Estabilidade nos prezos dos becerros de recría e suba do porcino en Silleda

Nas mesas de prezos acordouse subir as cotizacións do porco cebado e a dos leitóns e manter a dos ovos. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 10 de xaneiro

Estabilidade nos prezos dos becerros de recría e suba do porcino en Silleda

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia /Abanca caracterizáronse pola estabilidade nos prezos dos becerros de recría, mentres que no vacún maior subiu a categoría segunda, a máis numerosa, e baixou o prezo nas restantes. Nas mesas de prezos acordouse subir as cotizacións do porco cebado, así como a dos leitóns, que encadean máis dun mes de subas. Os ovos mantéñense sen cambios e na Lonxa de Madrid baixa a carne de coello ata os 1,60 euros o kilo.

Nos becerros de recría de raza Frisona a tendencia xeral foi á estabilidade dos prezos. A excepción foi a categoría dos de menos de 20 días, onde a cotización media subiu ata os 99 euros, once máis que a pasada semana. Con todo, a cifra representativa é a dos de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, onde a media situouse nos 112 euros por xato, dous menos que o pasado martes. Na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, os prezos acadaron unha media de 146 euros, un máis que a semana anterior.

Nos becerros de Cruzamento industrial as oscilacións nos prezos esta semana tamén foron desiguais. Así, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias baixaron ata os 268 euros, fronte aos 314 da pasada semana. Porén, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu ata os 334 euros, fronte aos 317 da última poxa. Nas femias, pola contra, houbo baixada de prezos: 262 euros de media, fronte aos 269 do pasado martes. E nos xatos de máis de 51 días o prezo medio baixou ata os 429 euros, fronte aos 482 euros de media da pasada semana.

No vacún maior a tendencia xeral foi tamén irregular. Deste xeito, quedaron en 1.092 euros de media en categoría primeira, 726 en segunda -a máis numerosa e a única que subiu- e 413 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.141, 695 e 436 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron deste xeito:

cotizacions_silleda_02_01_2017_vacun

Ovos sen cambios e coello á baixa

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse unha semana máis manter os prezos en todas as categorías. Así, na XL quedou a ducia nos 1,45 euros, na L en 1,41, en 1,33 na M e en 1,10 euros na S.

Nos coellos, na Lonxa de Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse baixar os prezos un 0,10% ata situarse nos 1,60 euros o kilo.

Suba no porco cebado e nos leitóns

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou esta semana subir as cotizacións. Así, nas categorías Selecta e Normal as cotizacións subiron un 0,02%, quedando nos 1,215 e 1,190 euros por quilo, respectivamente; a Canle II subiu un 0,026% ata os 1,545 euros por quilo. Na categoría de desvelle as cotizacións subiron un 0,03%, situándose intervalo de prezos entre 0,79 e 0,85 euros o quilo.

En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, as cotizacións tamén subiron esta semana un 0,05% ata os 1,570 euros o quilo, mentres que no resto de países da Unión Europea a tendencia foi tamén á alza.

En canto aos leitóns, acordouse subir as cotizacións unha semana máis, desta vez un 2%, quedando nos 52 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 57 euros para os procedentes dunha única explotación.

Os prezos do porcino quedaron do seguinte xeito:

cotizacions_silleda_02_01_2017_porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información