O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou na súa páxina web o “Plan de Formación continua 2023 para técnicos do Medio Rural”, para impulsar a formación agroalimentaria como unha ferramenta para a modernización do medio rural.
A través de 49 accións formativas, este plan incidirá na remuda xeracional, a visibilidade do papel das mulleres, as novas tecnoloxías, a innovación e investimento, o asesoramento, a sustentabilidade e a conservación de recursos.
Os cursos “presenciais ou en formato virtual” están dirixidos a técnicos que traballan en distintos ámbitos do medio rural, como persoal das diferentes administracións, redes e grupos de acción local, organizacións profesionais agrarias, cooperativas e asociacións do medio rural, axentes de emprego e desenvolvemento local e titulados universitarios que traballan no sistema de asesoramento para os posibles beneficiarios das axudas da Política Agraria Común (PAC) sobre a xestión de terras e explotacións.
En particular, o Plan de Formación 2023 ten como prioridades básicas a xeración e transferencia de coñecementos, a innovación e investimento, a rendibilidade e sustentabilidade das explotacións, a especialización en deseño e xestión de regadíos, e o apoio a mozos, mulleres e novos emprendedores, así como a sanidade e o benestar animal, a implantación de novas tecnoloxías, e o Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, entre outras.
Novidades
A principal novidade do plan deste ano é a incorporación do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), con cursos sobre o Sistema de Información de Explotacións Agrarias (SIEX), e a impartición de dous cursos en liña masivos desde o primeiro trimestre (asesoramento en agricultura ecolóxica e asesoramento en explotacións agrícolas e gandeiras), ademais da modalidade de formación virtual que se veu ofrecendo nas últimas edicións.
Nos últimos anos de execución do plan ampliouse a oferta de cursos en modalidade virtual, que permite facilitar a aprendizaxe e, ao mesmo tempo, incrementar o número de alumnos, polo que se maximiza o seu impacto. En concreto, esta nova modalidade favoreceu que case se triplicase o número de alumnos (media) do plan en 2021 e 2022 respecto de edicións previas.
En 2023 mantense e amplía a formación virtual. Neste contexto, os cursos e xornadas impartidos nesta modalidade disporán dunha plataforma web de formación específica, mentres que os presenciais impartiranse en instalacións do ministerio. Está previsto tamén que algúns cursos combinen ambas as modalidades de asistencia.