¿Está permitido realizar a mata do porco en casa e en que condicións?

Un dos rumores que circulan de cando en vez polo medio rural é que non está permitido realizar o sacrificio de porcos en casa. Para despexar dúbidas e parar bulos, aclaramos coa axuda da Consellería de Medio Rural que di realmente a lexislación sobre esta práctica tan habitual aínda no rural galego. Permítese, sempre que se realice unha análise de presenza de triquinose e o sacrificio se faga con atordoamento previo, uns requisitos que a administración non mostra até o momento especial celo en que se cumpran.

O sacrificio domiciliario do gando porcino para autoconsumo está permitido pola normativa española a través do “Real Decreto 640/2006, de 26 de maio, polo que se regulan determinadas condicións de aplicación das disposicións comunitarias en materia de hixiene, da produción e comercialización dos produtos alimenticios”. En concreto, no seu artigo 4 sobre sacrificio de animais para consumo humano e comercialización de carnes, sinala que “a autoridade competente -neste caso a Xunta de Galicia- poderá autorizar o sacrificio para consumo doméstico privado de animais domésticos das especies porcina e equina, sempre que se sometan a unha análise de detección de triquina conforme ao establecido na normativa vixente”.

O proceso é sinxelo. Para garantir que a carne do porco sacrificado non ten triquinas, só é necesario levar a unha unidade de análise dun matadoiro unha pequena mostra de determinadas partes do porco, tras pagar a taxa prevista duns 12 euros. É preciso un mínimo de 50 gramos do diafragma, do masetero -un músculo da mandíbula- ou da base da lingua, identificando perfectamente cada unha das mostras. Os laboratorios son os encargados de realizar unha análise de parásitos para detectar Trichinella Spp, e en 48 horas hábiles deben comunicar o resultado aos usuarios.

Ademais, a Consellería de Medio Rural esixe que a matanza domiciliaria do porco debe efectuarse sempre con atordoamento previo, para que o sacrificio se efectúe da forma máis rápida e indolora posible.

Máis información:

-Ligazón á Orde da Consellería de Sanidade de 26 de xaneiro de 2018, regula a Rede integrada de laboratorios de diagnóstico de triquina e o procedemento para solicitar o control sanitario da triquina nas matanzas domiciliarias de animais da especie porcina para autoconsumo.

-Lista de matadoiros onde solicitar a análise de triquina

-Normativa sobre benestar animal durante as matanzas domiciliarias do porco

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información