Estado da reforma da PAC: 8 cuestións que se xoga Galicia nuns días

O Consello de Ministros de Agricultura reúnese hoxe e mañá para perfilar un acordo. Unha vez resoltas as incógnitas que quedan en Europa, o Ministerio de Agricultura espera acadar un acordo cos conselleiros autonómicos na primeira quincena de xuño

Estado da reforma da PAC: 8 cuestións que se xoga Galicia nuns días

A reforma da PAC entra hoxe no seu seu treito final, coa reunión que manteñen os ministros de Agricultura da UE para perfilar un acordo. Sobre a mesa, os tres regulamentos da PAC (regulación dos plans estratéxicos nacionais, financiación e organización de mercados).

Entre as cuestións por definir, está a porcentaxe de fondos que se van destinar ós ecoesquemas (entre un 20 e un 30%); as condicións mínimas que se establecen para a definición de agricultor activo ou a regulación sobre topes máximos de axudas por beneficiario (capping) e pagos redistributivos.

Os acordos que se adopten en Bruxelas esta semana condicionarán as decisións que terá que tomar o Ministerio de Agricultura no mes de xuño. Coa reforma da PAC xa encarrilada en Europa, en España o Ministerio mantén polo de agora numerosas incógnitas sobre o enfoque que lle dará á reforma. Non é un asunto sinxelo, pois cada comunidade autónoma e cada sector agrario presiona ó Goberno en función dos seus intereses.

Desde Galicia, o Parlamento autonómico pronunciouse tamén onte sobre as cuestións que considera prioritarias para a comunidade. Compareceu na Cámara galega o conselleiro do Medio Rural, que expuxo a postura común sobre a PAC que comparte coas comunidades da Cornixa Cantábrica, así como reivindicacións singulares de Galicia; e interviron tamén os portavoces na materia do BNG e PSdeG.

A día de hoxe, estes son os oito principais asuntos que preocupan ós grupos políticos e ás organizacións agrarias.

  • Superficies con dereito a cobro. O Ministerio baralla que outros sectores agrícolas entren nas axudas da PAC, como o viñedo, a horta ou as froiteiras. É unha posibilidade que beneficiaría sobre todo ó Leste español, pero as comunidades da Cornixa Cantábrica opóñense a que entren novos sectores se non se aumenta a superficie con dereito a cobro nas comunidades cantábricas, pois teñen unha media de superficie con dereitos de pago inferior á media española.
  • Converxencia dos dereitos históricos. Prevese que nos próximos anos continúe a converxencia de dereitos históricos para chegar no 2026 a un 85% de converxencia da coantía dos dereitos dentro de cada rexión. Queda por concretar en cantas rexións agronómicas quedará dividida España. Dáse por feito que das 50 rexións actuais pasarase a un número moi inferior, probablemente no entorno da quincena.
  • Pagos asociados. Manterase o nivel de fondos que se destina a pagos asociados, se ben os pagos asociados que recibe a gandería poderían reducirse se se incorporan outros sectores, como o olivar tradicional. É unha cuestión por ver. En Galicia, o conselleiro defende que se o olivar tradicional se incorpora ós pagos asociados, tamén haberá que establecer eses pagos para os soutos tradicionais de castaña. Desde organizacións como Unións Agrarias, proponse outra alternativa de pagos para a castaña, como a de que entre nas superficies con dereito a cobro de axudas.
  • Pastos arbustivos. A anterior reforma da PAC penalizou ós pastos arbustivos típicos na provincia de Ourense e montaña de Lugo. As novas esixencias sobre os pastos arbustivos reduciron o seu coeficiente de admisibilidade, sen ter en conta o aproveitamento tradicional que fai o gando do mato. Unha esperanza para correxir ese problema está en que a Comisión Europea acorde un cambio da definición dos pastos arbustivos que poida beneficiar a Galicia. Desde a Consellería plantéase a alternativa de que eses pastos arbustivos reciban asignacións suplementarias de dereitos da Reserva Nacional.
  • Agricultor xenuíno. O Ministerio e as comunidades avanzaron nun acordo sobre a definición de quen pode cobrar as axudas da PAC. Todo apunta a que se considerará agricultor xenuíno ós produtores que teñan polo menos un 25% de ingresos agrarios sobre o total da súa renda, pois existe consenso en que hai que ter en conta ós agricultores cunha segunda actividade.

    O punto a debate está sobre a exención que quere establecer o Ministerio para que os perceptores de menos de 5.000 euros de PAC sexan considerados tamén agricultores xenuínos, con independencia da porcentaxe de ingresos agrarios. É unha cuestión á que se opón Galicia, pero que outras comunidades, como Andalucía, defenden.

  • Tope de axudas por beneficiario (Capping). Espérase que haxa un tope de 100.000 euros de axuda por beneficiario, con pagos regresivos a partir de 60.000 euros. A cuestión a debate é se se van poder deducir os custos laborais e os pagos a empresas de servizos á hora de fixar o tope. Na comunidade, a postura é unánime en contra, pois beneficiaríase ós grandes latifundios do sur peninsular.
  • Pago redistributivo. Desde Galicia, tanto os grupos políticos como as organizacións agrarias (Unións, Sindicato Labrego) piden un pago redistributivo que beneficie ás pequenas e medianas explotacións e que teña en conta o número de traballadores, pois calcúlase que a gandería crea ata tres veces máis empregos por hectárea que a agricultura.

    Queda tamén por ver que fondos se destinan ó pago redistributivo, pois beneficiaría a Galicia que se se lle adicase a ese fin unha porcentaxe significativa dos fondos da PAC, non só os cartos procedentes do Capping.

  • Ecoesquemas. O Ministerio mantén o groso da proposta de ecoesquemas realizada, pero espéranse cambios que adapten os ecoesquemas a Galicia. Desde Unións Agrarias sinálase que houbo contactos co Ministerio para que reforme os ecoesquemas de gandería extensiva e de pasto e sega, adaptándoos á Cornixa Cantábrica, pois en Galicia, por exemplo, carece de sentido deixar marxes sen segar nas fincas, tendo en conta o minifundio e a alta porcentaxe de terreo forestal e a mato, a diferenza do que sucede noutras comunidades.

Segundo piar da PAC, os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural

Unha vez que se aclare a regulación das axudas directas (primeiro piar da PAC), abordarase o melón do segundo piar, os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), que abordan cuestións moi variadas (apoios ó sector agroalimentario e forestal, asesoramento, obras no rural, plans Leader, etc.).

No debate que houbo onte no Parlamento, os grupos da oposición amosáronse críticos sobre o reparto dos fondos nos PDR de Galicia, ata o punto de que o grupo socialista sinalou que a primeira empresa beneficiada da PAC en Galicia é unha multinacional con sede en Madrid que se adica á obra pública.

Desde o BNG cuestionouse os fondos que se pretenden adicar á Lei de Recuperación da Terra Agraria por medio do Plan Leader. “É un enfoque de arriba abaixo que moito nos tememos que ten o principal obxectivo de beneficiar a algunha gran empresa agraria”, sostiveron.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información