O mercado forestal en Galicia arrinca o ano con estabilidade, tanto nos prezos pagados pola madeira no monte como na demanda por parte das principais industrias transformadoras. O eucalipto resíntese da baixada na cotización da pasta do papel do segundo semestre do 2024, aínda que mantén prezos aos propietarios, trala suba de 2-3 euros no verán, mentres que as cortas de piñeiro continúan tamén con prezos estables.
Non se agardan movementos importantes de cara á primavera e as variacións, de habelas, poderían chegar no verán, a época na que máis cortas se fan en Galicia, en función da situación do mercado nese momento, á espera dunha recuperación da pasta de papel que anime as compra-vendas, como aconteceu o verán pasado.
A pasta de papel caeu 400 dólares (un 28%) na segunda metade do 2024 pero agárdase que repunte nos vindeiros meses
A cotización da pasta de papel de fibra curta (BHK) en Europa sitúase neste momento en 1.010 dólares a tonelada, logo de ter baixado desde o mes de xullo máis de 400 dólares, perdendo case un 30% do seu valor desde os máximos acadados no 2024 (1.439$). A previsión de futuros marca un repunte da cotización neste 2025 até recuperar a mediados do ano o nivel dos 1.200 dólares.
Freo na demanda de eucalipto
Esta situación trasladouse ao mercado da madeira de eucalipto, que mantén prezos pero reduciu demanda. “Ence segue collendo os volumes que lle mandamos pero eliminou as primas por cantidade que establecera o ano pasado porque naquel momento estaba a pasta alta e necesitaba máis materia prima”, explica unha das empresas forestais provedoras habituais da pasteira.
Ence colle todo o que mandamos, pero agora non están dispostos a pagar máis para que lles levemos máis eucalipto
Esas primas aos madeiristas podían chegar a 4-5 €/tonelada para incrementos do 20% sobre os volumes que cada empresa metía habitualmente en fábrica. “No eucalipto non hai moita ‘alegría’ pero polo menos as fábricas están mantendo o prezo”, argumentan.
As plantas de Navia e Pontevedra están mantendo prezos malia a caída na cotización da pasta de papel vivida no último semestre do ano 2024
Os datos dos madeireiros apuntan a que o glóbulos sen casca págase en pé no monte a entre 40 e 42 euros, mentres que o que vai con casca está a 36€ (Prezos con Ive e descontado o Irpf). No caso do nítens serían 5 euros menos. Son os mesmos prezos que os do segundo semestre do 2024, despois da suba de 2€ en tonelada que se produciu o verán pasado.
Desde a Asociación Forestal de Galicia apuntan a que en lotes de boas dimensións e boa saca, o prezo do eucalipto globulus con casca (sen impostos) móvese nun arco de 32-38 euros, ós que habería que sumarlle as primas de certificación forestal naqueles casos en que o monte estea certificado (2-3 euros para montes cunha certificación, PEFC ou FSC).
En eucalipto nitens, a Asociación Forestal de Galicia apunta tamén a uns prezos uns 5 euros inferiores, se ben precisa que nas comarcas do interior, con pouca presenza de globulus e con menores custos de aproveitamento, o prezo do nitens pode chegar a igualar o do globulus.
Madeira sen pelar
Deuse tamén un cambio de tendencia no mercado interno e neste momento estanse a primar sobre todo as cortas de madeira de eucalipto sen pelar. “Ence agora quere levar sobre todo madeira con corteza, para facer electricidade en Navia. Desa maneira tamén se diferencia dos competidores, que prefiren madeira pelada”, explican na Mariña.
Ence é moi sensible ás oscilacións da cotización da pasta de papel e fía en boa medida os seus prezos a iso; hai outras industrias que non o teñen tanto en conta
O mercado da exportación demanda eucalipto pelado, tanto o que vai para o norte de Europa como o que se destina ás fábricas de Portugal. “Fóra do que é Ence, o mercado está recuperado. Despois do baixón do ano pasado, as pasteiras de Hernani e Zaragoza volven consumir, igual que as fábricas do norte de Europa”, detallan.
En canto aos envíos desde Galicia con destino a Portugal, onde a produción propia de madeira de eucalipto non é suficiente para autoabastecer as fábricas de empresas como Altri ou Navigator, até outubro do ano pasado caeron nunhas 90.000 toneladas, o que supón un descenso do 14%, lastrado sobre todo pola diminución das saídas en barco desde a provincia da Coruña.
O mercado da exportación está recuperado despois do baixón do ano pasado
Aínda que Portugal segue sendo o principal destino das exportacións de madeira de eucalipto galego, produciuse en 2024 un crecemento significativo dos envíos a Islandia (un total de 53.000 toneladas enviadas até outubro) e unha caída drástica das vendas a Bélxica.
“Os custos dos aproveitamentos disparáronse desde a pandemia e están lastrando os prezos”
Tendencias de mercado no 2025
Tal como está a comezar este 2025, non se prevén grandes cambios no mercado da madeira en Galicia para os próximos meses, pero hai certa incertidume sobre todo en relación ao comportamento da pasta de papel e ese medo está limitando as operacións en toda a cadea.
A debilidade económica de China reduciu a capacidade do principal importador mundial de celulosa para absorber a demanda habitual en mercados como o suramericano, con consecuencias na derivación de stocks cara a outros destinos, como Europa.
As perspectivas de futuros para a celulosa de frondosas branqueada BHKP (Bleached Hardwood Kraft) apuntan a que a volatilidade continuará neste primeiro trimestre, pero con tendencia á alza
En 2024 as importacións de celulosa de fibra curta de eucalipto incrementáronse en España un 30%, destacando sobre todo a procedente de Uruguai (+65%) e Brasil (+40%), o que mostra un cambio nas dinámicas tradicionais de abastecemento, que seguen dominadas por Suecia e Portugal.
A balanza comercial española de celulosa segue mostrando un saldo positivo de 240.000 toneladas (765.000 toneladas exportadas e 525.000 toneladas importadas). A venda exterior medrou preto dun 10%, con aumentos destacados nos envíos a Países Baixos e Italia, que serviron para paliar en 2024 a caída de vendas a Alemaña.
O panorama de prezos futuros na UE mostra flutuacións que reflicten a incerteza no mercado global. As cotizacións amosaron caídas constantes nos últimos meses. A depreciación do yuan chinés fronte ao dólar e as preocupacións sobre o consumo neste mercado clave influíron no descenso.
O piñeiro mantén prezos en monte, tras unha lixeira recuperación de mercado no 2024