Esta é a lei que aspira a recuperar a terra do abandono en Galicia

A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia inicia o seu trámite no Parlamento galego e agárdase que ao longo deste ano se aprobe e comece a aplicarse. Este é o texto da nova normativa

Esta é a lei que aspira a recuperar a terra do abandono en Galicia

O Partido Popular de Galicia rexistrou esta mañá no Parlamento galego a proposición de Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, unha norma coa que o goberno da Xunta aspira a reverter o abandono da terra e a forestación das fincas de uso agrícola. Se todo vai segundo o previsto, debería ser aprobada e entrar en vigor ao longo deste 2021.

O obxectivo da normativa é ambicioso pero tamén estratéxico para o futuro de Galicia: A falta dunha ordenación efectiva dos usos do solo e dunha política de desenvolvemento rural eficaz levou ao rural ao unha situación de abandono da terra en amplas zonas de Ourense e Lugo; a unha concentración da producción de leite nunhas poucas comarcas, cos riscos que iso acarrea, e á forestación masiva con eucalipto nas comarcas costeiras.

En datos isto tradúcese en que nos últimos 30 anos, segundo fontes do sector, se perderon 150.000 hectáreas de terra de uso agrícola que pasaron ao abandono ou a uso forestal. Neste momento estímase que hai arredor de 900.000 hectáreas abandonadas e soamente se traballan menos de 700.000 hectáreas, pouco máis do 20% do total da superficie da comunidade, cando a media europea en rexións similares rolda o 50%.

Neste sentido, a lei presentada hoxe no Parlamento de Galicia aspira a reverter este proceso, dando estímulos fiscais e de percepción de ingresos a través do aluguer aos propietarios dos terreos. Non será o primeiro intento nos últimos anos pois no 2011 xa se aprobou a Lei 6/2011, de 13 de outubro, de mobilidade de terras e no 2015 a Lei 4/2015, de 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. E antes, no 2007, a do Banco de Terras de Galicia.

Pedro Puy. “Queremos acadar o máximo consenso tanto na súa aprobación como na súa aplicación”

Na presentación da proposición de Lei, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy subliñou que “o texto foi moi dialogado, pensado e traballado” e que incorpora gran parte das conclusións da Comisión Especial creada no Parlamento Galego a raíz da vaga de lumes do ano 2017. “En concreto, incorpora 43 das conclusións daquel ditame, relativas ao uso do solo e a organización do medio rural”, precisou.

Pedro Puy incidiu en que o obxectivo desta “é poñer en produción a terra, xerar riqueza e facer atractivo para a xente moza adicarse ao sector primario”. Porén, recoñeceu a complexidade da realidade sobre a que pretende intervir a lei: En Galicia hai uns 11 millóns de parcelas, case todas en mans privadas, co 30% con propietarios descoñecidos.

LEI DE TERRAS 1

Neste sentido, o portavoz do Grupo Popular recoñece que tocar o tema da propiedade e usos da terra en Galicia é un tema delicado e que pode prestarse á confrontación política, tal e como sucedeu no 2009 cando o daquela goberno de PsdeG-PSOE e BNG creou o Banco de Terras de Galicia. Por iso, subliñou que “queremos acadar o máximo consenso tanto no que é a tramitación como posteriormente na súa aplicación”. “É unha lei que se vai aplicar sempre de acordo cos propietarios (….) O diálogo vai presidir esta lei”, subliñou.

Os puntos claves da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, explicou na rolda de prensa os puntos claves da proposición de Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Son os seguintes:

1) O propietario do terreo ten sempre a última palabra:

Se unha finca está abandonada a Xunta intervirá de oficio para poñela a disposición de quen a queira traballar (Axentes Promotores Produtivos, na terminoloxía da lei) mediante aluguer a través do Banco de Terras de Galicia, pagándolle ao propietario unha renda. Se o propietario non está de acordo en ceder o uso da finca, a administración autonómica acatará a súa decisión pero, iso si, esixiralle que a teña desbrozada para reducir o risco de incendios.

2) Como porá a Xunta en producción a terra abandonada?

As fincas nas que a Xunta interveña destinaranse a uso agrícola, gandeiro ou forestal, segundo as aptitudes dos terreos.

A intervención da administración galega sobre a terra abandonada para poñela a producir farase a través de 3 ferramentas, segundo explicou José González:

-Aldeas modelos: O obxectivo é protexer as aldeas dos lumes mantendo limpo o seu perímetro a través da actividade agrícola ou gandeira, evitándolle de paso aos propietarios o custo de ter que limpar os terreos. Para poñelas en marcha requirirase a aprobación de polo menos o 70% dos propietarios das fincas. “E a aqueles que non estean de acordo, non se incluirán as súas fincas, pero esixirémoslles que as teñan limpas ou cultivadas”, precisou José González. A Consellería prevé chegar a 200 aldeas modelo nesta lexislatura.

-Polígonos agroforestais: Actuarán sobre un mínimo de 10 hectáreas de terras abandonadas, sen tocar tampouco a propiedade nin os marcos. Neste caso, a idea é ofrecer a agricultores, gandeiros ou viticultores superficies maiores de terreo para o seu cultivo e nunha soa peza, aínda que esta sexa de varios propietarios. Ao igual que no caso anterior, requirirase que estean de acordo como mínimo o 70% dos propietarios e os que non queiran que as súas terras se incorporen ao polígono terán que manter limpas as súas parcelas.

-Agrupacións de Xestión Conxunta: Búscase a xestión conxunta para reducir custos das fincas que están nun perímetro, sobre todo para o sector forestal. Tamén se esixe acordo do 70%, como mínimo, dos propietarios.

O conselleiro de Medio Rural tamén destacou que outra ferramenta que contempla esta lei é favorecer as permutas, para resolver os problemas dos terreos enclavados dentro dos das explotacions gandeiras, favorecendo así que aumenten a súa base territorial cerca das explotacións.

3) Que pasa coas fincas de propietario descoñecido?

Sobre todo en zonas do interior de Galicia unha parte importante das parcelas teñen propietario descoñecido. Ata agora a Axencia Tributaria investigaba a propiedade e se non aparecía o dono pasaban a ser propiedade do Estado.

A partir de agora será a Xunta a que realice a labor de investigación pero irá un paso máis alá: En caso de que non apareza o propietario a admnistración autónomica xestionará o seu uso para poñela en produción. Pero se nos 5 anos posteriores aparece o propietario devolveráselle a finca sen necesidade de recorrer á vía xudicial.

4) Onde se vai actuar primeiro?

LEI DE TERRAS 2

Primeiro actuarase nas zonas con maior demanda e máis acordo entre os propietarios.

4) Vantaxes económicas e fiscais para os propietarios:

José González destacou que ademais das vantaxes económicas para os propietarios -a Xunta garántelles a percepción dunha renda polo aluguer das fincas e non terán o gasto de ter que limpalas- o texto presentado hoxe incorpora tamén vantaxes fiscais.

“Ademais das vantaxes fiscais que puxo en marcha a Xunta parao rural galego, o texto desta lei tamén incopora un mecanismo de interlocucion co Estado para que o Goberno Central incorpore incentivos no IRPF, imposto de sociedades e IVE dos que arrenden e aluguen fincas para lograr tamén unha discriminación positiva para o sector primario”, destacou.

Accede ao texto da Proposición de Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información