Estabilidade nas cortas da madeira e na facturación dos propietarios forestais

O volume de cortas no 2024 sitouse en 9,1 millóns de metros cúbicos, na liña do 2023, cunha facturación de 285 millóns de euros para propietarios particulares e comunidades de montes veciñais

Publicidade
Publicidade
Estabilidade nas cortas da madeira e na facturación dos propietarios forestais

O mercado de madeira mantense estable en Galicia, cun volume de cortas no 2024 similar ó do anterior exercicio. En total, cortáronse 9,1 millóns de metros cúbicos en montes privados (particulares e montes veciñais), cunha facturación de 285 millóns de euros para os propietarios, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia.

Galicia lidera a produción nacional de madeira, seguida moi de lonxe por Castela e León e polo País Vasco que cortan 3,5 e 2 millóns de metros cúbicos respectivamente.

Do total de facturación dos propietarios de montes galegos, 167,2 millóns de euros corresponden ó eucalipto, 112,9 millóns de euros ós piñeiros e 5,1 millóns de euros ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan a ter un aproveitamento residual na industria da madeira.

En volume de cortas, o eucalipto concentrou un 58% das cortas da comunidade, con 5,3 millóns de metros cúbicos, o que representa unha leve baixada, fronte ós 5,6 millóns de metros cúbicos do 2023. En piñeiro, que representa un 39% das cortas, a situación é a inversa, as cortas pasaron de 3,2 a 3,5 millóns de metros cúbicos. Son cambios que entran dentro das oscilacións lóxicas de mercado, en función da coxuntura de demanda, prezos e decisión de corta dos propietarios.

As frondosas, pola súa banda, continúan sendo residuais, con 254.000 metros cúbicos, un 3% do total de madeira extraída do monte.

Os piñeiros
As cortas de piñeiro en Galicia repártense case que ó 50 % entre o piñeiro do país e o piñeiro radiata, entre ambas as dúas especies sosteñen á industria galega do aserrado e do taboleiro, cunha participación testemuñal do piñeiro silvestre e doutras coníferas.

As vendas de piñeiro do país (Pinus pinaster) teñen unha importante concentración en montes particulares da provincia de A Coruña e en montes veciñais do sur de Pontevedra e da Terra de Lemos.

Aumentan as cortas de piñeiro no oriente de Lugo, en parte pola incidencia da enfermidade das bandas

En relación co piñeiro radiata, Lugo concentra a maioría das cortas desta especie, destacando os tres distritos líderes en Galicia en cortas de piñeiro: Lugo – Sarria, Terra Cha e A Fonsagrada – Ancares. Entre os tres distritos suman 1,3 millóns de metros cúbicos de cortas de piñeiros, preto do 40% do total galego.

É de subliñar un aumento de cortas de coníferas dun 20% no último ano no distrito da Fonsagrada – Ancares, unha situación conectada en parte co impacto que está a ter a enfermidade das bandas en determinadas zonas da provincia de Lugo.

Os eucaliptos
En eucalipto, os tres distritos forestais líderes en corta de eucalipto están na Coruña (Santiago – Meseta interior, Ferrol e Bergantiños – Mariñas coruñesas).

Salienta o caso de Santiago – Meseta interior, que se sitúa por primeira vez como o distrito líder en facturación de eucalipto.

O ascenso das cortas no distrito forestal de Santiago – Meseta interior está ligado co aumento de cortas de eucalipto nitens, debido ás plantacións feitas nas últimas dúas décadas que van entrando progresivamente en quenda de corta no período actual.

O distrito forestal Santiago – Meseta interior pasa a liderar as cortas en eucalipto pola progresiva entrada en quenda das plantacións de eucalipto nitens. É un escenario que conecta co intento de Altri de ubicarse nese entorno

Este escenario é un dos motivos que explica a decisión de Altri de buscar unha ubicación na zona centro de Galicia, a escasos quilómetros do principal graneiro de eucalipto da comunidade. Estes días coñeceuse que a Xunta lle daba a aprobación ambiental ó proxecto da planta de Altri, se ben persisten os interrogantes de se haberá subvencións públicas para o proxecto e, no caso de non ser así, se Altri apostará por executar a planta igualmente.

Se en Santiago – Meseta interior, máis de dous terzos do eucalipto cortado corresponde ao nitens, unha situación similar á da Terra Cha lucense, nas zonas costeiras polo de agora a situación é máis equilibrada, con arredor de dous terzos das cortas que aínda son de eucalipto globulus.

Prezos da madeira
Logo dun ano excepcional de mercado no 2022, con alta demanda e prezos, o 2023 e o 2024 confirman unha tendencia de regreso á estabilidade na demanda e nos prezos, se ben nas coníferas mantense parte da revalorización que experimentaran no 2021 e 2022.

En concreto, os prezos medios de piñeiro continúan un 25% por riba dos prezos medios de hai cinco anos, porcentaxe que aumenta na madeira de maior calidade. O piñeiro ten un prezo medio de 31,9 euros, pero un 40% da madeira de conífera véndese a prezos de entre 42 e 65 euros / metro cúbico (prezo en pé sen Ive).

O eucalipto, entre tanto, mantense en prezos similares á media dos últimos anos, cun leve repunte no segundo semestre do pasado ano, situándose o seu prezo medio anual en 31,4 euros / metro cúbico (prezos en pé, sen Ive e con casca).

Hai que lembrar que nos prezos da madeira inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para corta e saca da madeira.

Datos por provincias
Os montes de A Coruña aportan o 44% das cortas totais de madeira en Galicia. Segue Lugo, co 38,5%; Pontevedra, co 13%; e Ourense, con pouco máis do 4%.

Por especies forestais, o 60% do eucalipto córtase na provincia da Coruña, en tanto Lugo é líder autonómico en cortas de piñeiro, con máis da metade do total.

Pontevedra e Lugo, destacan polo equilibrio de cortas entre piñeiro e eucalipto, pois Lugo ten algo máis dun 54% de cortas de piñeiro, un 42 % de eucalipto e un 3% de frondosas. En Pontevedra, as cifras son moi similares, co liderado neste caso do eucalipto: un 50% de cortas de eucalipto e un 47% de piñeiros, cun 3% de frondosas.

No caso da Coruña, as cortas de eucalipto representan un 78% do total, polo 19% do piñeiro e un 3% das frondosas.

En Ourense, unha provincia con escasa actividade forestal, o piñeiro representa o 77% das cortas e séguenlle as frondosas, co 14%, e o eucalipto, especie pouco apta para esta provincia, co 9% das cortas.

Multifuncionalidade do monte
A maiores do percibido pola venda de madeira, os propietarios forestais completan os seus ingresos con outros aproveitamentos a ter en conta, como castañas, cogumelos, silvopastoreo ou servizos ecosistémicos (como venda de dereitos de carbono), entre outros.

Todos estes ingresos prodúcense no marco dun manexo sostible do monte. Cómpre subliñar que a madeira e os restantes aproveitamentos son un recurso renovable, pois os propietarios forestais proceden á plantación ou á rexeneración natural de todas as superficies cortadas, o que contribúe a garantir a sostibilidade do recurso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información