Establecen excepcións á prohibición de pastoreo en zonas afectadas polos incendios do pasado verán

Medio Rural publica unha instrución na que se contemplan estas excepcións, que se poden autorizar cando se acrediten perdas de difícil ou imposible reparación ou se constate a inexistencia de alternativas

Establecen excepcións á prohibición de pastoreo en zonas afectadas polos incendios do pasado verán

A Consellería do Medio Rural vai permitir excepcións á prohibición de pastoreo naquelas zonas que se viran afectadas polos incendios forestais do pasado verán. Poden autorizarse excepcións á prohibición xeral de pastoreo en terreos afectados por incendios forestais cando se acrediten perdas de difícil ou imposible reparación ou se constate a inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas polos incendios forestais dentro da mesma demarcación forestal.

Cabe sinalar que a posibilidade destas excepcións está recollida na normativa vixente, concretamente na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; e no Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxico e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada.

Ademais, poderán autorizarse excepcións nos supostos de pastos afectados por grandes incendios forestais nos que a Administración adoptase medidas extraordinarias dirixidas á consolidación de solos queimados, a trituración da vexetación queimada, a reparación de peches gandeiros e a reparación de infraestruturas. Nestas situacións poderanse recoñecer de oficio as perdas de difícil reparación e a ausencia de solucións alternativas.

Cómpre lembrar que para aproveitar os pastos en montes ou terreos forestais nos supostos excepcionais aos que se refire debe respectarse o réxime xeral dos aproveitamentos forestais de pastos, que esixe dispoñer dun dereito de pastoreo; e débese tamén estar inscrito no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo de montes ou terreos forestais.

Así mesmo, é importante salientar que non é a primeira vez que se outorgan este tipo de autorizacións que permiten o acceso do gando a superficies queimadas, sempre que se garanta que non produza un prexuízo medioambiental no monte. Na actualidade, esta excepcionalidade cobra especial relevancia pola superficie afectada tras a vaga de incendios de agosto, unha circunstancia que dificulta a alimentación do gando en extensivo, e de aí que a Xunta decida habilitar este tipo de medidas para dar resposta á necesidades dos gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información