A Espiñeira, no concello de Foz, celebra este domingo a súa tradicional feira cabalar

Esta cita anual para os amantes dos cabalos, recuperada tras 20 anos sen celebrarse, xunta a afeccionados de toda a comarca da Mariña e reparte 1.000 euros en premios  

A Espiñeira, no concello de Foz, celebra este domingo a súa tradicional feira cabalar

O domingo 17 de xuño celebrarase a tradicional feira anual de gando cabalar e bovino que ten lugar na Espiñeira, lugar da parroquia focense de Vilaronte. Neste evento, organizado polo Concello de Foz, haberá actuacións de grupos folclóricos, sesión vermú, concurso de andadura de trotóns e premios ás mellores cabezas de gando.

A feira foi recuperada no ano 1998 por parte dos veciños da Espiñeira despois de 20 anos sen celebrarse e desde entón cumpre xa dúas décadas sendo cita obrigada para os amantes dos cabalos. Trala súa recuperación, a feira consolídase ano a ano como cita obrigada para os amantes dos cabalos de toda a comarca. Gandeiros e afeccionados de toda a Mariña, a Terra Chá e o occidente de Asturias acuden cos seus animais aos concursos organizados.

Na actualidade está organizada polo Concello de Foz desde a Concellaría de Medio Rural que dirixe Pedro Fernández Manín, que convida a todos os gandeiros da comarca e das zonas próximas a acudir a esta nova edición da feira, na que se agarda unha gran afluencia tanto de gando como de público. Desde o Concello agradecen a implicación dos veciños da Espiñeira aos que lles dan as grazas e os parabéns “por loitar sempre por esta feira e apoiala en todo momento”.

A explanada do campo da feira, a carón da capela do Pilar, que data do século XVI, xunta todos os anos a numerosos cabalos, eguas e poldros, aínda que tamén se poden ver cabezas de vacún ou burros. A feira celébrase sempre o terceiro domingo do mes de xuño, o anterior ao San Xoán, patrón da parroquia de Vilaronte, e que celebra as súas festas nesa data, polo que a feira de gando é sempe a antesala aos festexos da parroquia.

Mil euros en premios

A inscrición para os distintos concursos farase no propio campo da feira desde as 10 da mañá até a unha do mediodía. Repartiranse case 1.000 euros en agasallos. Haberá premios en metálico para o maior número de cabezas de gando cabalar e bovino (cun mínimo de 5), para a mellor egua e o mellor cabalo de sela e para a cabeza de gando máis destacada.

A cita festiva conta tamén con posto de comida, onde poder xantar, e con animación musical todo o día. No recinto feiral instalarase, coma todos os anos, un posto de comidas para xantar a base de polbo, xamón ou churrasco. Haberá sesión vermú e música tradicional durante toda a xornada, desde primeira hora da mañá.

Un dos puntos álxidos da xornada terá lugar tralo xantar. Ás cinco da tarde dará comezo o concurso de andadura de trotóns, con premios para os tres primeiros. Ao remate será a entrega de premios e trofeos dos distintos concursos da xornada.

O rexurdir da afección aos cabalos na xente moza da comarca

O rexurdir da feira coincidiu coa crecente afección que fai uns anos se volveu dar polo mundo ecuestre na comarca da Mariña, con novas xeracións de mozos e mozas interesados nos cabalos, xa non como actividade gandeira, senón como hobie. Desde primeira hora da mañá é habitual a chegada de xinetes procedentes de concellos próximos, como Alfoz e o Valadouro. Tamén acoden cabaleiros e cabaleiras de Lourenzá ou Mondoñedo, que chegan seguindo o cauce do río Masma polo recuperado Camiño de San Rosendo, o antigo Camiño Real que unía Mondoñedo coa antiga sede da diócese, a basílica de San Martiño, considerada a catedral máis antiga de España, do século IX e que conta desde principios deste mes cun recén inaugurado museo de interpretación con seis salas para mergullarse na historia deste enclave vinculado a bispos como San Rosendo ou a lendas como a de San Gonzalo e as invasións normandas.

Un lugar cheo de historia industrial e comercial

O barrio da Espiñeira conta cunha importante tradición feiral, xa que até mediados do século XX acollía feira dúas veces no mes. Ademais, este lugar, situado a camiño entre os concellos de Foz e Barreiros a unha marxe e á outra do río Masma, foi desde o século XIX un destacado enclave comercial e industrial que contou con asteleiros, aserradeiros, almacéns de sal, talleres ou muíños, algúns destes negocios impulsados polo empresario local Damián López, veciño da Espiñeira e cuxa antiga casa se atopa a poucos metros do campo da feira. A ponte da Espiñeira, construida a mediados do século XIX para salvar a ría en substitución do barqueiro existente até entón, está considerada tamén a primeira ponte de peaxe de España.

Nova cita coa feira no mes de agosto en Cangas

A feira da Espiñeira non é a única que se celebra no concello de Foz. A cita para os amantes dos cabalos trasládase a mediados do mes de agosto á parroquia de Cangas, onde desde hai cinco anos tamén hai feira. Coa colaboración do Concello, os veciños de Cangas decidiron tamén organizar unha cita vinculada ao mundo rural e agrogandeiro nunha parroquia que conta cunha importante comunidade de montes, a de Real, Rañadoiro e Agudo, e cunha asociación de amantes dos cabalos, Cabaleiros de Cangas. Trátase tamén doutra feira recuperada, celebrada a principios e a mediados do século XX e que despois se foi perdendo.

A Feira de Gando de Cangas ten lugar na área recreativa dos Castros. No recinto feiral instálase unha carpa para degustar polbo e churrasco e, durante a mañá os asistentes poden participar en paseos gratuítos en cabalos. Tamén hai premios, en catro categorías: para andadura chapeda cruzados, andadura de trotóns, andadura serrada cruzados e carreira de burros.

A cita constitúe unha alternativa moi interesante en plena tempada de verán nun concello tan turístico coma Foz para todos aqueles aos que lles gustan os cabalos e o gando. Ademais de feira e exposición de maquinaria, congregan a moito público os concursos de andadura que se fan pola tarde no campo de fútbol de Cangas.

feira espiñeira18

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información