“Estamos a ensaiar 7 procedencias de piñeiro taeda para seleccionar as máis adaptadas a cada zona”

Viveros Mañente iniciou un proxecto para avaliar no monte as coníferas que máis se acheguen en crecemento ao piñeiro radiata, moi afectado polos fungos das bandas

Publicidade
“Estamos a ensaiar 7 procedencias de piñeiro taeda para seleccionar as máis adaptadas a cada zona”

Santiago Rodal, director comercial de Viveros Mañente,nunha das parcelas que plantaron con taeda.

O impacto que os fungos das bandas están a causar no piñeiro radiata levou a Viveros Mañente a embarcarse nos últimos anos na procura de alternativas. O piñeiro taeda é a conífera que consideran, nun primeiro momento, máis axeitada, tanto pola súa maior resistencia ás bandas como polos seus crecementos, próximos aos do piñeiro radiata.

“Collemos a mochila e visitamos países punteiros en coníferas para valorar opcións. Pensamos que o piñeiro taeda é a conífera que mellor se adapta á Cornisa Cantábrica e xa iniciamos ensaios en Galicia con semente de taeda de sete procedencias distintas”, explica Enrique Candía, xerente de Viveiros Mañente.

En Galicia, nos últimos anos viñase comercializando planta de piñeiro taeda procedente de sementes francesas, unha opción que continuará sendo a dominante ata que os ensaios actualmente en marcha non acheguen conclusións.

“Cando teñamos resultados, contarémolos. Nós temos que ser pesimistas e serios. Descoñecemos o comportamento do piñeiro taeda en Galicia, máis alá de experiencias puntuais” (Enrique Candia)

“A semente francesa foi seleccionada alí a partir dunha procedencia dos Estados Unidos que encaixa nas características de solo e clima de Francia, con zonas máis frías que Galicia. Aquí é unha planta que parece funcionar ben, pero dentro duns anos esperamos seleccionar outras procedencias máis axeitadas para as distintas zonas de Galicia”, valora Enrique.

Mañente comezou a vender piñeiro taeda de semente francesa na campaña 24/25 e este ano decidiu ampliar as procedencias na súa oferta de piñeiro taeda. “Seguimos vendendo planta de semente francesa, que se adapta a Galicia, e tamén planta de parte das procedencias americanas que estamos a ensaiar no monte, aínda que neste caso lle explicamos con claridade ao cliente que aínda non sabemos que resultados van ofrecer estas procedencias no monte”, advirte Enrique Candía.

“Cando teñamos resultados, contarémolos. Nós temos que ser prudentes e serios. Descoñecemos o comportamento do piñeiro taeda en Galicia, máis alá de experiencias puntuais e das plantacións que se levaron a cabo nestes últimos anos con semente francesa”, defende Enrique.

As perspectivas apuntan a crecementos de 20 metros cúbicos por hectárea e ano

A cuestión é que os ensaios no monte precisan tempo para ofrecer resultados. “O noso camiño pasa por desenvolver nas coníferas unha liña semellante á que xa fixemos no eucalipto, unha especie na que o 100 % da nosa planta conta con mellora xenética certificada por Aenor, tendo o eucalipto nitens Max Verde como principal referencia”, explica Enrique Candía.

No ámbito das coníferas, a expectativa é seleccionar dentro duns anos as procedencias de taeda que mellor se adapten ás distintas zonas de Galicia, tanto na costa como no interior. En Mañente subliñan que o piñeiro taeda é unha especie moi plástica que, na súa zona de orixe, o sueste dos Estados Unidos, abrangue unha ampla diversidade de climas, solos e altitudes, desde Florida, cun clima cálido, ata Delaware, cun clima frío.

“O piñeiro taeda pódese plantar desde a costa ata os 800 metros de altitude, con procedencias que soportan temperaturas de entre 6 e 8 ºC baixo cero. En canto ás esixencias de solo, é semellante ao piñeiro radiata; é dicir, necesita un solo de maior calidade que o do piñeiro pinaster”, resume o director comercial de Viveiros Mañente, Santiago Rodal.

As plantacións realizadas nos últimos anos manteñan boa sanidade forestal, pero é unha incógnita que sucederá no futuro

As perspectivas apuntan a que a especie en Galicia manteña crecementos duns 20 metros cúbicos por hectárea e ano, cunha previsión de quenda de corta final aos 28–30 anos, segundo valora Santiago Rodal.

A nivel sanitario, os resultados tamén son positivos polo de agora: “Estamos a facer un seguimento en distintas parcelas e a súa resistencia ás bandas parece boa” —valora Rodal—, “pero teremos que manter o seguimento nos vindeiros anos para contrastalo con maior seguridade”.

En definitiva, todos os ensaios con piñeiro taeda que se están a poñer en marcha nos últimos anos en Galicia cristalizarán en conclusións e resultados nos vindeiros anos. Tanto Viveros Mañente como empresas madeireiras, caso de Finsa, ou o Centro de Investigación Forestal de Lourizán traballan con esta especie coa expectativa de que se converta nunha alternativa sólida ao piñeiro radiata.

Situación do piñeiro radiata
Mentres tanto, o impacto das bandas provocou que as plantacións de piñeiro radiata se reducisen de maneira drástica. No caso de Viveros Mañente, este ano optaron por retirar provisionalmente da súa oferta o radiata e apostar como principais coníferas do seu catálogo polo piñeiro taeda e polo piñeiro pinaster, neste último caso con procedencias tanto galegas como das Landas francesas.

Este ano Mañente optou por suspender as vendas de planta de radiata, centrando a súa oferta principal de coníferas en ‘Pinus pinaster’, de orixe galego e das Landas francesas, e no taeda

“Co impacto do fungo das bandas, necesitamos no monte coníferas resistentes que introduzan unha maior diversidade e rompan a continuidade dos piñeirais de radiata afectados”, valora Santiago Rodal.

Terán futuro as plantacións de piñeiro radiata en Galicia? “Probablemente si, sobre todo en determinadas zonas que se viron menos afectadas polas bandas, pero nestes momentos, facendo un símil futbolístico, toca baixar o balón ao chan e paralo”, conclúe Santiago Rodal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información