A decisión do Goberno de eludir calquera mención ó sector forestal no real decreto sobre actividades esenciais xerou nas últimas horas incertidume e desconcerto nas asociacións do sector, que pediron sen éxito un documento oficial que aclarase a situación. Así as cousas, facemos a continuación un resumo do escenario actual por rama da actividade, con indicación das recomendacións que están dando distintas entidades.
Desde o sector son conscientes de que as limitacións de actividade buscan salvar vidas, polo que se amosan dispostos a cumprir coas restriccións, pero piden que haxa unha aclaración das Administracións sobre que actividades forestais se consideran esenciais e cales non.
Traballadores autónomos
Sexa cal sexa a súa actividade, o Real Decreto non restrinxe o seu traballo, pois explicítase que a normativa “non é aplicable a traballadores por conta propia”, que en teoría poden continuar operando, tendo en conta, iso si, o resto de normas dictadas no marco do estado de alarma.
Cadea do eucalipto
O punto 4 do anexo do Real Decreto establece que poderán manter a actividade as empresas de produción de produtos hixiénicos e sanitarios, así coma as que prestan servizos en toda a cadea de produción.
En base a iso, as dúas plantas de Ence en Galicia e Asturias manteñen a actividade, igual que as empresas adicadas á corta e transporte do eucalipto ata estas factorías, tal e como confirman tanto desde Fearmaga (Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia) como desde a Asociación de Empresas de Primeira Transformación da Madeira de Lugo.
Biomasa forestal
Biomasa Forestal (As Pontes), a principal empresa de produción de pellets de biomasa en España, segue operativa, igual que a maioría de empresas do sector, pois o artigo 17 do real decreto contempla que o suministro de enerxía está garantido.
Desde o Colegio Oficial de Ingenieros de Montes, que emitiu unha nota aclaratoria sobre o real decreto, interpretan o texto na mesma liña e consideran que toda a cadea de aprovisionamento das plantas de biomasa pode continuar en marcha.
Aserradoiros e cadea do piñeiro
Os aserradoiros que elaboran caixas, embalaxes, palets ou envases que son utilizados na cadea alimentaria ou noutros servizos esenciais (material hixiénico, sanitario, etc.) poden en teoría manter a actividade, de acordo cos puntos 4 e 5 do anexo do real decreto, que establece que aquelas empresas que presten servizos ou suministros ás actividades esenciais poden proseguir.
Así o interprestan desde a Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia e desde a Asociación de Empresas de Primeira Transformación da Madeira de Lugo. “Os aserradoiros que traballan táboa para construción ou para mobiliario pararon esas liñas, pois entendemos que non se consideran esenciais, pero mantéñense operativas as instalacións ou liñas ligadas a caixas, envases, embalaxes ou palets”, explica Ana Oróns, a secretaria xeral de Fearmaga.
A situación, de tódolos xeitos, non está clara. “Hai unha inseguridade xurídica grande porque non logramos polo de agora que ningunha Administración fixera unha instrucción oficial sobre que actividade é esencial e cal non, polo que queda todo a expensas da interpretación das forzas de seguridade en cada circunstancia”, recoñece Ana Oróns.
En Lugo, a Asociación de Empresas de Primeira Transformación apunta que parte dos aserradoiros pecharon, ben porque non poden demostrar que son unha actividade esencial, ben por medo a posibles multas: “A incertidume é grande porque non hai ningún documento oficial que aclare a situación, pero a cadea da celulosa mantense activa e tamén os aserradoiros que elaboran suministros para a cadea alimentaria”, explica Nuria Rodríguez, secretaria xeral da Asociación.
O Colegio Oficial de Ingenieros de Montes tamén considera, nunha nota aclaratoria publicada hoxe, que as empresas que se adican á fabricación de palets, embalaxes de madeira ou ataúdes, entre outros produtos, teñen garantida a continuidade da súa actividade no marco do real decreto.
Administracións
Para o sector, a interpretación da norma está meridianamente clara, pero polo de agora as distintas entidades non lograron que ningunha Administración ratifique esa visión.
Desde a Delegación do Goberno informouse onte, a unha consulta de Campo Galego, de que aserradoiros e rematantes podían manter a actividade. Hoxe matízase desde a Delegación do Goberno que pode continuar toda empresa forestal que produza para unha actividade esencial, con independencia de que o luns houbese incidencias coas forzas de seguridade. A Delegación emitiu tamén unha nota indicando que tanto o delegado do Goberno coma os catro subdelegados provinciais e a Abogacía del Estado están a disposición das empresas para solventar as posibles dúbidas.
Consultado sobre o tema o Ministerio de Transición Ecológica, con competencias no ámbito forestal, tampouco ofreceu polo de agora ningunha aclaración á petición de Campo Galego.
Forzas de seguridade
Durante a xornada de onte, desde Fearmaga trasladouse que a Guardia Civil estáballe solicitándolle a aserradoiros e rematantes a paralización da actividade baixo ameaza de multa, se ben ao longo da xornada de hoxe constatouse un cambio de actitude, pois as forzas de seguridade limítanse a recibir as explicacións das empresas sobre o porque consideran a súa actividade esencial, sendo tolerada polo de agora á actividade, á espera dunha decisión final, segundo sinalan desde Fearmaga.
O sector espera que nas próximas horas as Administracións aclaren en que casos se pode manter a actividade e en cales non, de cara a facilitar as decisións das empresas e o traballo das forzas de seguridade.
Desde o sindicato CIG, sen embargo, a súa Federación de Construción e Madeira pronunciouse en nota de prensa en contra da continuidade do traballo de aserradoiros e rematantes. Consideran que o pronunciamento da Delegación do Goberno sobre a súa continuidade viola o espírito do real decreto e que as empresas “non tratan de garantir suministros básicos, senón continuar co seu normal funcionamento, sen colaborar a atallar a expansión do Covid 19”.
Que documentación é necesaria para demostrar que se fai unha actividade esencial?
Empresas
As patronais do sector e o propio Colegio Oficial de Ingenieros de Montes recomendan que as empresas se doten de certificados emitidos polos seus clientes nos que se certifique o destino da madeira ou das pezas da madeira que estean procesando, de xeito que quede claro que o destino final da madeira ou de palets, envases ou embalaxes está ligado cunha actividade esencial, como pode ser o transporte de alimentos ou outros suministros básicos, como a produción de pasta de papel.
Traballadores
Deberán contar cunha declaración responsable que certifique que están desenvolvendo un traballo destinado a abastecer de suministros a unha actividade esencial.
Traballos silvícolas
Desde o sector forestal interpretouse xa nun principio que os traballos silvícolas (rozas, podas, rareos) estaban cubertos polo real decreto, xa que o punto 7 do anexo considera actividade esencial a prevención de incendios. Así o valoraban onte desde a Asociación de Empresas de Servizos Forestais de Galicia (Serfoga) ou desde a Asociación Forestal de Galicia, unha visión que ratificou a Consellería do Medio Rural.
Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia, explica a situación: “O punto 7 do anexo dálle cobertura ós traballos silvícolas de prevención de incendios, se ben hai comunidades de montes con persoal propio que están optando por parar, como medida de prudencia. Tamén hai cuadrillas de traballos forestais que polas limitacións de mobilidade (máximo de 2 persoas por veículo), optaron hai días por suspender a actividade”.
Viveiros forestais
Desde a Delegación do Goberno, interpretábase onte que os viveiros forestais podían continuar a actividade, se ben é unha cuestión que suscita dúbidas no sector, pois en principio o real decreto non dá cobertura á actividade de produción de planta forestal -máis alá de traballos de mantemento- nin de plantación en monte. Así o entende o Colegio Oficial de Ingenieros de Montes na nota aclaratoria que publicou hoxe.
O Colegio advirte, non obstante, de que esa decisión vai provocar a perda de “millóns de plantóns de especies forestais como eucalipto, pino radiata ou chopos, dispostas en envases e preparadas para ser plantadas, que se van malograr irremediablemente”. Desde o Colegio critican o perxuízo económico que isto lle vai supoñer ós viveiros forestais e sinalan que esta restricción vulnera o espíritu do real decreto, “que considera esencial a reactivación da actividade económica unha vez superada a crise sanitaria”, valoran.
Outras actividades forestais
En canto a outras actividades forestais, como a extracción de resina, o Colegio de Ingenieros sinala que se atopa nunha situación dubidosa, pois pódese interpretar que parte da resina vai destinada a usos farmacéuticos, co cal podería manter a actividade.
Actividades alimentarias como a produción de mel ou recollida de froitos do bosque e plantas aromáticas, en cambio, serían actividades que si quedarían cubertas sen dúbida polo decreto, xa que forman parte da cadea alimentaria.
—
Nota: Información actualizada ás 19.10 horas.