A asociación de productores dos montes de Castroverde quere un debate público sobre o futuro do eucalipto nos concellos do centro e sur de Lugo, onde a Consellería do Medio Rural elaborou un borrador de decreto que prevé a súa prohibición. “Os propietarios estamos a favor dunha regulación do eucalipto que sexa explicable” -defende o secretario da agrupación, Manuel Marey.- “O problema desta regulación é que non ten explicación e ninguén da Xunta quere vir aquí a dar contas, a pesar de estar convidados”.
A segunda asemblea da asociación de produtores de Castroverde, con presenza tamén das executivas de colectivos de propietarios de Baleira e Baralla, permitiu visibilizar o respaldo social ás demandas sobre o eucalipto. “Hai inquietude e incertidume porque o eucalipto na actualidade é unha das alternativas claras para xerar rendas no rural”, sinala Marey. “É unha equivocación demonizar á especie, é unha alternativa máis. Queremos que nos expliquen por que non se vai poder plantar eucalipto en solo produtor forestal de Castroverde. Non falamos de plantar en prados ou sobre carballeiras”, aclara.
As demandas do colectivo contaron na asemblea con significativos respaldos, como o que prestou Antonio Oca, propietario forestal na Mariña e director xeral en Medio Rural durante o Goberno do Bipartito.
Os propietarios de Castroverde advirten tamén de que a eucaliptización da que se fala en Galicia pouco ten que ver cos concellos do centro e sur de Lugo. “Pode ser preciso regular o eucalipto e sobre todo, facer cumprir as regulacións xa existentes, pero dá a impresión de que con este decreto quérese só facer un lavado de imaxe a costa nosa. Que veñan a Castroverde e expliquen por que aquí non se vai poder plantar eucalipto e si no veciño concello do Corgo” -reitera Marey.- “Ten mérito de que a Baralla, Baleira ou Castroverde nos queiran responsabilizar da eucaliptización de Galicia”, cuestiona.
“A incertidume aumenta as cortas e as plantacións”
O anuncio da regulación do eucalipto no centro e sur de Lugo, que leva meses en forma de borrador pero que non se remata de sustanciar, xera unha situación de incertidume entre os propietarios. Na segunda asemblea da asociación de Castroverde, unha das principais preocupacións que se constatou é a de se se pode plantar eucalipto a día de hoxe.
Desde a asociación recoñecen que hai propietarios que están plantando nos últimos meses ou facendo cortas de piñeirais antes de turno co obxectivo de asentar os eucaliptos antes de que entre en vigor a posible nova normativa. “Estase producindo un desequilibrio nas cortas e nas plantacións que non é habitual. Son as consecuencias da incertidume e dun proxecto de decreto que quere meternos na segunda división forestal”, conclúe Marey.