“Esta é a crise máis forte do sector apícola desde sempre”

Unións Agrarias advirte de que o prezo do mel non cubre os custos de produción, un problema que se suma a fortes caídas da produción nos últimos anos e á importación masiva de mel de terceiros países

“Esta é a crise máis forte do sector apícola desde sempre”

Roi Rigueira e Félix Porto durante o acto de Unións Agrarias / Fonte: Unións Agrarias

O sector apícola en Galicia está pasando por grandes dificultades motivadas pola maior presenza das pragas e o aumento dos custos de produción, que están levando a unha venda a perdas. Ante esta situación, Unións Agrarias demanda unha serie de medidas e alenta aos produtores a sumarse á próxima manifestación do día 9 deste mes en Madrid.

Causas
“Hai unha problemática que queremos trasladar: unha caída de produción en todo o territorio de en torno do 50% nos últimos anos, acompañada dun incremento moi marcado dos custes de produción froito da subida de tódolos inputs das explotacións. Deste xeito, o prezo medio do mel, que ronda os 3,5 euros nunha explotación profesional, non chega a cubrir os custos de produción”, critica o secretario de coordinación sectorial de Unións Agrarias, Félix Porto.

“Rexistramos unha suba de prezos absolutamente histórica de todos os bens relacionados co envasado do produto, é dicir, vidro, cartón, papel para etiquetaxe, tapas, etc., case duplicaron o seu prezo, e isto ten que poñer enriba da mesa as dificultades actuais do sector. Neste sentido, hai que facer especial referencia ao prezo final que se lle paga ao apicultor, posto que é un prezo insuficiente para manter unha explotación apícola profesional porque non cobren os custos de produción”, sinalou o responsable do sector apícola en Unións Agrarias, Roi Rigueira.

“Rexistramos unha subida de prezos absolutamente histórica de todos os bens relacionados co envasado do produto” (Roi Rigueira)

Baixada da produción
A caída da produción achácana principalmente ao cambio climático: “as olas de calor continuas e as temperaturas extremas, acompañados de problemas sanitarios nos enxames, como a varroa, ou a presenza de depredadores como a velutina”, apunta Porto.

Ademais, a incidencia de incendios forestais está dando lugar á falta de alimento para as abellas nalgunhas comarcas, cuestión que leva á necesidade de desprazar as colmeas.

Pola súa parte, Rigueira recalcou que “nos últimos 5 anos produciuse un incremento do 30% tanto no número de explotacións profesionais como no incremento de colmeas, pero nestes momentos hai certas problemáticas que dificultan a actividade, especialmente o tema da varroa, que non depende completamente do manexo do apicultor, senón que tamén existen causas externas na proliferación da praga”.

Peticións
“Necesitamos que se actúe desde o Ministerio de Agricultura para poñer en marcha o mecanismo da Agencia de Inspección y Controla Alimentario (Aica) e inspeccionar as irregularidades que se están producindo na comercialización de mel no noso país e que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria para non producir a perdas”, reclamou Portos.

A situación vese agravada pola importación de mel orixinario de China, Turquía ou Arxentina, que é cada vez máis común nos puntos de venda. “Isto é en parte froito dun etiquetado deficiente posto que no produto final cómpre engadir máis información sobre o produto. Esta é unha das causas que está conducindo a unha caída dos prezos aquí en España, polo que é urxente tomar medidas”, denunciou o secretario.

“É necesario que as autoridades competentes, tanto o Ministerio como as correspondentes da Comunidade Autónoma tomen medidas ao respecto. Fai falta facer un cambio no Plan de Desenvolvemento Rural a nivel autonómico para inxectar cartos e así compensar os baixos prezos do mel. Tamén é preciso garantir unha correcta etiquetaxe, para que o consumidor teña coñecemento do mel que está mercando e da súa procedencia. Ao respecto, as cadeas de distribución tamén teñen que ser partícipes da non destrución de postos de traballo do sector”, avanza Félix Porto.

Ademais, reclamou un maior control das importacións de mel e unha posta en marcha dun plan de acción contra a varroa, “un dos grandes problemas que temos, e en definitiva, poñer en valor o papel medioambiental da apicultura”, sinalou.

Con estas problemáticas referenciadas “animamos a todos os apicultores e asociacións agrarias a que se unan á manifestación do vindeiro día 9 en Madrid”, engadiu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información