España recupera mercado para o seu leite

O aumento das exportacións e a baixada das importacións reducen o déficit da balanza comercial de lácteos nun 19,3 por cento. As boas cifras cuestionan a crise láctea que se vive no campo

España recupera mercado para o seu leite

O sector cuestiona as penalizacións de prezo que aplican algunhas industrias por supostos sobrantes de leite.

A primeira campaña sen cotas (abril 2015-marzo 2016) saldouse en España cun aumento da produción láctea de arredor de 250.000 toneladas. Esa suba da produción no campo permitiu que o sector lácteo español recuperase mercado interno e aumentase exportacións, ata o punto de que o déficit da balanza comercial en lácteos reduciuse case un 20 por cento.

As exportacións en leite equivalente na última campaña aumentaron un 3,9 por cento e situáronse en 2,38 millóns de toneladas, segundo os datos do Ministerio de Agricultura. No mesmo periodo, as importacións cairon un 4,5 por cento e quedarónse en 3,51 millóns de toneladas. En consecuencia, o déficit da balanza comercial pasou de -1,52 millóns de toneladas de leite equivalente a -1,28 millóns, un descenso do 19,3 por cento.

O sector lácteo español aproveitou o fin das cotas para recuperar mercado interno e gañar mercados de exportación


Principais produtos no comercio internacional

Por tipo de produto, as principais exportacións españolas no 2015 centráronse na nata líquida (37%), nos queixos (24%) e na manteiga (19%). Os principais destinatarios foron outros estados membros da UE, como Francia, Portugal, Italia ou Países Baixos. Entre os destinos non comunitarios, destaca a exportación de queixos a Estados Unidos.

En canto ás importacións, as principais foron de queixos (45%), seguidos do leite en po (18%) e da manteiga (13%). A orixe das importacións é principalmente comunitaria, destacando Francia, Alemania, Portugal e Países Baixos.

Os números revelan que o sector lácteo español está a aproveitar o fin das cotas para recuperar mercado interno e para gañar mercados de exportación. Pódese concluir, por tanto, que boa parte dos aumentos de produción de leite que houbo na última campaña atoparon mercado.

Os bos números do mercado contrastan coas políticas de penalizacións de prezos que aplican algunhas industrias

Situación no campo
Esa realidade contrasta coa situación de prezos e de penalizacións á produción que se vive no campo. Con estos números, como explicar as fórmulas de pago que aplican algunhas industrias, caso de Larsa (80-20) ou Reny Picot (60-40), que pagan no campo a baixo prezo un 20-40% do leite co argumento de que sobra leite no mercado e teñen que convertilo a produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga, etc.).

Tampouco ten explicación a situación das arredor de 500 granxas que están cobrando en Galicia todo o seu leite a prezos de leite en po, por baixo dos 20 céntimos.

As penalizacións no prezo que aplican as industrias ou as dificultades que teñen esta primavera en Galicia primeiros compradores ou queixerías para colocar a súa produción semellan indicar que sobra leite no campo. Os bos números de mercado, en cambio, acoutan o problema a situacións puntuais ou estacionais.

Sobra leite no campo? Pouco. O sector moito se teme que o leite mercado a prezos de po remata envasado nun brick

O repaso ás medidas de mercado da Comisión Europea en España (intervención pública de leite en po, axudas ó almacenamento privado de leite en po e manteiga) revelan tamén que pouco máis do 1 por cento da produción española tivo que acollerse a estas medidas na última campaña.

Conclusións
Sobra entón leite no campo? Pouco. Os desequilibrios de mercado que viven as granxas non se corresponden cos bos números do mercado industrial do leite. Ese contraste levou a que nos últimos meses organizacións agrarias e algunha industria, caso de Leche Río, pedisen un control sobre o destino do leite que se merca no campo a prezos de leite en po. O sector moito se teme que ese leite remata envasado nun brick.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información