A comunidade de montes veciñais en mancomún do Hío (Cangas, Pontevedra) atópase no extremo oeste da península do Morrazo, case a tiro de pedra das illas Cíes. É un monte veciñal que ten a particularidade de contar cunha gran afluencia turística no verán, principalmente no entorno de Cabo Home e monte do Facho. Falamos co seu presidente, Daniel González, sobre a xestión forestal do espazo e sobre a convivencia coa presión urbanística e turística.
Abordamos tamén con el a xestión forestal do espazo e o pastoreo do monte con cabras, un proxecto no que colaboran desde antes da pandemia coa cooperativa Pouso da Serra.
– Fálanos da situación do voso monte veciñal e do plan que tedes a nivel de aproveitamentos madeireiros.
– Nós temos unhas 600 hectáreas en total, pero con moitos peros. Para comezar, hai unhas 120 hectáreas que levan desde o 1981 no dominio público marítimo-terrestre de Costas, que é toda a zona de areeiro de Barra, Viñó e Nerga, que sempre foi comunal e agora é dominio público, e isto implica un problema político porque desde o Estado só se recoñece a propiedade pública ou privada, non se recoñece o comunal, entón perdemos a xestión desa parte, sendo unha zona moi mal coidada porque o Estado non a coida, non fan nada de xestión.
Temos 120 hectáreas de areais que están en dominio público de Costas desde o 1981, polo que están descoidadas, xa que o Estado non as xestiona
Outra parte importante do noso territorio son os acantilados da costa da Vela. Temos moito monte que son zonas de acantilados con toxos, unhas 200 hectáreas en total, onde non hai ningún tipo de explotación máis que o hábitat natural e as invasoras.
No resto, temos arborada un 80% da superficie aproximadamente. Cando nós entramos, era todo eucalipto, e no noso plan de xestión, que comezou no 2022, temos o compromiso de retirar o 80% do eucalipto en dez anos.
“O noso compromiso é o de retirar o 80% do eucalipto en dez anos”
Non sei agora mesmo en que punto estamos, pero probablemente iremos pola metade deste proceso. Temos unhas 30 hectáreas de piñeiro adicadas á explotación de madeira e outra zona comparable repoboada con frondosas caducifolias, e tamén hai zonas que están quedando abertas para o pasto das cabras, máis de 20 hectáreas nas partes más altas, no outeiro da serra, que é case todo pedra e toxo, que sería a vexetación propia desa zona.
– Cales son os obxectivos de evolución do monte que marcades no voso plan de ordenación?
– Estamos neste proceso de transición de eliminar o eucalipto e ter moita máis frondosa. Queremos deixar ata un máximo de 200 hectáreas para madeira de piñeiro e frondosas a partes iguais, e que podamos ter madeira de calidade.
A día de hoxe seguimos vendendo eucalipto, pero en 5 anos comezaremos a vender algo de piñeiro, xa que temos plantacións que teñen xa uns 30 anos. En frondosas caducifolias, en cambio, as primeiras plantacións son do 2019, con dúas parcelas de 7 hectáreas cada unha.
A nosa aposta é que dentro de 25 anos, a maioría de cortas sexan de piñeiro e en 50 anos entren en quenda de corta as frondosas… Deixaremos o eucalipto só nas zonas de difícil acceso, coa idea de usalo para leña. Todo o eucalipto destinado para pasta de papel queremos eliminalo de aquí ao 2032.
– Falas das novas plantacións de frondosas no monte, como era a situación que viña de atrás en canto a carballeiras ou outras frondosas?
– Historicamente, os montes no Morrazo estaban bastante pelados. Isto pódese ver no voo americano de fotos que se fixera nos anos 50.
Cando entramos nós na comunidade de montes, a maior parte da zona arborada eran plantacións de eucalipto, como comentabamos antes. Non había nin unha zona que se puidese chamar carballeira, si algun exemplar solto polo medio. Agora estamos recuperando algunhas, creando zonas con plantacións novas de 10-15 anos, principalmente con carballo galego, e incluíndo tamén cerdeiras, freixo, cerquiños e castiñeiros.
Historicamente, os montes do Morrazo estaban bastante pelados. Pódese ver nas fotos do voo americano dos anos 50
Temos unha zona de sobreiras en punta Subrido, onde temos unha sobreira moi antigua, de probablemente máis de 200 anos…Aí plantamos 6 hectáreas de carballo ao redor.
A nivel ecolóxico, os hábitats importantes que temos son as toxeiras atlánticas nos cantís, con toxos pequenos pero moi antigos, e algunhas zonas das dunas, con especies mediterráneas herbáceas con única cita en Galicia, dado que son especies mediterráneas. Nos cantís e areeiros é onde conservamos mellor as especies de toda a vida.
– Cal é a situación das acacias, unha invasora que preocupa no Morrazo?
– A zona máis invadida polas acacias é o terreo que está en mans de Costas, onde non podemos xestionar nós… Alí a acacia está comendo todo. Despois temos manchas puntuais en varios sitios e estamos traballando para controlalas con axudas de Rede Natura, aínda que este ano veu denegada por falta de orzamento.
Estamos enriba das acacias coas cabras e con voluntarios, o que pasa é que a acacia é un problema grave… É moi complicado, probamos diferentes técnicas e ainda temos varios puntos conflictivos.
Coas acacias, unha estratexia que semella funcionar é o control a través das cabras durante o inverno
Apareceu por exemplo unha nova mancha de acacia entre Donón e a praia de Melide, na zona de Cabo Home, e decidimos facer un peche para as cabras e probamos a ver se era efectivo. Non funcionou moi ben porque era primavera-verán e había outro alimento máis atractivo para as cabras. Voltamos a probar agora no inverno e funcionou moi ben. Intentaremos seguir traballando coas cabras.
– Como valoras o risco de incendios na zona?
– Temos antecedentes de lumes importantes no 2006 e 2007, un deles prendera no antigo depósito de lixo, e houbera outros nos anos 80 e 90… Sempre que había vaga de lume no verán remataba por afectarnos, así que o risco de incendio que temos é elevado, pero cada ano é menor porque avanzamos no noso plan de montes.
Chama a atención o antes e o despois dos terreos de monte que pastorean as cabras de Pouso da Serra
A actual xunta reitora entramos hai 12 anos e levamos 3 mandatos. Cando chegamos, o que había no monte era case 100% eucalipto e non se estaba traballando moito a nivel forestal, salvo coller madeira de forma puntual. Agora estanse facendo máis traballos forestais e mantemos unha colaboración cunha cooperativa, Pouso da Serra, que pastorea con cabras terreos do monte, o que contribúe a diminuír os riscos de lume. O antes e o despois do que é o monte chama a atención, sobre todo onde pastan as cabras.
“É preciso un acordo entre Administracións para arranxar as pistas de Cabo Home”

Vista de Cabo Home, coas illas Cíes de fondo.
– Como vos afecta a presión urbanística na xestión do monte?
– O Morrazo é unha comarca con bastante densidade de poboación, non tanto na zona do Hío, pero si que hai unha problemática de proliferación de vivendas turísticas na zona de costa.
O monte comunal está máis ben na parte alta, entón non temos moito problema de que se metan as casas no monte, pero si debemos ter coidados especiais nas zonas próximas a vivendas, limpando ben ao redor e plantando frondosas, igual que nas propias aldeas, como Nerga, Donón ou Liméns.
Son zonas rodeadas de monte comunal e faise un traballo de limpeza preventiva antes de que chegue o verán, eliminamos a broza que hai e vamos cambiando as plantacións por especies que non teñan tanto perigo de lume. Ese é o noso proceso.
– Como é a convivencia co turismo no monte veciñal?
– Temos puntos nos que no verán hai moitísima xente. Son zonas moi fermosas, cunhas vistas espectaculares, polo que a masificación turística é un problema nalgúns puntos, como na aldea de Donón, onde o tráfico colapsa un pouco, e obviamente masifica e encarece moito os alugueres para a xente do Hío que quere vivir aquí, pois é todo orientado a vivenda turística.
Hai que deixar claro que non é legal pernoctar en montes veciñais en mancomún. Tivemos que facer un traballo didáctico con iso e agora vaise controlando
No que se refire ao monte, a xente que vén de fóra vén porque lle gusta isto e ten bastante respecto, tenden a coidar o monte, consideramos que a convivencia en xeral é boa. Un problema que existía pero que cada vez é máis puntual é o tema das furgonetas, autocaravanas e tendas de campaña no noso monte, que xusto coa pandemia foi a máis, pero agora estase comezando a controlar.
Aparecían os nosos montes en páxinas webs de sitios recomendados para acampar, pero fixemos unha labor informativa para deixar claro que non é legal pernoctar nos montes comunais… E a maioría de webs foi retirando eses anuncios. Sempre hai tamén algún despistado que segue Google maps e se mete polas pistas adiante, pero pouco máis.
– E como está a situación das pistas forestais que van cara a Cabo Home e a praia de Melide?
– As pistas de Cabo Home son un problema. Colocamos un cartel avisando que son pistas en mal estado e que hai que ir a pé, ainda que igual chegamos algo tarde. Gustaríanos arranxalas, pero o arranxo sería un gasto moi grande para a nosa comunidade, son moitos kilómetros de pista. Estamos ademais falando de Rede Natura e Medio Ambiente non permite que se poida traer material de fóra para facer arranxos… Aí a única opción que hai e que se facía todos os anos é raspillar un pouquiño cunha pá, intentar mellorar a pista sutilmente.
Temos o proxecto de acondicionar unha das pistas de Cabo Home con dous sentidos de circulación, ida e volta
Noutras pistas do monte, podemos pedir permiso e meter xabre sen problemas. Neste caso non se permite iso, porque é unha zona delicada e cun gran valor. Nós temos un proxecto entre mans que estamos intentado promover, pero a súa posta en marcha implica un acordo entre a administración local e as demais institucións aquí implicadas. A nosa idea sería acondicionar unha das pistas, porque hai dúas pistas, unha que vai e outra que vén. Nós apostaríamos por facer unha ida e vida pola mesma pista, incluso pór un pago para poder acceder alí porque ese pago axudaría a manter a pista, xa que como digo, é un gasto que nos supera.
Os veciños de Donón levan anos pedindo unha solución, pero insisto en que faría falta un acordo entre administracións e un investimento de cartos públicos para facer un proxecto en condicións.
Está sobre a mesa a opción de poñer un pago para acceder á pista de Cabo Home, pois a comunidade de montes carece de recursos para arranxala e mantela
De momento, a situación é a que é, temos un cartel posto para que a xente non se meta aí con veículos. A nosa idea é intentar mellorar a pista de volta e que teña circulación en dobre sentido, aproveitando o parking que hai ao final, que fixera a comunidade de montes hai anos, e deixar a outra pista para uso de peóns e bicicletas, ou vehículos de uso prioritario como ambulancias.
A todos os alcaldes e concelleiros locais dos diferentes partidos parécelles unha boa solución a nosa proposta, pero non poñen os fondos necesarios nin se consegue un acordo con Medio Ambiente para poder acometelo. Necesitamos un acordo entre administracións e facer unha actuación integral que inclúa o monte do Facho, algo parecido ó que pasou en Santa Trega (A Guarda).
– O Hío é unha parroquia con moita poboación e tradición de actividade social. Como valoras a implicación dos veciños na comunidade de montes?
– Aquí hai bastante implicación, somos bastantes comuneiros, case 200. O censo total da parroquia é de máis de 1.000 persoas, así que estamos falando de que case o 30% das familias son comuneiras, malia que o Hío ten moita poboación que veu de fóra, como é o meu propio caso.
Facemos xornadas de voluntariado e temos un grupo de whatsapp onde programamos traballos en plantacións e limpezas. A asistencia sempre é moi boa, e hai moita preocupación e implicación. O que nos falta é chegar máis á xente nova, os de 20-30 anos.
A implicación veciñal é moi importante, case un 30% das familias son comuneiras. Fáltanos só chegar máis á xente nova
Unha parte importante desta posta en valor do monte é pola cooperativa Pouso da Serra, porque os montes estaban moi esquecidos, e agora nos últimos anos, desde que están as cabras, o monte está moito mellor e moitas máis familias veñen a fin de semana a pasear polo monte, é unha zona moito máis agradable e hai moita máis implicación e coñecemento do monte.
Na última gran vaga de lumes que houbo na zona de Vigo e Aldán, moitos veciños voluntarios fixeron unha cadea de vixilancia nas entradas dos montes para evitar que algún pirómano lle prendera lume, aproveitando a loucura colectiva que estabamos vivindo. Hai uns anos sería impensable que a xente fixera algo así. Estamos moi agradecidos ó traballo que fai Pouso da Serra co pastoreo de cabras no monte veciñal.
O aproveitamento do shiitake é viable. Só sería necesario investir nel de xeito profesional
– Fixestes tamén no monte experiencias para producir o cogomelo shiitake. Como foron as probas?
– Probamos hai 3 anos e agora mesmo o proxecto está parado. É totalmente viable, pero necesitamos un investimento económico para poñelo en marcha, pois teríamos que ter contratado a alguén que estea recolectando a diario, para poder ter un aproveitamento económico diso. A produción poderíase vender no comercio e restauración local, non teríamos que distribuir fora. O proxecto está á espera de conseguir fondos propios ou alleos para poder poñelo en marcha, de xeito profesional e con garantías.