A gandaría xoga un papel estratéxico no abastecemento alimentario da poboación, pero esa función capital só aparece de perfil nas políticas europeas. O foco da UE é a cuestión ambiental, un escenario que analiza Ramón Armengol, presidente da Confederación de Cooperativas Agroalimentarias de Europa (Cogeca): “A situación cambiou en pouco tempo. Hai uns anos non se falaba destas cuestións, pero agora no agro estamos en pleno tsunami verde e iso marcará a nosa actividade na próxima década”, pronostica.
“Por que aínda non se aprobou a PAC”. A miña impresión é que cada país quere poñerse a medalla de ser o máis verde”, apunta Armengol en alusión aos debates en Europa sobre os compromisos ambientais mínimos que esixirá a próxima Política Agraria Común, que entrará en vigor no 2023.
Ante ese escenario, Armengol chama a cooperativas e granxas a tomar conciencia da situación. “Cada cooperativa ou produtor ten que proxectarse na súa situación ambiental e ver se o que fai cumpre obxectivos ambientais a 5 anos” -valora-. “É unha auditoría que moitas cooperativas xa fan, pois as esixencias están a cambiar. Toda a nosa actividade relaciónase agora co cambio climático e coa cuestión ambiental”, sinala.
Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
Para afrontar os cambios que se aveciñan, Armengol apunta á oportunidade que representan os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Son os coñecidos popularmente como fondos Next Generation, que a UE lle está entregando aos países membro para impulsar a recuperación da crise da Covid.
“España é o segundo perceptor destes fondos, con 140.000 millóns de euros, dos que 70.000 son axudas a fondo perdido e os outros 70.000 créditos que como país teremos que devolver, probablemente vía novos impostos a plásticos, residuos, etc.”, explica Armengol, que onte participou nunha xornada de Cooperativas Agroalimentarias de España sobre as oportunidades que estes fondos representan para o agro.
“A gandería non está de moda e iso é unha ameaza. Hai colectivos que teñen unha percepción distorsionada da carne”
Como prioridades, Armengol sinala a dixitalización, o coidado das augas e actuacións encamiñadas a mellorar a imaxe do sector. “A nosa actividade dáse na España despoblada, que en xeral ten grandes problemas de conectividad. Estes fondos pódennos axudar a liquidar eses problemas e facernos gañar en competitividade”, destaca.
Outra cuestión que lle preocupa ao presidente do Cogeca é a imaxe pública do sector. “A gandaría non está de moda e iso é unha ameaza. Pode ser pasaxeiro, pero hai colectivos de idades identificadas que teñen unha percepción distorsionada da carne. Acúsasenos directamente de ser culpables do cambio climático e do cancro, á marxe das evidencias científicas”, lamenta.
“Eu como gandeiro non quero ser o culpable de que a calidade das augas da miña rexión non estea nos niveis nos que debe”
“Como problema engadido, temos a xestión dos residuos. Eu como gandeiro non quero ser o culpable de que a calidade das augas da miña rexión non estea nos niveis en que debe estar. Aí temos oportunidades de mellora e de cara aos fondos Next Generation, o tratamento de residuos gandeiros pode ser claramente unha prioridade”, conclúe.