Moexmu, unha das citas de referencia para o sector agrogandeiro galego e onde este sábado se disputarán o título as mellores xatas, xovencas e vacas leiteiras da comunidade.

A Mostra Exposición que desde 1985 se celebra na Terra Chá non se puido levar a cabo os últimos dous anos por mor da covid-19 pero este ano retoma a súa celebración reforzada co respaldo de acoller por primeira vez na súa historia o Concurso Autonómico de Gando Fefriga 2022.

A iniciativa, posta en marcha polos empresarios de Muimenta para dinamizar a vida da localidade, acolle este venres, sábado e domingo, un completo programa de actividades centradas na produción de leite e de carne, dous dos piares económicos da zona, e que volverán reunir no recinto feiral Manuel Vila López a numeroso público durante toda a fin de semana.

– Supoño que xa tendes todo listo
– Está todo a punto, aínda que dous anos sen facer a Moexmu notouse en canto ao mantemento das infraestruturas. Temos que agradecer o traballo dos veciños e do persoal do Concello no acondicionamento do recinto. Tamén se acometeron melloras importantes no pavillón das vacas.  

Ademais da implicación dos empresarios de Muimenta, a Moexmu non sería posible sen a colaboración de Administracións públicas (Concello de Cospeito, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia), asociacións de gandeiros (Africor Lugo ou Acruga) e empresas (Progando, De Heus, Clun, Hermanos Falcón, Agroamb, Abanca, Caixa Rural Galega, Xenética Fontao ou Cadena Cope), aos que queremos agradecer un ano máis a súa confianza.

– Que poderemos ver na Moexmu deste ano?
– Hai máis de 25.000 metros cadrados adicados a exposición, dos que case 15.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada, coches e motos. En total, hai reservado espazo para aproximadamente uns 100 expositores, que non só veñen das catro provincias galegas senón tamén de Asturias, Salamanca, León, Zamora, Cáceres, Guadalajara, Zaragoza ou Madrid.

Hai máis de 25.000 metros cadrados adicados a exposición, dos que case 15.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada

Unha vez máis o recinto feiral quedou pequeño para acoller a todos os expositores. As máis de 30 parcelas do recinto feiral están todas cubertas, polo que tivemos que amplialo con parte da pista que o rodea, mantendo e incrementando deste xeito o espazo de anos anteriores. Ademáis de maquinaria, tamén teñen cabida pensos, fertilizantes, produtos fitosanitarios, xardinería, recambios, etc., coa presenza de históricos da Moexmu como Hermanos Falcón, Solyt ou Saiga, por poñer algún exemplo.  

O prezo da entrada é de 3 euros para toda a xornada e os menores de 12 anos non pagan

Os stands fixos do recinto feiral, uns 60, todos a cuberto, estarán ocupados por artesanía popular galega, produtos galegos de calidade, viños, mel, utensilios agrícolas e gandeiros, etc. Dentro da artesanía destacan cerámica, bordados, ferrería, cestería, restauración de mobles, coiro, pintura, manualidades ou antigüidades, mentres que nos produtos de alimentación haberá queixos de San Simón, embutidos, pastelería ou produtos ecolóxicos.

A Moexmu ten sempre unha parte reservada para a artesanía e a alimentación

Este ano permanecerá aberto tamén o Museo da Zoca e o museo pedagóxico da Escola Vella, ubicados no campo da Igrexa Vella para que toda a xente que os desexe visitar o poidan facer tanto o sábado coma o domingo. A entrada é de balde e está atendido pola directiva da asociación de xogos tradicionais de Muimenta (Xotramu).

O pregón correrá a cargo de Antón Losada, profesor da USC, analista político e colaborador habitual de numerosos medios de comunicación

Tamén haberá exposición de traxes tradicionais galegos nas oficinas da Moexmu, así como pezas de cantería, pertencentes ao Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, que trasladará a Muimenta unha parte das súas coleccións, e o pregón inaugural correrá a cargo de Antón Losada.

Vista aérea do recinto feiral da Moexmu nunha edición anterior

Vista aérea do recinto feiral da Moexmu nunha edición anterior

Haberá tamén presentación de novidades técnicas para o sector
– As empresas teñen na Moexmu un bo escaparate para chegar ao seu público e moitas delas aproveitan para presentar novidades aos seus clientes.

Por exemplo, o venres pola tarde terá lugar no centro sociocultural de Muimenta unhas xornadas técnicas para gandeiros organizada por Severiano Agrocomercial e Hermanos Falcón traerá á Moexmu a súa liña de produtos ecolóxicos Phytogrape, que toma como base o bagazo de uva e foi desenvolvida en colaboración coa Universidade de Santiago.

As empresas teñen na Moexmu un bo escaparate para chegar ao seu público

Gústanos ademais que haxa presenza de empresas locais e este ano haberá dúas empresas novas, Innogando co seu colar GPS Rumi e Tecgal Enerxías, especializada en enerxías renovables e eficiencia enerxética nas explotacións.

Ademais, en canto a maquinaria, Flielg Ibérica presenta o novo tractor Kubota M7173 KVT e unha telescópica da marca BOBCAT e Agrícola Acevedo presentará un robot de muxido, o R9500-DairyProQ da marca GEA. 

O concurso de gando ten lugar no pavillón das vacas e concrega a numeroso público

O concurso de gando ten lugar no pavillón das vacas e congrega a numeroso público

O Concurso de gando é un ano máis unha das actividades estrela da Moexmu
– Levamos unha década sendo o único Concurso de Gando que se celebra na provincia de Lugo. Volverá desenvolverse, igual que acontece desde o ano 2005, no polideportivo do recinto feiral, e existen a maiores dúas naves habilitadas para o gando e unha zona específica de lavado. O Concurso será o sábado durante todo o día, pola mañá as xatas e xovencas e pola tarde as vacas.

Haberá 24 seccións a concurso entre xatas, xovencas e vacas e participarán máis dun cento de animais

Hai en total 24 seccións a concurso, entre xatas, xovencas e vacas. Ademais dos premios de vaca e xovenca campiona Fefriga 2022, destacan galardóns como mellor gandería de nova participación, mellor rabaño, mellor descendencia de vaca e mellor Concello. A maiores, existen premios especiais de Xenética Fontao para fillas de touros do programa de mellora gandeira de Galicia.

Nesta edición o premio para a gran vaca campiona será de 1.500€, doados en forma de produtos da empresa Progando. Para a xovenca campiona o premio será de 500€, repartidos a partes iguais entre Abanca e Caixa Rural Galega, mentres que para o mellor criador haberá un premio de 250€ froito das aportacións dos Empresarios de Muimenta.

A gandería da Pastoriza Rei de Miñotelo fíxose co triunfo na Moexmu nos anos 2014, 2015, 2016, 2017 e 2019

Este foi o mellor ano en canto a preinscricións de animais, cun total de 208, superando os 183 que houbera no ano 2002, coincidindo co cambio de data da Moexmu, que inicialmente se facía no verán xunto ás festas patronais. A valoración conxunta do gando presente no recinto feiral será de case 500.000 euros, o que dá idea da calidade dos animais.

No concurso participarán 28 ganderías: 14 da provincia de Lugo, 10 da Coruña e 4 de Pontevedra. A inscrición supera a das edicións anteriores, aínda influíndo a situación pola que atravesa o agro e o rural galego e os gandeiros en particular, e a coincidencia de varios concursos de gando nun periodo de tempo curto.

O xuíz internacional portugués Henrique Moniz xulgará por primeira vez o Concurso da Moexmu

O xuíz portugués Henrique Moniz será o encargado de xulgar o Concurso. É a terceira vez que a Moexmu conta cun xuíz internacional. Henrique Moniz criouse na gandería leiteira Herdeiros de Elías Melo Moniz, que actualmente pertence á súa nai e aos seus tíos, e no 2007 entrou a traballar na Asociación Agrícola de São Miguel (Azores), onde coordinou o servizo de control leiteiro.

Grazas a un convenio que se pon en marcha coa EFA Fonteboa de Coristanco, catro dos seus estudantes virán toda a fin de semana ao Concurso de Gando e tamén haberá casas comerciais de Santander, Burgos, León, Albacete ou Navarra, o que deixa ver a importancia que o Concurso de Gando de Muimenta ten a nivel estatal.

Membros da comisión organizadora da Moexmu 2022

Os oito membros da comisión organizadora da Moexmu 2022: José Darriba Hermida, Mari Celi Cruña Anllo, Julio Francos Grandío, Darío Freire Novo, José Ángel Maseda Canto, José Antonio Morán Puente, Guillermo Tojo Fuentes e José Manuel Rus

– Supoño que non é nada doado neste momento xuntar cartos. Cal é o orzamento necesario para levar a cabo unha cita como a Moexmu?
– O orzamento total da Moexmu deste ano ronda os 125.000 euros, sen contar o traballo que, sen ningún tipo de remuneración, leva a cabo a comisión organizadora, os vecinos de Muimenta e o persoal do Concello. Só o Concurso de Gando lévase 75.000 euros, a metade do orzamento total da Moexmu, e repartiranse 25.000 euros en premios, tanto en metálico como en especie.

O orzamento total da Moexmu deste ano ronda os 125.000 euros e só o Concurso de Gando lévase a metade

Este ano increméntanse os premios por sección, que serán de 125, 100, 75, 50 e 25€ para os cinco primeiros clasificados. Realízase un gran esforzo, en especial nestes tempos de crise económica e de dificultade para captar recursos.

Repartiranse 25.000 euros en premios, tanto en metálico como en especie

Existen un total de 6 gradas habilitadas para que o público poida seguir o concurso, con capacidade para máis de 1.000 persoas sentadas, máis dúas gradas máis que se solicitaron á Semana Verde de Silleda.

Ao rematar o Concurso de Gando terá lugar a poxa de gando selecto, no que se venderán 13 animais de alto valor xenético pertencentes a algunhas das mellores ganderías de Galicia. Estamos traballando tamén para que haxa outra poxa en Muimenta no mes de xullo.

– Cambiou moito a Moexmu desde os seus comezos?
– Cambiou moito, mesmo de data. Inicialmente era no mes de xullo, coincidindo coas festas do pobo, pero optouse por pasala á primeira fin de semana de abril para repartir máis as actividades que se organizan ao longo de todo o ano.

Os empresarios de Muimenta organizan tamén outras actividades ao longo do ano, como a Festa da Filloa, declarada de Interese Turístico Galego, o Concurso de Tapas ou a campaña para as compras de nadal

Mantemos a mesma filosofía coa que se creou, a de servir de escaparate ao sector agrogandeiro da Terra Chá, e, nese sentido, a Moexmu foi evolucionando ao mesmo tempo que o foi facendo o propio sector. Nesta zona foron desaparecendo moitas explotacións pero as que quedan fóronse profesionalizando e somos unha das comarcas con máis produción de leite de Galicia.

Botamos en falta quizais maior participación das ganderías locais no Concurso de Gando pero entendemos que a situación actual do sector leiteiro non anima moito a facelo. Ademais, un dos problemas comúns a todas as explotacións é que falta man de obra e acudir a un certame deste tipo require tempo e dedicación.

Programa da Moexmu 2022 e listaxe das ganderías participantes

presentacion Programa Moexmu 2022-1_Página_1presentacion Programa Moexmu 2022-1_Página_2presentacion Programa Moexmu 2022-1_Página_3presentacion Programa Moexmu 2022-1_Página_4presentacion Programa Moexmu 2022-1_Página_5

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información