Parece que fican lonxe aqueles días de leites negros, comprimidos, de Churtales ou Audiencia Nacional. Estas palabras que xa a moitos lles soarán lonxanas e para algúns descoñecidas, marcaron unha época na que en Galicia conviviuse cun réxime da taxa láctea, comunmente coñecido como cotas lácteas.
Desde o primeiro de Abril de 2015 a taxa láctea deixou de existir na Unión Europea e en España expirou despois de 30 anos da súa aplicación desde 1986, ano no que o estado se incorpora á UE daquela conformado por tan só 10 Estados Membros.
Estes cinco anos sen réxime de cotas, que someramente vou analizar, significaron en liñas xerais un avance do sector lácteo galego, con luces e sombras, un sector produtor máis profesional pero con debilidades estruturais nunca superadas, unha industria que parece quere espertar da súa zona de confort na que sobreviviu durante moitos anos e unhas relacións entre os actores da cadea que parece que todo queren cambiar para que nada cambie.
A produción, o elo forte da cadea
Galicia segue a ser a primeira rexión produtora de leite española e segue a figurar entre as principais produtoras a nivel europeo. Esta posición dominante de Galicia no contexto estatal acádase sobre todo polo gran impulso que tomou a produción nos quince anos previos a derogación do réxime da cota láctea.
No período 2001-2014 o incremento da produción de leite en España foi de 428 mil toneladas das que a Galicia corresponden 790 mil. Estas cifras resultan de que mentres que os nosos gandeiros medraban, nun contexto de máxima dificultade, xa que incrementar a capacidade produtiva significaba comprar cota láctea, o resto do Estado deixaba de producir mais de 360 mil toneladas de leite. Neste punto hai un traballo pendente, pois pouco se ten debatido e estudiado sobre este inmenso capital investido e o esforzo financeiro que este supuxo para o sector lácteo galego, descapitalizándose en parte para poder seguir producindo. Aquí foi onde se fixo o esforzo que colocou a Galicia entre as grandes rexións produtoras de leite europeas.
“Galicia pasou no 2001 de producir o 28% do leite de España ao 39% na actualidade”
Xa a partir do ano 2015 a velocidade de incremento de produción cambia, seguindo Galicia a liderar os incrementos na produción pero cunha contribución importante tamén do resto das CCAA que a finais do ano 2019 conseguen recuperar o que perderan nos pasados 15 anos.
Todas esta cifras lévannos a que Galicia no ano 2001 producía un 28% do leite de España (1,8 MTm) e estamos moi próximos ao 39% na actualidade (2,8 MTm) , falando de leite sen normalizar pois se o normalizamos superamos con creces a cifra do 40% de produción, porque hai que dicir que seguimos a producir o leite con máis sólidos do Estado, e tamén o peor pagado.
Debilidades do sector:
O sector posicionouse e segue a facelo pero segue a ter fortes debilidades :
Dependencia excesiva de insumos externos
O consumo de concentrado nas granxas de Galicia, sobre todo naquelas que se teñen como “referente”, é excesivo. O reto tecnolóxico está en producir, nese modelo, 40 litros de leite con 8 kilos de concentrado por vaca, pois producilos con 14 kilos é fácil, e é certo que pode ser un bo negocio para o subministrador de concentrados, pero crea estruturas moi dependentes para o gandeiro co risco que iso leva implícito. O reto está na mellora da calidade das forraxes tanto na súa capacidade de subministrar enerxía como proteína, pois tamén seguimos a ter unha excesiva dependencia de proteína exóxena nas granxas de leite.
Conciencia medioambiental escasa
As demandas medioambientais son de aqueles que consumen os nosos produtos, e vense claramente reflectidas nas políticas que se implementan desde a UE. Quen non entenda esto vai quedar fóra do mercado sen dúbida algunha. Por isto é moi importante que a produción interiorice estas demandas de “urbanitas” e que as faga súas e mesmo que vaia por diante delas mostrándolle á sociedadeas externalidades que ten unha gandería baseada na terra, no local e en alimentar animais que transforman algo incomestible polos seres humanos, como é a forraxe, en enerxía e proteína de gran valor nutricional.
Cobertura de fosas de xurro (50% aínda descubertas), ir preparando parcelas para que os animais podan pasar tempo no exterior das naves -non botedes as mans a cabeza, isto volo van pedir porque ademais reduce a emisión de amoníaco en gran medida-, ou facerse gardiáns da biodiversidade son prácticas facilmente asumibles e que mellorarían a imaxe do sector dun xeito radical.
Debilidade asociativa
O sector produtor de leite factura anualmente (leite+subsidios+carne) mais de 1.000 millóns de euros en Galicia. Debe de ser o único sector, que con este volume, non ten unha asociación que exerza como altofalante do mesmo e que traballe con profesionais que fagan que o sector teña voz e que se faga ver e valer nunha sociedade que cada vez está mais lonxe do rural. Hai que saber posicionarse en positivo. Coido que gran parte do abandono que sufre o mundo rural débese en parte a que o rural non xera novas positivas e o único que difunde son laios, bágoas e miserias.
Un asociacionismo profesionalizado, que tivera unha gran labor de difusión, que estivera en contacto cos centros de formación e investigación para poder liderar proxectos de interese para a produción é máis que necesario en Galicia. Por exemplo, medio millón de euros de orzamento significaría que as 5000 granxas galegas con máis produción pagaran unha cota mensual de 8 euros. Supoño que a razón para que isto non se faga é que non interesa, e non lle deamos máis voltas, os produtores están cómodos coa situación actual.
A industria, parece que esperta do seu sono
España debe de ser o país de Europa cunha deslocalización industrial máis forte no sector lácteo, e iso estámolo pagando. Italia ten a súa industria láctea no norte, Francia en Bretaña e curiosamente España non ten industria láctea na medida da súa produción en Galicia. O cincuenta por cento do leite de Galicia transfórmase fóra de Galicia. Esta cifra é moi preocupante para Galicia e tamén o é polo que implica en termos de redución da competitividade desta industria. Esta inoperatividade industrial compénsase a base de pagar o prezo máis baixo de España aos gandeiros que están a producir o leite máis semellante ao estándar que circula por Europa.
Resulta paradigmático que exista en Galicia industria con capacidade ociosa que estea a transportar leite a centos de quilómetros por causa de ter contentos aos seus accionistas. Coido que esta alegría pouco vai durar nestas condicións.
A chegada de industria con gran capacidade de transformación, con procesados moi completos, produtos de nova gama ou con alta penetración no mercado, esperemos que varíe substancialmente o panorama descrito anteriormente, eliminando inoperantes e pagando prezos xustos pola materia prima.
Non esquezamos que a industria é tan necesaria como a produción e unha non pode vivir sen a outra, pero a industria é moito máis conxuntural que a produción que ten unha compoñente estrutural moi forte.
As relacións entre os actores
O período post cotas trouxo novidades nas relacións entre actores: a UE creou o marco en 2012, pero a mágoa foi que os actores estragaran un marco que noutros Estados membros funciona. Estamos a falar do paquete lácteo.
Este deu por unha banda a oportunidade de establecer contratos de compra entre partes. Todos lembramos os días de regateo curto e cutre de prezos que a máis da industria facía no campo galego. Sempre serían os produtores os que tiñan que pagar a ronda, pois a industria tiña que salvar os mobles in extremis con vergoñentas rebaixas de prezo de última hora. Eses tempos son pasados, pero podemos dicir que a aplicación dos contratos foi pola forma maioritaria e non xeral en que se aplicaron, unha decepción para a inmensa maioría. A lei daba oportunidade de establecer fórmulas para prezos ligadas a variables coa filosofía de compartir perdas e beneficios,. Pero non, os máis dos nosos primeiros compradores preferiron un contrato plano que deixa a produtores e industria descolocados en prezo no contexto europeo,; estes prezos “negociados” serán sempre á baixa para que os primeiros compradores teñan as súas costas cubertas.
Mención a parte merecen as Organizacións de Produtores Lácteos, coido que aquí se nos debe unha explicación de como despois de anos desde a súa creación a actividade para a que foron creadas é nula en Galicia. Outra oportunidade perdida e os actores botándose os trastes á cabeza, pero en síntese cero litros negociados ilustran o que foi outro fracaso de todos os actores implicados.
O COVID-19. Reflexións sobre o futuro do sector
O pasado 13 de Abril o Presidente francés Emmanuel Macron nun discurso televisado ante máis de 40 millóns de persoas dixo que “hai bens e servizos que deben de estar fóra das leis de mercado”, destacando en primeiro lugar a agricultura e a alimentación. Esta idea forza esperemos que se plasme nalgo tanxible a nivel global e que os actores que interveñen no mercado de materias primas sexan aqueles que as producen, as transforman, as distribúen e as consumen, eliminando desta ecuación aqueles especuladores que son agora os que manexan este mercado.
A mediados de Marzo o Goberno español decretou o estado de alerta creándose unha situación nova para toda a poboación. Todos temos en mente cal foi a reacción da poboación en canto a cobertura de necesidades básicas. O aprovisionamento de alimentos para o confinamento foi prioritario e as compras de comida incrementáronse na primeira semana de confinamento un 29,8 % en España. O garante do aprovisionamento alimentario é unha das claves do confinamento pois se houbera o mínimo risco de desabastecemento alimentario as medidas de confinamento saltarían polos aires por causas que todos entendemos. O prioritario é poder comer todos os días.
Luis Enjuanes, investigador do CNB-CSIC para o coronavirus, declaraba hai uns días que daba mágoa ver como non temos unha industria que fabrique cousas tan simples como máscaras, respiradores ou traxes de protección. Ten razón este investigador, a economía española diminúe ano tras ano a súa capacidade industrial, fabricamos fóra, e o sector servizos co turismo á cabeza marcan o destino económico do país.
A alimentación non quedou fóra desta tendencia, segundo datos do ICEX no ano 2018 a balanza comercial alimentaria española foi de +11.376 M€, pero nunha análise de volumes vemos que a balanza é negativa en 9 Millóns de toneladas ao ano, coa preocupante cifra dun déficit en cereais de 16 Mtm.
-En Galicia, verxel atlántico, as cifras son desoladoras, segundo datos oficiais do ICEX, desde o ano 2011 onde a balanza alimentaria era case cero, pasamos no ano 2017 a un déficit alimentario de -586,40 millóns de euros (1% do PIB galego). De novo a cifra de cereais é moi preocupante, cunha balanza negativa de 202,90 millóns de euros anuais.
Espero que a sociedade e gobernantes interioricen despois desta pandemia a importancia que ten producir alimentos. É por elo que me atrevo a facer os seguintes desiderata:
-Estímase unha perda dun 30% da Superficie Agraria Últil (SAU) galega nos últimos trinta anos. Reverter esta situación é unha prioridade máxima. Levamos dous anos escoitando o da “ Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia” e seguemos sen ter novidades sobre ela.
-Podemos dicir que a dependencia da produción de concentrados en Galicia para alimentación animal é próxima ao 100% da importación de materias primas. Isto crea unha debilidade estrutural nos sectores de gandería intensiva e en menor medida nos ruminantes. A SAU perdida está agora en Arxentina, Brasil ou EE.UU.
A diminución de insumos externos nas explotacións de leite debe de ser unha prioridade, non é producir menos senón que é producir diferente. Para elo producir máis e mellores forraxes faise clave na estratexia a seguir polo sector. Necesitamos mobilizar máis SAU para as explotacións de leite.
“Necesitamos máis terras en Galicia para as ganderías de vacún de leite”
A investigación agraria debería volver ocupar un lugar prioritario na política agraria, estámolo vendo co episodio do COVID-19, a investigación ten que ser estrutural e non unha conxuntura.
A clave de todo o anterior está en que os gobernos asuman a responsabilidade para a que son elixidos e agora máis que nunca, priorizar o ben común sobre os intereses particulares. A produción de alimentos debe de ser prioritaria en calquera acción de goberno.
Os cidadáns temos a nosa responsabilidade tamén na posta en valor dos alimentos que consumimos. Italia, un país de renda per cápita semellante a española gasta un 19% mais na súa alimentación que o gasto medio español.
César Resch Zafra
Doutor Enxeñeiro Agrónomo. Investigador
Vogal de Terra e Leite