“Estamos aceptando nos xatos índices de mortalidade e tratamento que non son normais. Hai ferramentas para reducilos drásticamente”

A veterinaria canadiense Jodi Wallace explica o concepto de xatos ZeroZero. Trátse dunha serie de procedementos para reducir ou mesmo suprimir a morte e o tratamento sanitario dos xatos leiteiros nas fases iniciais da súa vida. Manexo, alimentación e recollida de análise de datos son as claves dun método que permite aforrar miles de euros nas granxas

JODI WALLACE

Jodi Wallace é veterinaria no Ormstown Veterinary Hospital en Quebec (Canadá). Licenciouse en Medicina Veterinaria pola Universidade de Guelph en 2002. Traballou na Universidade de Cornell, no departamento de Servizos de Produción de Leite de Calidade, antes de incorporarse a unha clínica veterinaria especializada en gando leiteiro en Mirabel, Quebec.

Ademais, obtivo un máster en Ciencias Veterinarias pola Universidade de Montreal. Tamén foi presidenta da Asociación Canadiense de Veterinarios Bovinos. En 2023, recibiu o premio «Veterinaria Bovina do Ano» pola Asociación Americana de Veterinarios Bovinos e foi galardoada en tres ocasións coa Orde Nacional ao Mérito Agrícola de Canadá. E exerce como co-titular dunha explotación leiteira.

Wallace foi unha das relatoras no congreso da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (ANEMBE) celebrado en Valladolid. A súa intervención centrouse no obxectivo coñecido como “xatos ZeroZero”, é decir, lograr nas granxas a redución drástica de tratamentos sanitarios sobre os xatos e que a mortalidade destes sexa practicamente nula.

Recoñeceu que semella un fin imposible pero, cun manexo de precisión, pódese conseguir. Sen embargo, non se logra de forma inmediata e require dun equipo de coidadores e profesionais comprometidos, un traballo constante e unha aplicación correcta dos fundamentos básicos.

O concepto de xatos ZeroZero pode parecer utópico pero acádase cuns protocolos claros e o compromiso de todo o persoal

A principal premisa é que os tratamentos e a mortalidade en xatos no deberían considerarse normais nunha explotación. “Percíbense como `normais´ porque historicamente o entendemos así. Converter o anormal en normal é un problema. E ese problema debe ser solucionado”, dixo Wallace.

A clave reside na atención ao detalle e a constancia. Para eso é imprescindible establecer protocolos que permitan que todas as persoas que traballan cos xatos adopten un enfoque común e coherente para todos os procesos.

A especialista sinalou que na actualidade os obxectivos estándar en materia de saúde dos animais antes do destete (0-60 días) son:

– Tasas de mortalidade inferiores ao 5 %

– Tasas de tratamento inferiores ao 25 %

– Crecemento acelerado (duplicar o peso ao nacer en 56 días)

Wallace cuestiona esas cifras e sinala que as explotacións poden chegar facilmente a tasas de mortalidade de entre 0% e 2 % tratamentos inferiores ao 15 % e ganancias de peso medias diarias superiores a 1 quilo, é decir, duplicar o peso ao nacer en menos de 50 días.

Wallace asegura que un manexo coordinado dende antes do nacemento dos animais pode lograr os obxectivo "xatos ZeroZero"

Wallace asegura que un manexo coordinado dende antes do nacemento dos animais pode lograr o obxectivo “xatos ZeroZero”

As principais enfermidades en xatos son a diarrea e a neumonía. E pódense previr. A diarrea e a neumonía non son culpa do animal, senón que están causadas por fallos nun ou varios pasos do manexo global.

Manexo das vacas secas

Afondando neses aspectos de manexo, a especialista sinalou que é fundamental centrarse nas vacas en período de transición. “A vaca seca debe ter unha vida libre de estrés. Para centrarse no desenvolvemento do feto no útero e na produción de costro de alta calidade. A zona de parto debe estar limpa, seca e ben ventilada. E precísanse medidas preventivas para evitar enfermidades como hipocalcemia, retención da placenta, cetose, desprazamento de abomaso, mastite ou coxeiras.”

O Código de Boas Prácticas do Sector Lácteo de Canadá recomenda unha superficie mínima de 9,3 m² de cama profunda por vaca seca en fase lonxana a parto e de 14 m² por vaca en preparto. Tamén poden aloxarse en cubículos, evitando a sobreocupación.

A vaca seca ten que estar libre de elementos de estrés para que o feto e o costro se desenvolvan axeitadamente

“O parto debe realizarse nunha zona con cama ou nos pastos. E a creación de grupos estables durante o secado é eficaz para reducir o estrés. O que se fai é agrupar os animais nun esquema de `todo dentro–todo fóra´, de xeito que as vacas permanecen xuntas ata o parto.”

Wallace aposta por non introducir novos animais. A incorporación dunha vaca a un grupo provoca interaccións agresivas para establecer a xerarquía social. Introducindo vacas unha vez por semana, pódense producir 1,5 días de conflitos sociais para restablecer a xerarquía. Con tres veces por semana, pódese chegar a 4–5 días de conflito. O conflito reduce a inxesta de materia seca, e repercute negativamente coa aparición de enfermidades metabólicas no pos-parto.

“A zona de parto debe situarse nunha área lonxe do tránsito habitual da zona de muxido, da de recorte de pezuñas e das entradas principais. Mediante cámaras ou sistemas de videovixilancia, o gandeiro pode supervisar o progreso do parto sen interferir nin xerar estrés.”

Tamén se debe previr o estrés térmico. Porque ten efectos perxudiciais para a vaca, o xato no útero e os seus ovarios ou testículos. O estrés térmico pode ter efectos na xenética que se estenden ata por tres xeracións. E altera o ambiente intrauterino.

O estrés térmico pode ter efectos no proceso reprodutivo e causar danos xenéticos durante tres xeracións

Wallace presentou diferentes estudos que indican os xatos expostos a estrés térmico en útero presentan maior probabilidade de fallo na transferencia pasiva, alvéolos mamarios e células secretoras máis pequenos, menor produción total de leite nas tres primeiras lactancias, e menor tasa de supervivencia que os xatos non expostos a estrés térmico en útero.

Independentemente do modelo de explotación, as vacas en transición deben estar en ambientes libres de estrés

Independentemente do modelo de explotación, as vacas en transición deben estar en ambientes libres de estrés

A nutrición é clave. “As vacas secas deben recibir unha ración equilibrada -sen aporte calórico excesivo- para previr o aumento da condición corporal. E debe reducir o fígado graso e a cetose, e previr o desequilibrio enerxético negativo tra-lo parto. Tamén anticiparse á hipocalcemia e aportar a cantidade axeitada de proteína metabolizable.” Respecto da vacinación, a especialista considéraa útil fronte a diarrea neonatal, para aumentar a concentración de anticorpos no costro.

Xestión do costro

O manexo do costro é o paso máis decisivo no futuro do animal. E baséase en catro parámetros principais sobre os que pode operar o gandeiro; calidade, cantidade, momento da administración e hixiene no proceso.

“Inmediatamente tra-lo nacemento -mellor se é nas primeiras 6 horas de vida- o xato debe recibir un volume de costro limpo e de alta calidade equivalente ao 10 % do seu peso vivo. Os bovinos que reciben unha cantidade axeitada de costro presentan maiores ganancias medias diarias, mellor estado sanitario nas fases predestete e postdestete e máis produción de leite na primeira lactación.”

Wallace opina que todas as granxas deberían ter ferramentas para avaliar a calidade do costro. Por exemplo, co refractómetro óptico ou dixital. E só debe administrarse costro cun valor igual ou superior ao 24 % en escala Brix (a medición dos sólidos totais e concentración de inmunoglobulinas). Valores inferiores a 18% deben descartarse.

Alta calidade no costro e o encostrado implican máis produción futura, máis ganancia diaria e máis saúde

“Os xatos nacen con apetito e cómpre darlles biberón mesmo antes de que se teñan de pé. E o costro debe ser de alta calidade sanitaria, libre de patóxenos. É posible conxelar costro de vacas adultas libres de enfermidades (leucose, staphylococcus aureus, paratuberculose, micoplasma, diarrea viral bovina) en envases pequenos (2 litros) que permitan un desconxelado rápido en auga tibia. En granxas con presencia de enfermidades, pódese establecer un banco de costro conxelado, previamente pasteurizado. A segunda e terceira toma tamén deben ser de costro.”

O encostrado e as primeiras tomas de leite determinarán o futuro sanitario e produtivo do animal

O encostrado e as primeiras tomas de leite determinarán o futuro sanitario e produtivo do animal

A hixiene é fundamental para garantir unha correcta absorción. As mostras de costro analízanse para determinar a súa carga bacteriana total. O costro debe conter menos de 10.000 UFC (unidades formadoras de colonias) por mililitro de bacterias totais e cero coliformes.

“Tamén pode enriquecerse o costro materno para mellorar a calidade. Consiste en engadir un substituto de costro a costro de baixa calidade para incrementar o seu valor en Brix na primeira toma. Os xatos precisan máis dunha toma de costro. O ideal son 2 ou 3 tomas de costro ou de leite de transición. A partir das 12 horas de vida, a eficiencia de absorción de anticorpos diminúe por baixo do 50 %.”

Múltiples consumicións de costro teñen un efecto beneficioso sobre a mucosa intestinal. Porque contén non só inmunoglobulinas, senón tamén compostos bioactivos, nutrientes e enerxía, que son esenciais para a termoxénese, o mantemento e o crecemento do xato, sinalou Wallace.

O costro ideal é o que contén menos de 10.000 UFC por mililitro e está totalmente libre de coliformes

“O costro evoluciona a leite comercializable tras 5 ou 6 muxidos, pasando a leite de transición. Hai estudos que demostran que as explotacións que utilizan leite de transición presentan menor incidencia de enfermidades e mortalidade en xatos predestete. Así como menor duración das diarreas, menor uso de antimicrobianos e maiores ganancias medias diarias.”

Wallace apuntou que os beneficios vense mediante a elaboración dun leite de transición enriquecido. Engadindo 70 gramos dun substituto de costro con 100 gramos de inmunoglobulina ao leite unha vez ao día durante os primeiros 10 días de vida. A eficacia do manexo do costro avalíase pola cuantificación de transferencia pasiva de anticorpos.

“A medición de proteínas totais en soro sanguíneo de xatos entre 1 e 5 días de idade permite determinar se a absorción de anticorpos foi adecuada. Máis do 70 % dos tenreiros debería presentar unha transferencia pasiva satisfactoria, con valores de proteínas séricas totais superiores a 50 gramos por litro.”

EFICACIA CALOSTRO

Procedementos iniciais e alimentación dos xatos

A especialista canadiense destacou que é de interese establecer protocolos básicos de manexo inmediatamente despois dos nacementos: desinfección de embigo, secado e/ou quecemento do tenreiro, traslado a zona de recría, identificación por crotal, vacinación, toma de mostras para probas xenómicas… Son labores fáciles de lembrar elaborando fichas individuais de cada xato e verificando cada paso.

Informacións como o grao de asistencia ao parto, calidade do costro, momento e volume das tomas ou simplemente incluír as iniciais do responsable de cada tarefa, permiten dispoñer de rexistros máis completos e facilita a identificación de xatos de alto risco.

É posible duplicar o peso ao nacemento en menos de 30 días con aporte enerxético e leite a libre disposición

No aspecto de alimentación, Wallace advertiu que “tra-la administración de costro, o seguinte paso é alimentar con leite ou sucedáneo, coa fin de acadar ganancias medias diarias de peso e tamaño adecuadas para a futura reprodución. O ideal é duplicar o peso de nacemento en 56 días. E lógrase alimentándoos con máis leite. O óptimo é unha dose equivalente ao 20 % do peso vivo.”

Outra estratexia consiste en aumentar o aporte enerxético mediante tres tomas diarias ou coa subministración de leite a libre disposición. Existen granxas con xatos leiteiros que duplican o seu peso ao nacer en tan só entre 23 e 30 días e sen modificar a idade de destete.

A limpeza dos equipos de alimentación dos xatos é un proceso moi complexo que require de protocolos claros

A limpeza dos equipos de alimentación dos xatos é un proceso moi complexo que require de protocolos claros

Malia esas boas cifras, soe haber escepticismo entre os gandeiros. “Sóese decir que os becerros collen diarrea se se lles da demasiado leite. Eso indica un problema subxacente. Habería que comprobar o nivel de bacterias no leite, se estivo exposto ao aire e humidade, se o equipo de alimentación está limpo ou se o substitutivo de leite se preparou coa concentración e temperatura axeitadas.”

Os equipos de alimentación dos becerros poden ser fontes de contaminación bacteriana do leite ou do costro, mesmo estando aparentemente limpos. “As probas de limpeza son clave na avaliación sanitaria dos xatos. A contaminación dos equipos pode determinarse coa medición de adenosín trifosfato, expresado en unidades relativas de luz.

Wallace dixo que “a formación do persoal e a dispoñibilidade dunha área específica para limpar os equipos facilitarán esta tarefa. Debemos colocar os protocolos de limpeza nun lugar visible para todos.”

É un erro pensar que os xatos collen diarrea se toman moito leite. O problema estará na composición dese leite

Citou, ademais, estudos sobre o uso de pasteurización para reducir os niveis de adenosín trifosfato en equipos de administración de costro (sondas esofáxicas, tetinas e biberóns), previamente considerados limpos. Pasterizouse a 60 °C durante 60 minutos. Finalizado o proceso, realizáronse probas con hisopos.

“Os resultados antes e despois mostraron unha redución de bacterias media por riba do umbral esixido no 100% das mostras. Por tanto, a pasteurización do material para becerros, que resulta difícil de limpar, pode reducir eficazmente a cifra de bacterias en superficie. O método podería incorporarse aos protocolos de limpeza actuais sen grande esforzo.”

A limpeza dos equipos de alimentación dos xatos é moi complexa pero hai ferramentas para facela totalmente eficiente

A doutora apuntou que o destete é unha etapa estresante. “Para reducir o risco de succión cruzada, debe realizarse de forma gradual durante 10–14 días, mediante unha redución progresiva do volume de leite servido. E hai que asegurar que os xatos consuman alo menos 1 quilo de penso iniciador antes de iniciar o destete.” Por eso, convén evitar outros factores estresantes durante o destete como traslados de cortello, descornado ou cambio de penso de inicio.

O momento de destete é un momento crítico que pode xerar estrés nos xatos

O momento de destete é un momento crítico que pode xerar estrés nos xatos

Aloxamento dos animais

O espazo e a contorna que ocupen os xatos durante os primeiros 60 días de vida é enormemente importante. “Os animais recén nacidos pasan preto do 80 % do tempo tumbados. E os de seis semanas, o 75 %. É fundamental garantir a cantidade suficiente de cama para mantelos abrigados, limpos e secos.”

A ventilación xoga un papel clave na prevención de doenzas respiratorias. Hai que dispoñer de aire fresco abundante e sen correntes. “A neumonía ten graves repercusións económicas no presente e futuro do tenreiro. Pode afectar negativamente en crecemento, rendemento reprodutivo, produción leiteira e lonxevidade. A medición da carga bacteriana aérea total non resulta práctica en explotacións porque require de equipamento especializado.”

Pero, sinala Wallace, podemos utilizar algo tan sinxelo como os nosos sentidos de vista e olfato. “Atendendo ao primeiro olor que percibimos no recinto dos becerros, podemos notar cheiro a amoníaco a partir dunha concentración de 10 ppm, o cal xa é un nivel perigoso para os animais. Debemos avaliar o olor á altura do xato.”

Temos que garantir que os xatos que acaban de nacer dispoñan de espazos amplos, abrigados, limpos e secos

Se, ademais, sentimos irritación en nariz e ollos é pola presenza de exceso de amoníaco e de gases nocivos. “Esto compróbase utilizando tiras reactivas a amoníaco. Se hai po, mofo, condensación ou humidade, estamos ante problemas evidentes.”

E hai que observar o comportamento dos tenreiros. Se cambia de forma individual ou grupal ou se vemos que se agrupan, é que hai carga bacteriana notable. Esa carga pode reducirse aumentando a superficie dispoñible para cada xato. “Aloxados -individualmente ou en grupo- deben dispoñer dun mínimo de 2,6 m² e 3,3 m² de superficie de cama por animal, respectivamente.”

Wallace recomenda aumentar a frecuencia de limpeza de cortes e mellorar a ventilación mediante sistemas complementarios. Evitando a xeración de correntes. Os sistemas de ventilación por presión positiva mediante tubos perforados constitúen unha solución sinxela para mellorar a calidade do aire en instalacións interiores.

Wallace recomenda que os xatos estean en parella ou grupos porque o seu comportamento é gregario

Wallace recomenda que os xatos estean en parellas ou grupos porque o seu comportamento é gregario

O aire fresco do exterior distribúese a través de minúsculos orificios do tubo e difúndese a nivel do becerro sen xerar correntes. “Os xatos non perciben correntes de aire cando a velocidade da circulación é inferior a 0,3 m/s.”

A especialista aposta pola cría en parellas ou pequenos lotes para a mellora do seu desenvolvemento. “Os animais criados en parella presentan maior capacidade de adaptación a cambios e maior disposición a consumir novos alimentos como herba seca, grans ou a ración total mesturada. Eso tradúcese nunha maior resistencia ao estrés. E os xatos emparellados amósanse menos asustados e comen máis tra-lo destete.”

Convén acadar un umbral suficiente para que os xatos poidan interactuar xa que son animais gregarios

A interacción social é importante porque os tenreiros son gregarios. Aloxalos con alo menos un compañeiro mellora a saúde e contribúe a unha mellor percepción por parte do consumidor. Esa percepción é relevante porque inflúe na aceptación do produto final nun contexto de preocupación polo benestar animal.

E resulta esencial proporcionar agua e penso de arranque a libre disposición para favorecer un crecemento rápido. Está demostrado que, nesas condicións, os becerros presentan un 45 % máis de consumo de penso iniciador e un incremento do 60 % de peso durante as primeiras catro semanas de vida.

O consumo de penso iniciador favorece o desenvolvemento do rume. “E non deben esquecerse as medidas básicas de bioseguridade para protexer o rabaño de novas enfermidades. O idóneo sería que os xatos dispoñan dun espazo separado das vacas en produción adultas para limitar a transmisión de patóxenos polo aire.”

Outras medidas básicas son a limpeza de roupa e calzado de traballo, a restrición de acceso ás instalacións para xatos, a limitación da entrada de visitantes e en todo momento tomando as medidas de bioseguridade adecuadas (calzas e monos sempre novos).

O consumidor final dos produtos lácteos valora moi positivamente que os xatos estean nas mellores condicións de benestar animal

Wallace lembrou que os programas de vacinación prevén a neumonía. “As vacinas estimulan o sistema inmunitario, prepárano fronte a infeccións e doenzas, reducen a gravidade das mesmas, diminúen a carga de patóxenos na contorna e melloran a resposta a tratamentos. Pero os programas de vacinación deben ser específicos para cada explotación.”

O aloxamento dos xatos debe ser amplo, limpo, seco e ventilado

O aloxamento dos xatos debe ser amplo, limpo, seco e ventilado

Rexistro de datos sanitarios

Hoxe as tecnoloxías dixitais permiten recoller infinidade de datos para monitorizar a saúde dos becerros, e é necesario rexistralos e avalalos periodicamente. O rexistro de doenzas como a diarrea ou a neumonía e dos tratamentos aplicados é fundamental para comprender a epidemioloxía na explotación.

“Os datos deben rexistrarse de forma que poidan analizarse facilmente. Canta máis información teñamos, mellores decisións tomaremos. O establecemento de protocolos claros e a formación de todo o persoal implicado no coidado dos becerros son fundamentais para o éxito.”

Hoxe temos ferramentas dixitais non só para recoller e analizar datos senón mesmo para predecir o que vai pasar con cada animal

Para a especialista, hai que prestar atención aos detalles das tarefas diarias e supervisar todo o proceso mediante a análise de datos: avaliación do costro, control da transferencia pasiva, ganancias medias diarias, incidencia de enfermidades, tasas de tratamento, controis de limpeza…

“Deben identificarse oportunidades de mellora continua para optimizar a saúde e crecemento. Incluso pequenas melloras poden axudar ás granxas a acadar o obxectivo ZeroZero na cría de xatos, logrando que alcancen o seu máximo potencial xenético.”, concluíu Wallace.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información