No 2012 botaba a andar Lar de Ricobao, unha iniciativa de varios emprendedores e dinamizadores do rural, que un ano despois tamén puxeron en marcha Ouro de Quiroga, unha das principais almazaras de Galicia.
Esta adega é un claro exemplo de diferenciación en base a poñer en valor os recursos da propia zona: Os seus viñedos son todos alugados a veciños que xa non poden traballalos, non empregan herbicidas, a adega produce a súa propia electricidade e alúgana a outros viticultores. Entrevistamos a Julio, unha das alma mater de Lar de Ricobao.
-Vides de rematar a vendima a agora todo o traballo concéntrase na adega. Como valorades a vendima 2024?
Para nós foi a mellor colleita. A uva estaba moi sá, no seu momento óptimo de maduración, sen grandes desgustos de pestes ou enfermedades. Promete uns grandes viños.
-Na DO Ribeira Sacra este está a ser un dos anos máis difíciles dos que se acordan pola crise dos viños tintos. Como vos está a afectar esta situación?
No noso proxecto non nos está afectando en demasía, porque nós ao final traballamos con pequenos viticultores cos que xa temos compromiso desde fai anos, aos que lles seguimos collendo a uva non pola cantidade senón pola calidade. O resto do viño que temos é en aluguer e atendémolo nós. Temos ben dimensionados os volumes en función da demanda así que non nos está afectando directamente.
-Que valoración fas das medidas de apoio aos viticultores e adegas por parte da Xunta e que medidas cres que se deberían adoptar para superar esta crise?
As medidas que tomou a Xunta, parece que chegaron algo tarde, no caso das adegas co tema da destilación. No caso dos viticultores, co tema da protección de paisaxe ou de intentar que o viticultor non abandone a viña, estamos vendo que como non haxa un cambio ou iniciativas máis concretas, non supoñen unha gran axuda, pois no caso dos viticultores estamos falando de cantidades moi pequenas para manter unha paisaxe como a da Ribeira Sacra na que a maioría das viñas son en bancais.
-Lar de Ricobao é unha adega moi singular por diversas razóns, unha delas é que as 4 hectáreas de viñedo que traballades non as tedes en propiedade senón alugadas. Cóntanos por que vos decantantes por esta opción e como a valorades?
Valorámola positivamente. Cando iniciamos o proxecto en 2012 decidimos alugar principalmente parcelas de xente maior que non tiña relevo xeracional e que ían quedar abandonadas. En moitos casos estaban quedando a monte e tivemos que reconvertilas e noutros casos mantelas tal cal as estaba levando o viticultor. Estamos evitando que as viñas queden abandoadas por falta de relevo xeracional, e á seguinte xeración dos propietarios vailles quedar unha viña xa preparada.
Estamos evitando que as viñas queden abandoadas por falta de relevo xeracional
-Tedes previsto seguir ampliando superficie ou máis ben o obxectivo é manterse en produccións limitadas e moi diferenciadas?
O obxectivo segue sendo manterse en edicións limitadas e diferenciadas, sen descartar coller novas parcelas en aluguer replantándoas ou manténdoas dependendo do seu estado.
A subzona do Val de Quiroga-San Clodio non ten nada que ver co resto de zonas da DO. Ribeira Sacra
-O viño faise na viña. No voso caso como son as parcelas, e que descatarías das variedades que contades?
O importante do noso proxecto é onde nos atopamos. Estamos traballando coa uva do Val de Quiroga-San Clodio, é unha subzona da Ribeira Sacra moi peculiar, non ten nada que ver co resto de zonas da DO. Temos un microclima especial e unha diversidade de solos e orientacións brutal. Isto permítenos ter distintas variedades con diferentes alturas e chans, aportando características distintas. Non significa que sexan mellores ou peores, pero si que temos unha gran diversidade que nos permite traballar doutro xeito. Todo isto aporta unha gran diferenciación.
-A nivel agronómico non empregades herbicidas. Como reemplazades o glifosato e que lle aporta isto á calidade e cantidade de uva?
Iso foi unha aposta desde o principio, queremos fuxir de tratamentos sistémicos ou que danen a natureza, entón sempre descartamos os glifosatos. Isto permítenos ter unha biodiversidade e equilibrio no viñedo que se vai traducir en cepas e uvas máis sás. Non sei se isto é mellor ou peor pero o que está claro é que é distinto. O glifosato non penso que inflúa moito no tema cantidade, pero os tratamentos sistémicos si que poden permitir sacar máis cantidade.
Buscamos facer pequenas elaboracións e un público que as aprecie. Este ano estamos facendo por rimeira vez un monovarietal de branco lexítimo
-Para ser unha adega pequena elaborades nada menos que 7 tipos de viños. Que destacarías de cada un?
Ao final cada un é como un fillo, coas súas virtudes e defectos. O que nos gusta é facer pequenas elaboracións cando cremos que hai algo interesante que lle podemos contar ao consumidor. Ese é o seu verdadeiro aporte. Dependendo do ano facemos diferentes elaboracións. Este ano por exemplo estamos facendo un branco lexítimo por primeira vez. Buscamos facer pequenas elaboracións e un público que as aprecie.
-Destacades que os vosos viños nunca son iguais dun ano para outro. Por qué? Como infúen os lévedos que empregades?
Os lévedos son os propios das uvas. Varían cada ano porque varía a climatoloxía, non hai dous anos iguais, entón a uva vai evolucionando de diferente xeito. Poderiamos buscar facelos todos os anos iguais pero non nos interesa traballar así.
Os lévedos son os propios das uvas e varían cada ano
-A venda do viño, e sobre todo dos tintos, é complicada nun sector tan competivivo. Que nos podes contar da vosa estratexia de comercialización?
Decidimos ir a pequenas edicións e pequenos volumes, buscar o público que saiba valorar este tipo de produtos que facemos, que ao final vai case boca a boca, e eses son os canais que empregamos no viño. Vimos que a DO e os canais das grandes adegas non son os axeitados para nós, porque non podiamos competir en custos con eles, ou chegar a grandes eventos…
Facer pequenas elaboracións moi coidadiñas, e esforzarnos por chegar ao consumidor final e que nos valore polo noso traballo.
-Que volume de vendas pode representar a exportación e a venda online no voso caso?
É pouco significativo. Agora mesmo estamos só cunha operación de exportación. A canle online foi importante na época do COVID pero despois decidimos paralo un pouco por non facer competencia a certas tendas ou distribuidores que estaban levando o noso produto e quixemos enfocalo máis ben para a xente que está todo o día na rúa, pateando, defendendo o teu produto.
-A vosa adega é singular tamén porque sodes autosuficientes do punto de vista enerxético. Como é a instalación que tedes e que destacarías do resultado?
Foi un proxecto que fixemos en 2015 de autoabastecemento enerxético para a nosa adega, onde tiñamos unha instalación solar térmica para auga quente e calefacción, unha instalación fotovoltaica para o tema da electricidade e un sistema de baterías illado. Tamén unha caldeira de biomasa que nos axudaba coa auga quente e calefacción. Esas instalacións fixémolas cun crowdfunding que nos aportou a financiación para poder levar a cabo dito proxecto. Esas instalacións vendímosllas a un proxecto novo que empezou na nosa zona e desprazámonos a outra zona na que seguimos apostando polas renovables pero hoxe en día trabállase co balance enerxético e podemos dicir que nas instalacións actuais xeramos excedente enerxético que vertemos á rede. Producimos máis enerxía da que consumimos, demos un pasiño máis. Isto conseguímolo grazas a que temos o teito da nave chea de paneis solares cunha conexión de 90KW.
-Colaborades tamén con José Luis Vázquez que emprega as vosas instalacións da adega para elaborar o seu viño. Como valoras o resultado desta colaboración? Hai demasiadas adegas en Galicia infrautilizadas?
Sempre colaboramos con viticultores porque considerámolo positivo, aprender doutros… Esa colaboración foi durante un ano na pandemia, pero sí, hai moitas adegas en Galicia infrautilizadas, con moito proxecto faraónico, sobre todo por parte de xente doutro sector que ten moitos cartos e deciden montar unha adega porque ten algo de bucólico e moi posiblemente non as vaian amortizar, e ao final son competencia para os proxectos que si que buscan unha amortización e unha forma de vida. Hai moitas adegas nas que se poderían desenvolver varios proxectos á vez, pero neste mundiño non todo o mundo pensa do mesmo xeito e non todos teñen esta mentalidade colaborativa.
-Que plans tedes para a vosa adega para os vindeiros anos?
Seguir traballando nesta liña, seguir facendo cousas novas e sobre todo divertirnos facendo viño. E que isto sexa un complemento desa outra actividade que temos que é a do aceite. Levar o mellor posible os dous proxectos.